miniatura|250x250px|Europa ao inicio da guerra en setembro de 1939 coa invasión de Polonia. Oficialmente, durante todo o conflito a postura de España ante a segunda guerra mundial foi de neutralidade ou non belixerancia activa. Con todo, houbo participación de soldados españois en ambos bandos ao longo da contenda.

Réxime franquista durante a guerra

Forzas armadas españolas en 1940

Exército de Terra esquerda|miniatura|Panzer I, equipado con 2 metralladoras MG 13 de 7,92 mm. Foi utilizado polo bando sublevado durante e tras a guerra civil española. Ao acabar a guerra civil en 1939 reorganizáronse os ministerios do Exército e o de Mariña e creouse o do Aire. Restabelecéronse as Capitanías Xenerais a base de 8 Corpos de Exército na Península e 2 en Marrocos. Contra 1943 creáronse a IX Rexión Militar (Granada) e a Primeira División Acoirazada dentro das Forzas da Reserva Xeral.

Afeito a unha guerra de posicións fixas e sen grandes cambios estratéxicos, o Exército de Terra español carecía da mobilidade de operacións das unidades blindadas dos grandes exércitos europeos. Tampouco contaba con experiencia en operacións combinadas de carros e infantaría. Os carros máis modernos usados na Guerra Civil foran os soviéticos T-26, os xermanos Panzer I e as tanquetas italianas L3/35, xa anticuados para 1940.

Ao final da segunda guerra mundial en 1945 España contaba con 300 000 soldados de tropa, 25 000 suboficiais e 25 000 xefes e oficiais. Para estas alturas o seu armamento ficara moi obsoleto debido á rápida evolución tecnolóxica ocorrida durante a guerra. Así mesmo, o estado de mantemento do material estranxeiro, principalmente soviético, era catastrófico debido á falta de repostos e de técnicos especializados.

Armada O núcleo da Armada española estaba composto en 1940 por un cruceiro pesado, 5 cruceiros lixeiros, unha vintena de destrutores e 5 submarinos. Malia supor unha forza naval significativa, non era en absoluto a que necesitaba España para protexer os seus intereses marítimos. Era unha nación que saíra dunha guerra civil, que destruíra os seus recursos e que recibía por mar a case totalidade das súas importacións. Tampouco era óptimo o estado das bases navais desde onde operaban esas naves. miniatura|200x200px|Probas de mar do cruceiro Almirante Cervera (aínda sen armamento). Dos 6 cruceiros, só 4 estaban operativos: o buque insignia, o cruceiro pesado Canarias, o cruceiro lixeiro Navarra, o cruceiro lixeiro Almirante Cervera e o xa obsoleto Méndez Núñez. Os outros dous, o Galicia e o Miguel de Cervantes (ambos cruceiros lixeiros da clase Cervera), atopábanse en estaleiros, sen dotación e en reacondicionamiento.

Canto aos destrutores, unha cuarta parte tiñan unha idade que se aproximaba aos 20 anos, carecían de valor militar e cumprían funcións de escola. Eran das clases Churruca e Alsedo. Canto á clase Ceuta e a clase Teruel, eran vellos destrutores cedidos por Mussolini a Franco durante a guerra civil que xa só servían como buques de instrución.

Os submarinos eran moi anticuados respecto dos que despregaban Alemaña e outras grandes potencias. Os C-1 Isaac Peral, C-2 e C-4 da clase C eran aptos só para funcións de vixilancia de costas e escola, mentres que o B-2, pola súa nula utilidade militar e a súa antigüidade era usado como Escola Naval de Mecánicos de Ferrol. Como ocorría no caso dos destrutores, Mussolini tamén cedeu submarinos, o Xeneral Mola e Xeneral Sanjurjo, da clase Xeneral Mola.

Entre os buques menores contábase con catro modernos canoneiros-minadores da clase Júpiter, tres canoneiros da clase Cánovas del Castillo e o pouco mariñeiro transporte-canoneiro Calvo Sotelo. Tamén se contaban con seis antigos torpedeiros da clase T, dúas lanchas torpedeiras da clase G-5 soviética, tres antigas da clase MAS italiana e tres máis dos primeiros prototipos da clase Schnellboot alemá, estas últimas moi problemáticas polos seus motores de gasolina. A iso sumábase a lista habitual de buques auxiliares como petroleiros, transportes, alxibes, remolcadores, lanchas, patrulleiras e pontóns.

A Aeronáutica Naval, que en 1936 tiña aproximadamente un centenar de avións, desaparecera aquel mesmo ano pola eliminación física dos seus oficiais durante os inicios da Guerra Civil. Uns meses antes da sublevación quedara fóra de servizo o portahidroavións Dédalo, definitivamente despezado en 1940.

A carencia de oficiais, froito da guerra civil, a escaseza de repostos e de combustíbel e, como consecuencia, o baixo adestramento das dotacións, reducían aínda máis o valor práctico da Armada.

O 8 de setembro de 1939 o goberno franquista estabeleceu por lei a construción de 4 acoirazados, 2 cruceiros pesados, 12 cruceiros lixeiros, 54 destrutores, 36 torpedeiros, 50 submarinos, 100 lanchas torpedeiras, buques auxiliares, dotacións e repostos. Este programa nunca se chegou a efectuar polo seu custo astronómico e polo devir dos acontecementos posteriores.

O programa baseábase na axuda técnica que debía recibir España, pois a súa industria non estaba en condicións de construír por si soa buques de guerra modernos de importancia. Acababan de iniciarse as conversacións con Italia para a construción en España de acoirazados da clase Littorio cando comezou a Segunda Guerra Mundial. Quedou detido o programa naval antes de nacer e o esforzo industrial, sen a cooperación estranxeira, centrouse na modernización das unidades existentes e a finalización dos buques iniciados antes da guerra civil.

Exército do Aire Os avións españois en 1940 eran en xeral inferiores aos da aviación alemá e británica da época. Aínda que durante a guerra civil moitos avións deran un magnífico resultado, o continuo desenvolvemento en materia aeronáutica propiciado entre 1939 e 1945 relegounos todos a un segundo plano.

A Lei de 9 de novembro de 1939 creou o Exército do Aire, e o 17 de outubro de 1940 organizouse o funcionamento das diferentes rexións e zonas aéreas. Daquela, España contaba con 1148 avións de 95 tipos diferentes. Porén, gran parte deles necesitaban urxentes reparacións e había unha falta xeneralizada de pezas de reposto para multitude de modelos de escasa entidade numérica. Tamén había unha carencia de instalacións especializadas, particularmente hangares.

O Exército do Aire español contaba cuns poucos centos de cazas, principalmente de fabricación italiana ou alemá: Fiat CR.32, Heinkel He 112, Bf 109, Fiat G.50 e Heinkel He 51. Entre os bombardeiros destacaban os SM.79, SM.81, Junkers Ju 52, Heinkel He 111, Dornier Do 17 e Fiat BR.20. Ademais, posuía avións de fabricación soviética e española baixo licenza soviética usados na guerra civil pola aviación republicana: cazas Polikarpov I-15 e Polikarpov I-16, e un pequeno número de bombardeiros Tupolev SB e avións de recoñecemento Polikarpov R-5 e R-Z.

A industria de aviación española, centrada en CASA e Hispano Aviación, continuou a produción de avións de combate tras a Guerra Civil. En 1940 existían 370 aparellos en fase de terminación en talleres ou en proceso de compra no estranxeiro. Completáronse 30 I-16 e 63 I-15 en diversos estados de fabricación en talleres republicanos entre 1939 e 1941, ademais de recuperar varias decenas de fuxidos a Francia ao termo do conflito. Así mesmo, reconstruíronse avións do bando sublevado a partir de células e pezas excedentes, talles como 49 Fiat CR.32 ou 30 Bücker Bü 131. Tamén se adquiriu a licenza de produción de varios modelos alemáns e italianos. Finalmente, chegáronse a producir 100 cazas e 40 biplazas de adestramento Fiat CR.32 (chamados HA-132L), 530 adestradores Bücker Bü 131 (CASA 1.131), 25-50 Bücker Bü 133 (CASA 1.133)Haufschild and Schneider Air-Britain Archive Winter 2017, p. 153–154 e 25 Gotha Go 145 (CASA 1.145), 170 transportes Junkers Ju 52 (CASA C-352L) e 200 bombardeiros Heinkel He 111 (CASA 2.111).

Con todo, a situación de bloqueo impediu a renovación do material existente, quedándose aos poucos uns inservíbeis e o resto anticuados, e pexando a produción a números escasos e atrasados no tempo. No entanto, durante a guerra adquiriuse un pequeno número de aparellos máis modernos, tanto mediante programas de compra de avións, outros materiais e licenzas de produción a Alemaña como coa adquisición de avións internados.

Política exterior entre 1939 e 1945

Neutralidade inicial esquerda|miniatura|157x157px|Estandarte da Lexión Cóndor. O 1 de abril de 1939 acabou a guerra civil española e Franco converteuse en xefe de estado do novo réxime en España. Cinco meses despois, o 1 de setembro, Hitler desencadeou a ofensiva sobre Polonia que supuxo o estalido da segunda guerra mundial. Fronte a iso, Franco, que gobernaba unha nación en ruínas e con aínda enfrontamentos entre forzas de seguridade e guerrilleiros, tiña tres opcións. Podía situarse como inimigo de Alemaña ou Italia, cousa que non quixo facer pola gran afinidade política e ideolóxica cos gobernos deses países, que ademais colaboraron de forma importante na súa vitoria na guerra civil. Tampouco podía situarse como inimigo das potencias occidentais aliadas, ao estar rodeado de Francia e as súas colonias e ter o Reino Unido unha poderosa frota que podería impor un bloqueo. Non quedaba máis remedio que impor a neutralidade, a mesma posición que mantivo o país na primeira guerra mundial.

Pero as diferenzas entre ambos casos eran claras. España mantivera unha posición neutral ante a primeira guerra mundial debido ao illamento que sufrira tras o desastre do 98, e por tanto, desfasara o seu exército. Agora mostrábase neutral debido ás consecuencias da guerra civil, que devastara os nós de comunicacións, industrias e cidades. Tiña un exército con gran cantidade de experiencia acumulada na guerra civil e material moderno de orixe italiana, alemá e rusa. A única similitude que había entre ambos casos era a gran axitación interna.

No entanto, tras a entrada de Italia na guerra o 10 de xuño de 1940, Franco cambiou a súa posición de neutralidade á de «non belixerancia» o 12 de xuño de 1940.A entrevista de Hendaia produciuse o 23 de outubro de 1940. Franco entrevistouse con Adolf Hitler, acompañados ambos dos seus ministros de Asuntos Exteriores, Ramón Serrano Suñer (España) e Joachim von Ribbentrop (Alemaña). O resultado foi que España finalmente non entrou na guerra como belixerante, xa que ambas partes non lograron porse de acordo sobre os termos específicos para entrar na guerra.

Tamén se discute até que punto a información secreta que lle pasou Wilhelm Canaris (quen lle asegurou a Franco, ás costas de Hitler, que Alemaña non gañaría a guerra) influíu nas decisións que posteriormente tomase Franco. As demandas territoriais sostidas como punto de partida por ambas ditaduras para afrontar as negociacións eran:

Por parte de Hitler, a cesión dunha das Illas Canarias e, ao parecer, a illa de Fernando Pó. Por parte de Franco, a colonia británica de Xibraltar, así como Orán, Marrocos e Guinea, tres partes integrantes do imperio colonial francés. Ademais, suxeriuse a posibilidade de entregar a España tamén o Rosellón francés.

Aínda así, outras fontes cren que se Hitler (ou quizais Mussolini) exercese unha firme presión sobre Franco, é de prever que tarde ou cedo se conseguiría a entrada de España na guerra ao lado do Eixe. Pero Hitler cambiou os seus plans, talvez angustiado por asuntos máis urxentes como preparar a Operación León Mariño ou a Operación Barbarossa, ou estimando que a entrada de España na guerra non sería decisiva nin de importancia ineludíbel.

Cómpre indicar que Hitler consideraba que o «espazo vital» do Terceiro Reich estaba en Europa Oriental e non no Mediterráneo ou o norte de África. Isto impulsaba a expansión xermana á custa da Unión Soviética e por iso Hitler logrou forzar exitosamente países como Hungría, Eslovaquia ou Romanía para se uniren á guerra en apoio do Eixe. España, pola súa posición xeográfica periférica, puido evitar as presións nazis en tal sentido.

Política das tres frontes