O Partido do Pobo Palestino, tamén coñecido como Partido Popular Palestino (en árabe: Jizb Al-Cha'b Al-Filastini; حزب الشعب الفلسطيني), é un partido político socialista de Palestina que forma parte da alianza 'Al-Badíl' ("a alternativa") xunto coa Fronte Democrática para a Liberación de Palestina (FDLP) e a Unión Palestina Democrática ou 'Fida'. O partido foi fundado en 1982 como Partido Comunista Palestino despois dunha conferencia formada por membros do movemento comunista de Palestina que se escindiron do Partido Comunista de Xordania.
Historia O Partido Comunista Palestino orixinal fundouse en 1919. Tras a creación do Estado de Israel e a anexión Xordana de Cisxordania, os comunistas cisxordanos uníronse baixo o Partido Comunista de Xordania, que conseguiu un apoio considerable entre os árabes palestinos. Gañou unha importancia moi notable no movemento sindical palestino e mantivo unha popularidade considerable en Cisxordania durante a década de 1970, pero o seu apoio diminuíu posteriormente. Na Franxa de Gaza ocupada por Exipto estableceuse outra organización comunista palestina.
En febreiro de 1982, varios militantes destacados do movemento comunista palestino celebraron unha conferencia e re-estableceron un Partido Comunista Palestino. O novo partido estableceu relacións coa Organización de Liberación de Palestina e uniuse a ela en 1987. En abril dese mesmo ano incluíuse a un membro do PCP no Comité Executivo da OLP. O Partido Comunista de Palestina foi o único membro da OLP non baseado nas organizacións fedayín.
O PCP foi un dos catro compoñentes do Liderado Nacional Unificado da Primeira Intifada Palestina, e desempeñou un papel importante na mobilización do apoio popular para o levantamento.
O partido, baixo o liderado de Bashir Barghouti, foi unha das primeiras organizacións comunistas da rexión en reavaliar o marxismo-leninismo como filosofía política. Despois do colapso da Unión Soviética en 1991, o PCP foi renomeado e pasou a ser o Partido Popular Palestino, argumentando que a loita de clases en Palestina debería posporse, xa que o pobo palestino aínda está a librar unha loita de liberación nacional na que deben unirse todas as clases. O cambio de nome tamén reflectiu un desexo por parte dos líderes de distanciarse da imaxe do comunismo, unha ideoloxía percibida como antagónica á relixión islámica; con todo, aínda se identifican co marxismo.
O partido foi defensor empedernido dos Acordos de Oslo; malia que agora critica o "fracaso" do proceso de paz, á vez que defende o obxectivo dun Estado palestino independente en Cisxordania e a Franxa de Gaza.
En 2002, o entón secretario xeral do partido, Mustafa Barghouti, abandonouno xunto con algúns partidarios para fundar a Iniciativa Nacional Palestina.
Nas eleccións presidenciais de 2005, o candidato do partido Bassam as-Salhi recibiu o 2,67% dos votos.
Nas eleccións lexislativas palestinas de 2006, o PPP formou unha lista conxunta chamada Al-badeel para os partidos de esquerda coa Fronte Democrática para a Liberación de Palestina, a Unión Democrática Palestina e independentes. Recibiu o 2,8 % do voto popular e obtivo dous dos 132 escanos do Consello.
Para as eleccións do goberno local palestino de 2016 que inicialmente estaban programadas para outubro de 2016, o PPP foi unha das cinco faccións palestinas de esquerda que formaron unha lista conxunta chamada Lista da Alianza Democrática. Nas eleccións, que tiveron lugar o 13 de maio de 2017, a Alianza quedou con 5 dos 3.253 escanos disputados, obtendo o 0,32% dos votos.
No período previo ás eleccións lexislativas palestinas de 2021, o PPP participou en negociacións coa Fronte Popular para a Liberación de Palestina, a Iniciativa Nacional Palestina, a Fronte Democrática para a Liberación de Palestina e a Unión Democrática Palestina, para formar unha lista conxunta de partidos de esquerda para as eleccións, con todo, as diferenzas entre o PPP e o FPLP fixeron que as negociacións non desen froito.
Finalmente, o PPP formou unha lista conxunta coa Unión Democrática Palestina chamada "Esquerda Unida", dirixida por Fadwa Khoder, membro do Politburó do PPP.
Líderes do partido Bashir Barghouti (1982–1998) Hannah Amireh, Abdel Majid Hamadan, Mustafa Barghouti (1998–2002) Bassam Al-Salhi (2003—presente)
Outros membros notables
Suleiman Al Najjab, membro do Comité Executivo da OLP.
Notas
Categoría:Partidos políticos de Palestina