Anthony Traill, nado en Pietermaritzburg o 27 de febreiro de 1939 e finado en Xohanesburgo o 26 de abril de 2007, foi un lingüista e fonetista surafricano. Especializouse na documentación e análise da lingua taa, tamén coñecida como ǃXóõ, unha lingua da familia tuu e a súa relación con outras linguas khoisas, que na época tiñan a consideración de familia lingüística. A súa investigación abrangueu especialmente a fonética e a fonoloxía dos clics. Traxectoria

Estudou zulú, latín e fonética na Universidade de Witwatersrand entre 1959 e 1962. Ampliou estudos de lingüística aplicada na Universidade de Edimburgo en 1965 e ao ano seguinte realizou un mestrado cun traballo final de investigación sobre a adquisición da linguaxe durante a infancia. Logo de volver a Xohanesburgo comezou en 1966 a dar clases en Witwatersrand. Dende 1985 foi profesor titular do departamento de lingüística e posteriormente catedrático de fonética lingüística. Durante algúns anos foi tamén o director en funcións do departamento de lingüística. Investigación sobre o taa Durante a súa carreira académica desenvolveu unha longa investigación sobre a lingua taa, que el documentou so a forma ǃXóõ e estudou fundamentalmente a variedade coñecida contemporaneamente como !Xóõ oriental ou !Xoon, e constituíu o seu principal obxecto da investigación. A documentación comezou nos primeiros anos da súa carreira e continuou durante décadas.

A súa tese de doutoramento, presentada na Universidade de Witwatersrand en 1981, tiña por título Phonetic and Phonological Studies of !Xóõ Bushman. A versión publicada desta investigación apareceu en 1985 dentro da colección Quellen zur Khoisan-Forschung da editorial Helmut Buske de Hamburgo. A obra constitúe un estudo detallado da fonética e da fonoloxía do taa e converteuse nunha referencia fundamental para a análise da lingua e a primeira en descifrar e ordenar de forma sistemática o complexo inventario de clics (estalos) e tons do taa, un traballo co que asentou as bases modernas para o estudo das linguas tuu.

En 1994 publicou A !Xóõ Dictionary, un dicionario que tamén contén información gramatical. A obra consta de 292 páxinas e publicouna Rüdiger Köppe en Colonia como o volume 9 da colección Quellen zur Khoisan-Forschung. Traill recolleu unha parte substancial do léxico coñecido da variedade da lingua que investigou e proporcionou información paradigmática útil para a investigación fonolóxica, gramatical e semántica.

Os lingüistas Hirosi Nakagawa e Andy Chebanne compilaron o material que Traill deixara para ampliar o seu dicionario de 1994 e publicaron postumamente, en 2018, A Trilingual !Xóõ Dictionary: !Xóõ – English – Setswana.

Investigación sobre outras linguas africanas

Traill publicou estudos sobre distintos aspectos fonéticos das linguas do sur de África e participou en investigacións comparativas sobre as linguas tradicionalmente agrupadas baixo a denominación de khoisas. Entre os seus temas de investigación figuraron os clics, a fonación, o ton e as denominadas consoantes depresoras. Tamén publicou traballos sobre fonética do zulú e sobre cuestións relacionadas coa clasificación histórica das linguas do sur de África. En 1995 publicou «The Khoesan Languages of South Africa» no volume Language and Social History: Studies in South African Sociolinguistics, editado por Rajend Mesthrie. O traballo ofrece unha síntese sobre as linguas tradicionalmente incluídas nesa denominacióne con Rainer Vossen publicou un estudo clave sobre a evolución histórica destas linguas, "Sound change in the Khoisan languages: new data on click loss and click replacement" (1997), onde analizan como e por que algunhas linguas desta área perderon ou substituíron os sons de clic por consoantes máis comúns.

Tamén publicou artigos analíticos sobre o sistema de clics doutras variedades, como o ǃKung, así en 1992 publicou o artigo "A confusion of sounds: the phonetic description of ǃXũ clicks" e en 1997 publicou un folleto cun CD con gravacións de entre 1930 e 1954 das linguas extintas ǁXegwi, ǀHaasi, Nǀuu e korana.

Notas

Categoría:Nados en 1939 Categoría:Finados en 2007 Categoría:Nados na provincia de KwaZulu-Natal Categoría:Lingüístas das linguas tuu Categoría:Lingüístas de Suráfrica Categoría:Alumnos da Universidade de Witwatersrand Categoría:Profesores da Universidade de Witwatersrand Categoría:Alumnos da Universidade de Edimburgo Categoría:Lexicógrafos