César Milstein (nado o 8 de outubro de 1927; finado o 24 de marzo de 2002) foi un bioquímico arxentino nacionalizado británico (mantendo a dobre nacionalidade), que investigou no campo dos anticorpos. Milstein recibiu o Premio Nobel de Fisioloxía ou Medicina de 1984 compartido con Niels Kaj Jerne e Georges J. F. Köhler polo desenvolvemento da técnica dos hibridomas para a produción de anticorpos monoclonais.The Story of César Milstein and Monoclonal Antibodies on WhatisBiotechnology.org The Papers of César Milstein – Churchill Archives Centre
Biografía Milstein naceu en Bahía Blanca, Arxentina. Os seus pais foron Máxima (Vanarks) e Lázaro Milstein, un inmigrante xudeu ucraíno. Graduouse na Universidade de Buenos Aires e obtivo o seu doutoramento baixo a dirección do Professor Stopani (profesor de Bioquímica). Posteriormente traballou no Laboraatorio de Bioloxía Molecular do Consello de Investigación Médica de Cambridge, Inglaterra; adquiriu a nacionalidade británica e tiña dobre nacionalidade británica e arxentina. En 1956, recibiu un premio da Sociedade Arxentina de Investigación en Bioquímica (SAIB) polo seu traballo sobre cinética encimática co encima aldehido deshidroxenase. En 1958, financiado polo British Council, entrou no Departamento de Bioquímica da Universidade de Cambridge para facer traballos de doutoramento baixo a dirección de Malcolm Dixon sobre o mecanismo da activación por metais do encima fosfoglicomutase. Durante este traballo colaborou con Frederick Sanger, a cuxo grupo se uniu cun nomeamento provisorio do Consello de Investigación Médica (Reino Unido).
Carreira
A maior parte da carreira de investigación de Milstein estivo dedicada a estudar a estrutura dos anticorpos e o mecanismo polo cal se xera a diversidade dos anticorpos. Como parte destas investigacións, en 1975, traballou con Georges Köhler (un membro posdoutoral do seu laboratorio) para desnvolver a técnica do hibridoma para a produción de anticorpos monoclonais, un descubrimento que lle valeu o Premio Nobel de Fisioloxía ou Medicina de 1984. Este descubrimento orixinou unha enorme expansión no aproveitamento dos anticorpos en ciencia e medicina. O termo hibridoma foi acuñado por Leonard Herzenberg durante o seu ano sabático no laboratorio de Milstein de 1976 a 1977.
O propio Milstein fixo moitas contribucións na mellora e desenvolvemento da tecnoloxía dos anticorpos monoclonais, especialmente no uso de anticorpos monoclonais para proporcionar marcadores que permitisen distinguir entre diferentes tipos de células. En colaboración con Claudio Cuello, colaborou en establecer os fundamentos do uso dos anticorpos monoclonais como sondas para a investigación das vías patolóxicas en trastornos neurolóxicos, así como moitas outras doenzas. Estes avances en bioloxía e medicina clínica tardarían algúns anos en mostrar o seu gran potencial. O traballo de Milstein e Cuello tamén permitiu o uso de anticorpos monoclonais para mellorar a potencia dos tests de diagnóstico baseados na inmunidade.The Story of César Milstein and Monoclonal Antibodies . Ademais, Milstein predixo o valor potencial dos reactivos que se unen a ligandos que poderían resultar de aplicar a tecnoloxía do ADN recombinante aos anticorpos monoclonais e inspirou o desenvolvemento do campo da enxeñaría de anticorpos, que levaría a ter anticorpos monoclonais máis seguros e poderosos para uso terapéutico.
Os traballos iniciais de Milstein sobre anticorpos centráronse na súa diversidade a nivel de aminoácidos e nas pontes disulfuro que os unen. Parte deste traballo fíxoo en colaboración coa súa muller, Celia. O foco das súas investigacións cambiou despois cara aos ARNm que codifican os anticorpos, dos que proporcionou as primeiras probas da existencia dun precursor dos polipéptidos segregados que contiña unha secuencia sinal. O desenvolvemento da tecnoloxía dos hibridomas combinouse cos avances na secuenciación dos ácidos nucleicos, o que permitiu a Milstein representar os cambios que se producen nos anticorpos despois do encontro cun antíxeno. Demostou a importancia da hipermutación somática dos xenes V de inmunoglobulina na maduración de afinidade dos anticorpos. Neste proceso, a mutación localizada nos xenes de inmunoglobulina permite a produción de anticorpos mellorados, que fan unha importante contribución á inmunidade protectora e á memoria inmunolóxica. Gran parte do seu traballo nos últimos anos estivo dedicado a caracterizar este proceso mutacional tratando de comprender o seu mecanismo. Enviou un artigo para a súa publicación sobre este tema unha semana antes de morrer.
Á parte dos seus propios logros, Milstein serviu como guía e inspiración a moitos investigadores no campo dos anticorpos, e dedicouse el mesmo a axudar á ciencia e a científicos nos países menos desenvolvidos. Milstein patentou a produción de anticorpos monoclonais, e tiña outras tres patentes.
Premios e honores Ademais do premio Nobel que recibiu en 1984, Milstein foi elixido membro da Royal Society (FRS) en 1975, foi membro do Darwin College, Cambridge de 1980 a 2002, gañou o premio Louisa Gross Horwitz da Universidade de Columbia en 1980, galardoárono co Premio Wolf de Medicina en 1980, recibiu a Medalla Copley en 1989, e converteuse en Membro da Orde dos Compañeiros de Honor en 1995. En 1993, a Fundación Konex arxentina outorgoulle o Prmio Konex diamante, un dos premios culturais máis prestixiosos da Arxentina, como o científico máis importante da anterior década dese país.
Vida persoal Milstein casou con Celia Prilleltensky en 1953.
Milstein morreu o 24 de marzo de 2002 en Cambridge, Inglaterra aos 74 anos de idade como resultado dunha doenza cardíaca que levaba moitos anos sufrindo. A súa muller morreu en 2020 aos 92 anos.
A película sobre a súa vida Un fueguito, la historia de César Milstein estreouse en 2010. Dirixiuna Ana Fraile e foi premiada como Mellor Documental pola Academia do Cine da Arxentina.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
César Milstein on Nobelprize.org Retratos de César Milstein na National Portrait Gallery, Londres Os papeis de César Milstein conservados no Churchill Archives Centre
Categoría:Nados en 1927 Categoría:Finados en 2002 Categoría:Premios Nobel da Arxentina Categoría:Premios Nobel do Reino Unido Categoría:Biólogos da Arxentina Categoría:Biólogos do Reino Unido Categoría:Inmunólogos do Reino Unido Categoría:Inmunólogos da Arxentina