Rosa Sensat i Vilà, nada en El Masnou o 17 de xuño de 1873 e finada en Barcelona o 1 de outubro de 1961, foi unha educadora catalá vencellada á educación pública en Cataluña durante as primeiras décadas do século XX. Estudou maxisterio na Normal de Barcelona e sumouse ao movemento de pedagoxía progresista conectada coas novas correntes que chegaban de Europa. Marcada polas súas viaxes a distintos países de Europa e a súa amizade con Jean Piaget, a quen coñeceu nunha estancia en Xenebra, adoitaba dicir que "a mellor escola é a sombra dunha árbore". Defendeu unha educación con proximidade á natureza e á experimentación. Conectada co movemento feminista catalán, apostou de maneira especial pola renovación no ensino das ciencias e a racionalización das materias consideradas femininas apoiando a transformación da educación das nenas.

Traxectoria Naceu en 1873 en El Masnou. Era filla de Jaume Sensat, un capitán de corveta que morreu cando ela tiña nove anos e de Josepa Vilà, bordadora. Ela, a súa nai e a súa avoa subsistiron facendo bordados e puntillas. Aos dez anos empezou a prepararse para o exame do ingreso na Normal e aos doce foi a Barcelona para estudar maxisterio. Matriculouse no Colexio Barcelonés onde se preparou para os exames na Escola Normal. Como en Barcelona non tiña onde aloxarse, Àngela Vallès, a directora do centro, aloxouna na súa casa. Desta maneira converteuse en mestra e mentora e máis tarde na súa sogra.

Aos quince anos xa era mestra superior e comezou a traballar na escola municipal de El Masnou. Seguiu estudando e gañou dúas oposicións, renunciou a unha delas e optou pola praza da escola de párvulos en Xirona. Despois viaxou coa súa nai a Madrid para obter o título de profesora de Normais da Escola Central de Maxisterio.

Volveu á escola de Xirona até o ano 1896 cando logrou unha praza de auxiliar de párvulos en Madrid onde volveu residir durante catro anos e onde tivo unha intensa vida cultural e entrou en contacto co grupo da Institución Libre de Enseñanza, onde coñecerá a Francisco Giner de los Ríos e Bartolomé Cossío.

Con vinte e cinco anos de idade logrou unha praza como profesora de labores na Normal de Alacant onde se trasladou en 1901 pero en 1902 casou con David Ferrer, renunciou á praza e o matrimonio instalouse en Barcelona.

Traballou durante tres cursos na Escola Sant Martí dels Provençals e finalmente en 1908 pasou á Escola Pública Unitaria da Diagonal.

A finais de 1912, sendo bolseira pola Xunta de Ampliación de Estudos, visitou experiencias escolares de vangarda en Bélxica, Suíza e Alemaña.

En Barcelona relacionouse cun activo grupo de educadores próximos á renovación cultural novecentista convencidos da necesidade dunha escola nova como motor moral do cambio social material e espiritual de Cataluña.

En 1909 interveu no primeiro Congrés Internacional de Primer Ensenyament.

Escola Municipal do Bosque En 1914 iniciou a Escola Municipal do Bosque, a primeira escola pública ao aire libre adscrita ás ideas da Nova Escola. Colaboraba activamente no proceso de renovación pedagóxica e deu cursos e conferencias na Escola Normal de la Mancomunitat, onde coñeceu a Alexandre Galí e Eladi Homs, nas diferentes Escoles d'Estiu que organizaba a Mancomunitat de Catalunya e interveu no Congrés de la Llar (París, 1922) e no Congrés d'Educació Nova, celebrado en Niza en 1932. Ocupou cargos directivos nas principais entidades educativas como a Federació de Mestres Nacionals de Catalunya, a carón de Llorenç Jou ou Cassià Costal, na Junta Provincial de Primer Ensenyament e mesmo no Consell Universitari. Tamén colaborou coa Associació protectora de l'Ensenyança Catalana, que lle publicou, no ano 1923 Les ciències a la vida de la Llar.

Durante 20 anos foi a responsable da sección de nenas onde desenvolveu as súas ideas pedagóxicas: respecto aos nenos e nenas e os seus intereses, vitalismo entendido como unha vida achegada á natureza, importancia da hixiene, educación física, ao aire e a luz, o xogo e o traballo; aprecio pola beleza e reflexión pedagóxica a través do bo sentido na vida diaria, evitando tecnicismos e valorando a persoa na súa integridade. Quixo educar de xeito divertido e dinámico, unha forma moi diferente á que existía daquela en España.

En 1931, coa chegada da república o xefe da asesoría de cultura do Concello de Barcelona, Manuel Ainaud propuxo a Sensat dirixir o gran grupo escolar Milà e Fontanals no centro do Distrito Quinto, un dos barrios máis pobres e poboados de Barcelona con 1200 alumnos e corenta profesores, rodeado de rúas onde non entraba o sol, sen parques nin xardíns. Inicialmente negouse pero ao cabo acabou aceptando. Manuel Ainaud pediulle este sacrificio en nome de Barcelona. "La Escola del Bosc, -díxolle- vostede xa a formou, xa funciona, xa está feita e estimulada, xa asegurou o seu camiño. É só para un pequeno sector de rapaces. O que lle pido é a súa achega nunha obra capital e definitiva para todos os nenos de Barcelona". Rosa Sensat, despois dun longo silencio e con bágoas nos ollos, contestoulle, sinxelamente: "Conte comigo. Adiante." Viúva e con case sesenta anos asumiu o reto de construír unha escola pública, democrática, para todos e de calidade.

A guerra civil afectou profundamente o proxecto e mesmo un bombardeo aéreo tocou de cheo a escola, aínda que sen alcanzar aos nenos. Co remate da guerra, en 1939, Sensat foi sinalada como "vermella e separatista" e non aceptou volver á súa praza no centro Milá e Fontanals nese momento en mans dunha directora adepta ao novo réxime franquista.

Unha Comisión Superior Ditaminadora de Expedientes de depuración formulou cargos o 18 de maio de 1940 nos que foi acusada de separatista e de tendencias esquerdistas, e o 21 de xuño do mesmo ano acordou a instrución dun expediente administrativo de xubilación forzosa. Posteriormente, a Comisión negoulle en diversas ocasións a paga de xubilación. Viviu dezaoito anos máis en Barcelona, e morreu o 1 de outubro de 1961.

Notas

Categoría:Nados en El Masnou Categoría:Nados en 1873 Categoría:Finados en 1961 Categoría:Feministas de Cataluña Categoría:Educadores de Cataluña