miniatura|Recreación da aula típica dunha escola do franquismo, presidida por un crucifixo e os retratos de Franco (dereita) e de José Antonio Primo de Rivera (esquerda). Museu d'Història de Catalunya. O sistema educativo franquista foi o sistema educativo en funcionamento en España durante a ditadura do xeneral Francisco Franco Bahamonde (1939-1975). O réxime franquista pretendía eliminar a obra educativa da Segunda República Española, difundir nas escolas os principios ideolóxicos do bando vencedor da Guerra civil, estabelecer un ideario pedagóxico baseado no nacionalcatolicismo e depurar do maxisterio o persoal docente non afín ao réxime.

A escola durante o franquismo volveu separar os nenos das nenas, é dicir, volveu ser segregada. No caso da muller, esta educación obedecía ao papel que se quería conseguir dela: coidadora dos fillos, soporte do home e educadora das novas xeracións de nenos e nenas. Nesta época as mulleres atopábanse en segundo plano. Con este fin creouse a Sección Feminina cuxo ideal era unha muller submisa ao seu marido, relixiosa e patriota.

Características do sistema educativo franquista O sistema educativo franquista definiuse como autoritario, nacionalcatólico, sexista, clasista, ultranacionalista español, dogmático, doutrinal e reaccionario (oposto ás innovacións pedagóxicas). Era exactamente o contrario do sistema educativo da República, que se caracterizaba por ser democrático, laico, promotor da igualdade de sexos mediante a coeducación, igualitario, integrador das linguas e culturas propias das «rexións autónomas», plural, contrario ao adoutrinamiento e aberto ás innovacións pedagóxicas.

Autoritario

O autoritarismo era un dos trazos esenciais do réxime franquista do que formaba parte o sistema educativo. Por iso se falou de escola autoritaria e mesmo de escola cuartel na que os principios que rexían a relación entre docentes e alumnado eran os de unidade, xerarquía, obediencia e disciplina. Por exemplo, o segundo obxectivo do Ensino Primario segundo a Lei de 1945 era «formar a vontade, a conciencia e o carácter do neno a prol do cumprimento do deber e ao seu destino eterno». Pero non só se lle debía mostrar ao alumnado a necesidade do principio de autoridade na escola, senón tamén en todos os niveis da vida. O pedagogo franquista Adolfo Maíllo García defendía un «ambiente educativo» caracterizado pola «disciplina, o espírito de servizo e a represión ascética dos impulsos naturais». O manual escolar Héroes (1938) escrito polo publicista franquista Antonio J. Onieva facía a seguinte defensa do autoritarismo:

Nacionalcatólico

O nacionalcatolicismo determinaba por completo o sistema educativo franquista, xa que a relixión católica inspiraba os programas educativos de todos os niveis do ensino. Unha Orde de decembro de 1938 dicía que había que «saturar de espírito relixioso e patriótico o labor educativo onde deben resplandecer… os dous grandes amores: o amor a Deus e ao amor á patria». O artigo 5 da Lei de Ensino Primario de 1945 dicía: «A educación primaria, inspirándose no sentido católico, consubstancial coa tradición escolar española, axustarase aos principios da Dogma e da Moral católica e ás disposicións do Dereito Canónico vixente». Doutra banda, a escola pública era subsidiaria dos colexios da Igrexa, especialmente no ensino medio.

Ultranacionalista español O ultranacionalismo español tamén era unha das pedras angulares do sistema educativo. A Lei de Ensino Primario de 1945 dicía no artigo 6 sobre a «Formación do espírito nacional» e no artigo 7 sobre a «lingua nacional» o seguinte:

miniatura|250x250px|Grupo de nenos do colexio Santa María de Donostia (1942) miniatura|250x250px|Grupo de nenas dun colexio relixioso de Figareo (Mieres) en 1951

Sexista O sistema educativo franquista era sexista, pois estabelecía a estrita separación dos nenos e as nenas na escola e a súa formación diferenciada. Unha Orde do 1 de maio de 1939 dicía que o «sistema pedagóxico de coeducación» era «contrario enteiramente aos principios relixiosos do Glorioso Movimiento Nacional e, por tanto, de imprescindíbel supresión por antipedagóxico e antieducativo para que a educación dos nenos e as nenas responda aos principios de sa moral e estea de acordo con todos os postulados da nosa gloriosa tradición». O artigo 14 da Lei de Ensino Primario de 1945 volvía insistir no mesmo: «O Estado por razóns de orde moral e de eficacia pedagóxica, prescribe a separación de sexos e a formación peculiar de nenos e nenas no ensino primario». O artigo 11 desa mesma lei estabelecía a educación diferenciada para os nenos e as nenas: «A educación primaria feminina preparará especialmente para a vida do fogar, artesanía e industrias domésticas». A educación diferenciada foi dende o principio un dos trazos definitorios do sistema educativo franquista. Xa en plena guerra civil, José Pemartín, xefe do Servizo Nacional de Ensino Superior e Medio do Ministerio de Educación, dixera que as mulleres que fixesen o bacharelato e fosen á Universidade debían «ser a excepción» e que o seu destino debía ser o «fogar»: Como destacou a socióloga Marina Subirats, «a escola franquista estivo marcada, dende as súas orixes, polo seu antifeminismo profundo, que hai que entender en relación co papel atribuído á muller e ao conxunto de trazos ideolóxicos do réxime». Así a educación das nenas na escola franquista caracterizouse por un «nivel educativo inferior ao dos nenos», por unha «educación ‘diferente’, encamiñada a que asuman o seu rol de ama de casa»; pola «desvalorización continua da súa espontaneidade e o seu xeito de ser, xa que, faga o que faga, a nena é considerada por definición [en negra no orixinal], inferior ao neno, que constitúe o modelo xeral do individuo». A separación de sexos implicou tamén a introdución de materias especiais para as nenas seguindo o criterio estabelecido nunha Orde de marzo de 1938, aínda en plena guerra civil: «Nas escolas de nenas brillará a feminidade máis rotunda, procurando as mestras, con labores e ensinanzas apropiadas ao fogar, dar carácter ás súas escolas, tendendo a unha contribución práctica a prol do noso glorioso exército». A separación de sexos tamén afectou o profesorado que só poderá impartir clases a alumnos do seu mesmo sexo. No preámbulo da Lei de 20 de setembro de 1938 pola que se estabelecía un novo Bacharelato sinalábase como un dos síntomas de decadencia o «afeminamento» contraposto ao «viril heroísmo da xuventude en acción». No ámbito universitario, o que fora reitor da Universidade Complutense de Madrid no tardofranquismo, José Botella Llusiá, manifestouse conforme con este aspecto do ideario nacionalcatólico:

Dogmático

O dogmatismo estaba presente en todas as disciplinas pero talvez onde era máis evidente era no ensino da historia, supeditada a unha dobre doutrina: a do partido único FET y de las JONS e a da Igrexa católica. Así, como destacou o historiador Manuel Tuñón de Lara, na educación franquista a historia estaba considerada «unha simple interpretación ideolóxica do pasado que servirá para modelar o espírito dos nenos e dos mozos», «unha serva do ensino político e eclesiástico». Unha circular de marzo de 1938 da Inspección de Primeiro Ensino dicía: «É preciso que nas lecturas comentadas, no ensino das Ciencias, da Historia, da Xeografía, se aproveite calquera tema para deducir consecuencias morais e relixiosas» O programa de 1940 que tiñan que estudar os aspirantes a acceder ao Maxisterio incluía «o estudo completo da eminente personalidade» do ditador. No cuestionario de Xeografía e Historia para alumnos de segundo ensino publicado o 14 de abril de 1939 incluíanse epígrafes como os seguintes: da Ditadura de Primo de Rivera destacábase o «retorno aos principios de autoridade»; sobre a Segunda República Española propúñase estudar: «os pseudointelectuais resentidos, a masonaría e os financeiros xudeus internacionais fan caer a monarquía. A Segunda República. Os seus desastres, as súas desordes, os seus crimes»; sobre o fascismo, en cambio, «o seu sentido nacional, espiritual e histórico que restitúe a súa dignidade á persoa humana». E como colofón: «Superioridade moral do noso espírito imperial».

Os materiais lectivos ou os medios de expresión usados nas aulas tiñan que pasar a censura para evitar contidos que podían ser considerados demasiado liberais. Os libros de texto tiñan que ser fieis aos principios do Movimiento e, por tanto, quedaban prohibidos todos aqueles aspectos relacionados coas correntes científicas e pedagóxicas europeas. A escola, como o resto de España, atopábase inmersa nunha autarquía cultural con omnipresencia dos contidos e valores da relixión católica.

Clasista O clasismo do sistema educativo franquista foi recoñecido polas propias autoridades educativas en 1969 cando publicaron o “Libro Blanco”. Neste basearíase a reforma educativa que se plasmaría na Lei Xeral de Educación de 1970. Nel recoñecíase que, de feito, existían dous sistemas educativos en España. Un era o das familias das clases altas e medias que levaban os seus fillos aos colexios da Igrexa e que conseguían chegar á Universidade. Esta era gratuíta, o que dado o seu carácter minoritario constitúe «a expresión máis acabada do clasismo do sistema». O outro era para os «sectores sociais menos favorecidos» que levaban os seus fillos ás escolas «nacionais». Non pasaban do nivel do ensino primario, e incorporábanse inmediatamente despois ó mercado de traballo.

Doutrinal O sistema educativo franquista pretendía adoutrinar, non ensinar. O artigo 1 da Lei de Ensino Primario de 1945 dicía: «a educación primaria ten como obxectivo formar a vontade, a conciencia e o carácter do neno para o cumprimento do deber e o seu destino eterno; infundir o amor e a idea de servizo á patria, de acordo cos principios inspiradores do Movimiento». Unha circular de 1939 ordenaba que «o último día de clase os mestres, coas autoridades locais, celebrarán unha festa de carácter relixioso e patriótico exaltando as virtudes do noso invicto caudillo, o heroísmo do exército, dando grazas a Deus por concedernos neste ano a Vitoria, devolvéndonos a grandeza da nosa patria». Nun Curso de Orientación de setembro de 1939 díxoselles o seguinte aos mestres asistentes: Un manual escolar facía a seguinte exaltación do Caudillo (as frases aparecían sobre o debuxo do rostro de Franco): Noutro manual escolar, xunto a un debuxo onde aparecían nenos desfilando co uniforme de Frente de Juventudes (ningunha nena), dicíase:

No ensino medio a función de adoutrinamiento desempeñábana disciplinas específicas. No plan de bacharelato de 1938, deseñado por Pedro Sainz Rodríguez, a Historia tiña ese papel apoloxético do Novo Estado, acompañada dunha hora semanal dedicada a «conferencias para a reformación patriótica». A partir de 1950-1953 esa función desempeñouna a materia de Formación do Espírito Nacional. Esta non era impartida polo profesorado ordinario, senón por membros do partido único FET y de las JONS. miniatura|San Xosé de Calasanz, fundador das Escolas Pías, un modelo segundo a pedagoxía franquista que non asumiu, con todo, a súa visión do cambio social mediante a educación dos pobres

Reaccionario O carácter reaccionario das prácticas educativas franquistas e a súa oposición a calquera innovación pedagóxica pode observarse no seguinte discurso pronunciado polo Tenente de Alcalde de Cultura do Concello de Barcelona ante os mestres asistentes a un Curso de Orientación celebrado en setembro de 1939: A finalidade dos Cursos de Orientación era «saturar» o espírito dos mestres «do contido relixioso e patriótico que informa a nosa cruzada». Noutro Curso de Orientación celebrado en Pamplona en xuño de 1938, aínda en plena guerra civil, un dos conferenciantes foi moi aplaudido polos catrocentos mestres que asistiron a este, cando dixo: