Os dolicois son un grupo de compostos orgánicos insaturados na súa maioría de cadea longa que están constituídos por distintas cantidades de unidades de isopreno terminando nun grupo isoprenoide α-saturado, que contén un grupo funcional alcohol.

Funcións Os dolicois exercen unha función na modificación postraducional de proteínas chamada N-glicosilación en forma de dolicol fosfato. Os dolicois funcionan como áncora de membrana para a formación do oligosacárido Glc3–Man9–GlcNAc2 (onde Glc é glicosa, Man é manosa e GlcNAc é N-acetilglicosamina). Este oligosacárido transfírese desde o doante dolicol en certos residuos de asparaxina (nunha secuencia específica que é "Asn–X–Ser/Thr") de cadeas de polipéptidos acabados de formar. O dolicol está tamén implicado na transferencia de monosacáridos para formar o transportador Glc3–Man9–GlcNAc2–dolicol.

Ademais, os dolicois poden incorporarse como adutos a proteínas como unha modificación postraducional, un proceso no cal se forman "árbores" de carbohidratos ramificados sobre un residuo de dolicol e despois son transferidos a unha ensamblaxe de proteínas para formar unha glicoproteína grande no retículo endoplasmático rugoso.

Os dolicois son un importante compoñente lipídico (14 % en masa) da neuromelanina da substancia negra humana. O dolicol fosfato descubriuse na Universidade de Liverpool na década de 1960, aínda que os investigadores non sabían a súa función no momento do seu descubrimento.

Papel no envellecemento

Suxeriuse o uso do dolicol como biomarcador do envellecemento."J Gerontol A Biol Sci Med Sci. xaneiro de 2005;60(1):39-43". Durante o envellecemento, o cerebro humano mostra un aumento progresivo nos niveis de dolicol, unha redución nos niveis de ubiquinona, pero concentracións relativamente sen cambio de colesterol e dolicol fosfato (ou doliquil fosfato). Na enfermidade neurodexenerativa enfermidade de Alzheimer, a situación está invertida, con niveis diminuídos de dolicol e niveis aumentados de ubiquinona. As concentracións de dolicol fosfato tamén están incrementadas, mentres que o colesterol permanece sen cambios. Os cambios en isoprenoides na enfermidade de Alzheimer difiren dos que ocorren durante o envellecemento normal, e, por tanto, esta doenza non pode ser considerada como vellez prematura. O incremento no transportador de azucres dolicol fosfato pode reflectir un incremento na taxa de glicosilación no cerebro enfermo, e o incremento do antioxidante endóxeno ubiquinona pode considerarse un intento de protexer o cerebro do estrés oxidativo, por exemplo, o inducido pola peroxidación de lípidos.Edlund C, Söderberg M, Kristensson K. Neurochem Int, xullo de 1994,25(1), 35-8

Síntese O dolicol é un produto da vía da HMG-CoA redutase (tamén coñecida como via do mevalonato), e, por tanto, a súa creación e dispoñibilidade está afectada pola inhibición do mevalonato. Primeiro, unha cis (ou Z)-preniltransferase (deshidrodoliquil difosfato sintase en humanos) cataliza a condensación do farnesil difosfato (FPP) cun número variable (dependente da cis-preniltransferase concreta) de moléculas do isopentenil difosfato (IPP), resultando na formación dun poliprenil difosfato (tamén coñecido como deshidrodoliquil difosfato). Este seguidamente sofre a perda de ambos os grupos fosfato, resultando nun poliprenol (deshidrodolicol). Finalmente, a unidade α isoprenoide é saturada por unha α-saturase (que aínda é un encima hipotético), e este alcohol poliprenil α-saturado coñécese como dolicol.Schenk, B.; Fernandez, F.; Waechter, C. J. Glycobiology, 2001, 11(5), 61R-70R.

Noutros organismos Os dolicois encóntranse en eucariotas e arqueas, aínda que as moléculas de poliprenol similares encóntranse en bacterias. Os poliprenois en bacterias non conteñen un isoprenoide α-saturado e son normalmente menores en canto á cantidade de unidades isoprenoides ou lonxitude da cadea carbonada. Os poliprenois realizan funcións similares en bacterias; é dicir, funcionan como lípidos transportadores de glicosil implicados na formación de polisacáridos ramificados complexos. Porén, os procesos celulares nos que están implicados non son a glicosilación, senón a biosíntese da parede celular. As estatinas diminúen os niveis de dolicol no corpo.

Importancia médica A compañía farmacéutica australiana Solagran estivo investigando a importancia médica de poliprenois e a súa substitución con dolicois cando se inxiren se hai deficiencia. Os ensaios de Ropren (xa rexistrados farmaceuticamente como un hepatoprotector) en relación a doenzas neurodexenerativas (como a enfermidade de Alzheimer) en RusiaCompany announcement 20 de setembro de 2005. e AustraliaCompany announcement 21 de febreiro de 2007. indican un considerable potencial como tratamento seguro e efectivo.

Historia O illamento de alcohois isoprenoides moi longos ata entón descoñecidos publicouse por primeira vez en 1960; razón pola que o composto foi nomeado como dolicol, do grego antigo δόλιχος (dolichos, 'longo').

Notas

Véxase tamén Outros artigos Dolicol quinase Poliprenol

Ligazóns externas Resumo en Birkbeck, Universidade de Londres

Categoría:Bioloxía celular Categoría:Derivados de alquenos Categoría:Alcohois primarios Categoría:Alcohois graxos Categoría:Terpenos