miniatura|Proclamación da Segunda República na praza de Sant Jaume de Barcelona A proclamación da Segunda República española consistiu na instauración o 14 de abril de 1931 do novo réxime político republicano que sucedeu a monarquía borbónica de Afonso XIII. Esta ficara «deslexitimada» ao permitir a ditadura de Primo de Rivera (1923-1930), fracasada no seu intento de volta á «normalidade constitucional» coa dictablanda do xeneral Dámaso Berenguer (1930-1931). A ilusión xerada polo cambio, foi descrita polo poeta Antonio Machado, do seguinte xeito: "Esas horas, meu Deus, todas elas foron tecidas co máis puro liño da esperanza, cando vellos republicanos izaron a bandeira tricolor no concello de Segovia!"

España en 1931 constituíu un caso único na historia, pois nunca se producira a caída dunha monarquía por consecuencia inmediata dos resultados dunhas eleccións que non se convocaran con esa finalidade. Tamén o foi porque o cambio de réxime produciuse de forma pacífica, sen ningún tipo de altercado. Así o constatou a prensa monárquica, como publicou o xornal El Tiempo: «Hai que recoñecer e hai que felicitarse da orde e da tranquilidade con que se verificou o cambio de réxime». Tamén o destacou o escritor e concelleiro republicano Miguel de Unamuno desde o balcón do Concello de Salamanca no momento de proclamar a República na cidade: «Vós, aos que se vos chamou "chusma encanallada", destes un fermoso exemplo de cidadanía mantendo a orde contra "os da orde", que non era máis que a desorde organizada».

A dictablanda do xeneral Berenguer

A dictablanda do xeneral Berenguer foi o último período da Restauración. Caracterizouse polo goberno do xeneral Dámaso Berenguer, nomeado polo rei Afonso XIII en xaneiro de 1930 para que restabelecese a «normalidade constitucional» tras a ditadura de Primo de Rivera. A este seguiuno o breve goberno do almirante Juan Bautista Aznar entre febreiro e abril de 1931, que deu paso á Segunda República Española. O termo «dictablanda» foi utilizado pola prensa para referirse á indefinición do goberno de Berenguer, que nin continuou coa ditadura anterior nin restabeleceu plenamente a Constitución de 1876. Tampouco convocou eleccións a Cortes Constituíntes, como esixía a oposición republicana.

O 17 de agosto de 1930 tivo lugar o chamado Pacto de San Sebastián, unha reunión promovida pola Alianza Republicana. Nela, ao parecer (xa que non se levantou acta escrita da mesma), acordouse a estratexia para pór fin á monarquía de Afonso XIII e proclamar a Segunda República. Á reunión asistiron, segundo consta na nota oficiosa feita pública o día seguinte:

Pola Alianza Republicana: Alejandro Lerroux, do Partido Republicano Radical, e Manuel Azaña, do Grupo de Acción Republicana Polo Partido Radical Socialista: Marcelino Domingo, Álvaro de Albornoz e Ángel Galarza Pola Dereita Liberal Republicana: Niceto Alcalá-Zamora e Miguel Maura Por Acció Catalana: Manuel Carrasco i Formiguera Por Acció Republicana de Catalunya: Matías Mallol i Bosch Por Estat Català: Jaume Aiguader i Miró Pola Federación Republicana Galega: Santiago Casares Quiroga

A título persoal tamén asistiron Indalecio Prieto, Felipe Sánchez Román e Eduardo Ortega y Gasset, irmán do filósofo. Gregorio Marañón non puido asistir, pero enviou unha carta entusiasta de adhesión.

En outubro de 1930 sumáronse ao Pacto, en Madrid, as dúas organizacións socialistas, o PSOE e a UXT. O propósito era organizar unha folga xeral acompañada dunha insurrección militar que metese «a Monarquía nos arquivos da Historia», tal como dicía o manifesto feito público a mediados de decembro de 1930. Para dirixir a acción formouse un comité revolucionario integrado por Niceto Alcalá-Zamora, Miguel Maura, Alejandro Lerroux, Diego Martínez Barrio, Manuel Azaña, Marcelino Domingo, Álvaro de Albornoz, Santiago Casares Quiroga e Nicolau d'Olwer, polos republicanos; e Indalecio Prieto, Fernando de los Ríos e Francisco Largo Caballero, polos socialistas.

A sublevación de Jaca O comité revolucionario republicano-socialista, presidido por Alcalá Zamora, que celebraba as súas reunións no Ateneo de Madrid, preparou a insurrección militar que foi arroupada na rúa por unha folga xeral. Este recurso á violencia e ás armas para alcanzar o poder e cambiar un réxime político lexitimouno o propio golpe de estado de 1923 que trouxo a ditadura de Primo de Rivera coa aprobación do rei.

Con todo, a folga xeral non chegou a declararse e o pronunciamento militar fracasou. Isto sucedeu fundamentalmente porque os capitáns Fermín Galán e Ángel García Hernández sublevaron a gornición de Jaca o 12 de decembro, tres días antes da data prevista. Os dous capitáns insurrectos foron sometidos a un consello de guerra sumarísimo e fusilados. Este feito mobilizou de xeito extraordinario a opinión pública en memoria dos dous "mártires" da futura República.

As eleccións municipais do domingo 12 de abril de 1931

miniatura|Portada do Heraldo de Madrid do 13 de abril de 1931 En febreiro de 1931 o rei Afonso XIII puxo fin á dictablanda do xeneral Berenguer e nomeou novo presidente ao almirante Juan Bautista Aznar. Este propuxo un novo calendario electoral: celebraríanse eleccións municipais o domingo 12 de abril e despois eleccións a Cortes que terían «o carácter de Constituíntes». Así, poderían proceder á «revisión das facultades dos Poderes do Estado e a precisa delimitación da área de cada un» (é dicir, reducir as prerrogativas da Coroa) e a «unha axeitada solución ao problema de Cataluña». A maioría das formacións políticas entenderon que as eleccións eran un plebiscito sobre a Monarquía.

Os partidos monárquicos estaban tan convencidos de que lograrían a vitoria recorrendo aos vellos métodos da Restauración borbónica en España que practicamente non fixeron campaña electoral. En realidade só a primorriverista Unión Monárquica Nacional defendeu a necesidade de saír á rúa para mobilizar os partidarios da monarquía. No seu xornal La Nación abundaron os eslóganes para alentar o voto monárquico co argumento de que había que impedir a suposta catástrofe que se aveciñaba se gañaban as candidaturas republicanas: «Españois! Se non queredes que España se afunda no caos soviético, votade pola Monarquía». O goberno tamén confiaba no triunfo das candidaturas monárquicas. Os informes que recibía dos gobernadores civís así llo aseguraban. Perderían as eleccións nalgunhas capitais por pouca diferenza, pero podían dar por seguro que na maioría delas, e en España en xeral, gañarían.

Cara ás cinco e media da tarde do 12 de abril a maioría dos ministros do goberno do almirante Aznar acudiron á Porta do Sol, sede do Ministerio da Gobernación. Querían coñecer de primeira man os resultados das eleccións conforme fosen chegando. As primeiras noticias foron positivas, nas zonas rurais había máis concelleiros monárquicos que republicanos. Porén, pronto se converteron en «desastrosas» (en palabras do marqués de Hoyos, ministro da Gobernación) cando se coñeceron as votacións das vilas importantes e das capitais de provincia. As candidaturas republicano-socialistas gañaran en 42 das 50 capitais. Era a primeira vez na historia de España que un goberno era derrotado nunhas eleccións.

Das 8 capitais gañadas polos monárquicos (Vitoria, Ávila, Burgos, Palma, As Palmas, Lugo, Pamplona e Cádiz), polo menos nunha delas, Cádiz, pareceu bastante claro que se produciu unha cacicada: 40 concelleiros para a candidatura monárquica e 0 para o republicano-socialista.En Madrid os concelleiros republicanos triplicaban os monárquicos e en Barcelona cuadriplicábanos. Na capital os monárquicos non lograron gañar en ningún dos distritos, tampouco nos barrios acomodados, o que constituíu unha gran sorpresa.

Reunión informal do Goberno no Ministerio da Gobernación coa presenza do director da Garda Civil Os ministros reunidos no Ministerio da Gobernación foron conscientes da transcendencia dos resultados que ían dando a vitoria ás candidaturas republicanas-socialistas na capitais de provincia e no resto das cidades. Acudira tamén o director xeral da Garda Civil, o xeneral José Sanjurjo. Nun momento determinado o ministro de Estado, o conde de Romanones, preguntoulle sobre «o estado de ánimo da Benemérita» e a súa resposta foi: «Até onte, sábado, pola tarde respondía dela absolutamente; despois destas eleccións...», e encolleuse de ombreiros. O historiador Carmelo Romero Salvador conclúe que «se algo quedou claro a todos os ministros aquela mesma tarde do 12 de abril en Gobernación foi que, para manter a monarquía, non podían contar coa Garda Civil». «O xeneral Sanjurjo, director da garda civil, moveu a cabeza ao preguntarlle ao conde se o goberno podía contar coa Benemérita».

O luns 13 de abril A madrugada do 13 de abril o ministro da Guerra, Dámaso Berenguer, enviou un telegrama a todos os capitáns xerais. Nel daba por feita a vitoria das candidaturas republicanas-socialistas («as eleccións municipais tiveron lugar en toda España co resultado que polo producido na propia Rexión da V.E. pode supor») e dicíalles que non debían oporse ao «curso lóxico que lles impoña [aos destinos da Patria] a suprema vontade nacional». Engadía que «en momentos de tal transcendencia non se ocultará á V.E. a absoluta necesidade de proceder coa maior serenidade por parte de todos, co corazón posto nos sacros intereses da Patria, que o Exército é o chamado a garantir sempre e en todo momento».O único xeneral que se ofreceu en persoa ao rei para mostrarlle o seu apoio e ofrecerlle os seus servizos foi José Cavalcanti, un dos instigadores do golpe de estado de Primo de Rivera de 1923.

Á primeira hora da mañá o conde de Romanones, ministro de Estado, entrevistouse co rei para trasladarlle a súa opinión de «que todo estaba perdido». Afonso XIII contestou: «Eu non serei un obstáculo no camiño que haxa que tomar; pero creo que aínda hai varios camiños». Case ao mesmo tempo o ministro de Traballo Gabriel Maura Gamazo reuniu no seu despacho o grupo dirixente do maurismo, entre eles Antonio Goicoechea. Todos acordaron que había que formar un novo Goberno que convocase Cortes Constituíntes e que o rei debía expatriarse polo menos durante un tempo. Para atraer os republicanos, proporían o adianto das eleccións xerais ao 10 de maio e, se volvían gañar as candidaturas antidinásticas, o rei declinaría os seus poderes. A proposta foi trasladada ao palacio por Honorio Maura Gamazo. Ás dez e media da mañá o almirante Aznar, presidente do goberno, entraba no Palacio de Oriente para entrevistarse co rei. Preguntado polos xornalistas sobre se habería crise de goberno, Aznar contestou:

O goberno, absolutamente desconcertado ante os resultados pero que aparentaba tranquilidade, reuniuse de urxencia pola tarde, e deseguido xurdiron as fondas diferenzas sobre como afrontar a situación. O ministro de Fomento, o conservador Juan de la Cierva, defendeu a resistencia, consiredando que había que «constituír un goberno de forza, implantar a censura e resistir». Apoiouno o tamén conservador Gabino Bugallal. Porén, o resto de ministros, encabezados polo liberal conde de Romanones, propuxeron (foi a opinión que se impuxo) que o rei abrise consultas para formar outro goberno e que convocase eleccións plenamente plebiscitarias. Con todo, moitos deles estaban convencidos de que todo estaba perdido, sobre todo cando foron chegando as respostas titubeantes dos capitáns xerais ao telegrama que enviara a noite anterior o ministro da Guerra, o xeneral Dámaso Berenguer. O único que puxo reparos ao contido do telegrama foi o ministro de la Cierva. A misiva non invocaba «o poder lexítimo do Goberno do rei», senón «a soberanía nacional». O resto de ministros non o secundaron e Gabriel Maura afirmou durante a reunión: «Eu teño o sentimento de manifestar que despois da elección de onte, paréceme ilexítima a Monarquía Española».