Publicaciones de La Escuela Moderna (tamén coñecida polas iniciais PLEM) foi unha editorial barcelonesa creada para prover de textos e materiais educativos a chamada Escola Moderna. Tanto a escola como a editorial foron fundadas polo pensador e pedagogo anarquista Francesc Ferrer i Guàrdia.

Historia Ao mesmo tempo que a Escola Moderna, finalmente inaugurada en setembro de 1901, Francesc Ferrer i Guàrdia proxectara a creación dunha editorial que puidese proporcionar ao novo centro educativo libros de texto e materiais didácticos en consonancia coa súa liña pedagóxica libertaria, racionalista e laica. Ese mesmo ano Publicaciones de La Escuela Moderna preparou e imprimiu o seu título inaugural, o Compendio de Historia Universal de Clemencia Jacquinet, primeira directora da escola.

Axiña publicaríanse obras para aprender a ler e escribir (Cartilla filológica española, 1903; Compendio razonado de gramática española, 1905; Correspondencia escolar, 1905), manuais de xeografía, ciencias naturais, aritmética ou francés, e tamén algúns títulos publicados como libros de lectura, como por exemplo o relato antibélico El infierno del soldado (1906), de Juan de la Hire, a exitosa novela Sembrando flores (1906), de Federico Urales, e algunhas pezas teatrais de contido claramente social, como Las Tenazas (1904), de Paul Hervieu, ou Floreal (1906), de Jean Pierre Chardon. alt=El utilitarismo, de Stuart Mill, foi o volume XVIII da colección Los grandes pensadores, editada por Publicaciones de la Escuela Moderna.|miniatura|439x439px|Volume XVIII da colección Los grandes pensadores, editada por Publicaciones de la Escuela Moderna Tamén nesta etapa pasaron a formar parte do fondo de Publicaciones de La Escuela Moderna as obras sobre sindicalismo revolucionario da Biblioteca de la Huelga General (1901-1904), que dirixira Ignacio Clarià. Aínda que a Escola Moderna foi pechada polas autoridades en 1906, como consecuencia da implicación dun dos seus mestres nun atentado frustrado contra Afonso XIII, a editorial mantivo a súa actividade con varias publicacións, algunhas de carácter panfletario, como ABC sindicalista (1908), de Georges Yvetot. Despois do fusilamento en 1909 de Ferrer i Guàrdia, acusado falsamente de instigar os disturbios da Semana Tràxica (xullo de 1909), asumiu a dirección o seu amigo Lorenzo Portet, a quen Ferrer i Guardia legara a editorial. Nesta segunda etapa (1909-1920) publicáronse postumamente algunhas obras do fundador, entre as que destaca La Escuela Moderna (1912), que foi traducida a numerosos idiomas.

Cómpre mencionar tamén Evolución proletaria (1915), de Anselmo Lorenzo, Montjuich (1917), de Ignasi Bó i Singla, e, moi especialmente, unha nova colección: Los grandes pensadores (1915-1919); títulos como Creación y evolución, de Herbert Spencer, El socialismo, de Jean Jaurès, El utilitarismo, de John Stuart Mill, Miscelánea filosófica, de Voltaire, ou Las clases jornaleras, de Francesc Pi i Maragall, dan unha idea da variedade de obras de pensamento publicadas. Ao redor de 1920, tres anos despois da morte de Lorenzo Portet, a súa viúva vendeu a firma a Casa Maucci, unha editorial comercial que reeditou a colección Los grandes pensadores e unha parte importante do fondo, engadida ao catálogo de Maucci baixo a epígrafe Publicaciones de Cultura y Enseñanza.

Notas

Categoría:Editoriais de Cataluña