A tentativa de golpe de Estado en España en 1985 foi unha conspiración para levar adiante un golpe de Estado liderado por un grupo de militares apoiados por civís. Estaba previsto que tivese lugar na Coruña o 2 de xuño de 1985, durante o desfile militar do Día das Forzas Armadas, mais o CESID desarticulou o plan, se ben o Goberno de Felipe González decidiu non tomar medidas para non darlle publicidade ao acontecemento.

Planificación A conspiración estaría auspiciada por altos mandos militares, co obxectivo de crear un baleiro de poder que facilitase a intervención do exército na política española. Planeouse asasinar o entón presidente do Goberno, Felipe González; o vicepresidente primeiro, Alfonso Guerra; o ministro de Defensa, Narcís Serra, e os xefes da cúpula militar, os almirantes Ángel Liberal Lucini e Guillermo Salas Cardenal e os tenentes xenerais José María Sáenz de Tejada e José Santos Peralba. Tamén se planeou asasinar o rei Xoán Carlos I de España, a raíña Sofía de Grecia e as infantas Helena e Cristina de Borbón e Grecia. O múltiple magnicidio tería lugar mediante a explosión dunha ou varias bombas situadas baixo a tribuna de autoridades, durante o desfile militar do Día das Forzas Armadas, que se celebraría o 2 de xuño de 1985 na Coruña. Ao acto tamén asistiron o presidente do Congreso dos Deputados, o presidente do Senado, o presidente do Tribunal Constitucional, o presidente do Tribunal Supremo e do Consello Xeral do Poder Xudicial, así como outros membros do goberno de Felipe González.

Os militares implicados na conspiración tiñan previsto alugar un edificio con soto próximo á tribuna e furar un túnel no cal colocar máis de 100 kg de potentes explosivos. Estes serían proporcionados por un empregado dunha empresa construtora, pois o uso de material explosivo procedente das forzas armadas delataría a conspiración militar. Máis tarde, culparíase a Euskadi Ta Askatasuna do ataque.

Desmantelamento Na Semana Santa de 1985 os propios organizadores abortaron o plan, logo de que o CESID lles fixese notar que estaban vixiados. As visitas entre os militares, algúns deles en prisión, e a colaboración dun dos conspiradores cos servizos de intelixencia axudaron a detectar e frear o golpe.

Consecuencias Ningún dos organizadores, nin sequera aqueles que se encontraban en activo, foi perseguido. Fontes do Goberno socialista de 1985 aseguran que os conspiradores eran moi poucos e que se encontraban vixiados e controlados, polo que non supuñan ningún risco. Amais, non dispuñan de capacidade de liderado para dirixir o país en caso de que o golpe triunfase nin tiñan un plan en caso de contar con éxito.

O goberno, co fin de non facer pública a fraxilidade da democracia española meses antes da entrada de España na Comunidade Económica Europea, e co obxectivo de non darlle á ultradereita máis mártires dos que xa se atopaban en prisión, decidiu limitar a súa acción, non levar a cabo ningún tipo de actuación e ocultar o asunto. En 1997, Felipe González, xa na oposición, realizou unhas declaracións nas que facía público o intento de golpe.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Transición española Golpe de Estado do 23 de febreiro de 1981

Categoría:Tentativas de golpes de Estado Categoría:1985 en Galicia Categoría:A Coruña