Ediciones Torremozas é unha editorial española especializada na difusión de literatura escrita por mulleres.

Historia A editorial foi fundada pola poeta e ensaísta Luzmaría Jiménez Faro en 1982 en Madrid. Dende o principio, o obxectivo principal foi a divulgación da literatura feminina, especialmente no xénero poético; tanto a publicación de textos de autoras noveis como o rescate da obra de numerosas escritoras e intelectuais esquecidas perseguían este fin. Tamén foi unha resposta a unha necesidade da época: a pesar da transición á democracia, as escritoras seguían tendo dificultades para acceder ás editoriais. Tras o falecemento de Luzmaría Jiménez en 2015, a súa filla Marta Porpetta Jiménez asumiu a dirección da editorial.

Catálogo Os case mil títulos que Torremozas editara no seu corenta aniversario e os que virían despois están distribuídos en diferentes coleccións que abarcan diversos xéneros (narrativa, teatro, ensaio, biografía, memorias, epistolarios), aínda que predominan as coleccións dedicadas á lírica. En 1982 inaugurouse o fondo co primeiro volume dunha serie de poesía, a Colección Torremozas; titulábase Poemas (Primera selección de nuevas voces) e reunía composicións de catro poetisas: Lola Deán, Pilar Monzón, Amaranta Ortega e María Carmen Tobajas. Esta vontade evidente desde o primeiro título de dar a coñecer autoras emerxentes conviviu coa recuperación de figuras consolidadas pero a miúdo relegadas polo mundo editorial, con obras que non se podían atopar pola penuria de reedicións, ou directamente marxinadas ou ignoradas. miniatura|alt=Portada de Cancionero de la enamorada, de Carmen Conde, publicado por Ediciones Torremozas|Portada de Cancionero de la enamorada, de Carmen Conde, publicado por Ediciones Torremozas|411x411px Neste ámbito cómpre destacar a atención prestada ao legado literario de Carmen Conde e Gloria Fuertes. Non é unha casualidade, senón unha consecuencia lóxica da relación directa de ambas escritoras con Luzmaría Jiménez, que foi designada testamenteira literaria por Conde e herdeira universal de Fuertes. Deben mencionarse tamén os volumes poéticos de autoras contemporáneas de dilatada traxectoria, como Pino Ojeda (El alba en la espalda, 1987), Aurora de Albornoz (Canciones de Guiomar, 1990), Elena Andrés (Talismán de identidad, 1992),  Ernestina de Champourcin (Del vacío y sus dones, 1993), Concha Zardoya (El don de la simiente, 1993) e Ana Rossetti (Panabcdario, 2014).

Tampouco se desatendeu a produción de poetisas que case poden considerarse clásicas: Emily Dickinson, Emily Brontë, a española Carmen de Burgos, a arxentina Alfonsina Storni, a uruguaia Juana de Ibarbourou ou a portuguesa Florbela Espanca. Luzmaría Jiménez tamén é responsable dunha notable tarefa como compiladora de poesía feminina, como demostra a publicación en Torremozas dos seus catro volumes (1995-2002) de Poetisas Españolas. Antología general (Tom I. Ata 1900; II. De 1901 a 1939; III. De 1949 a 1975; IV. De 1976 a 2001).

Notas

Categoría:Editoriais de España