Diáspora do amor balea é unha obra de poesía en lingua galega que contén unha confrontación poética en formato epistolar entre as súas autoras, Andrea Nunes Brións e María Rosendo Priego, publicada por editorial Caldeirón en 2018 e cunha 2ª edición en 2020, corrixida e aumentada, que incluía unha ligazón a Internet con acceso a algúns poemas en formato son. Sinopse O poemario presenta unha serie de cartas de amor en forma de poemas entre dúas amantes que se evocan, conformando un relato da ausencia, dada pola emigración, e da memoria da persoa amada, e da ansia por reencontrarse con ela.. Xurdiu nun intercambio de notas de son entre as autoras, María, aveciñada no interior da provincia de Lugo naquel entón, e Andrea, que residía naquel momento na China, con intención de facer un poemario erótico que, non obstante, foi atravesado polo amor.
O amor que se presenta é un amor combativo porque rompe as normas do heteropatriarcado capitalista: é lésbico, é libre e tamén é múltiple, un vínculo que foxe das normas do heteropatriarcado e da dependencia atopándose no feminismo, e se concreta na posibilidade de abrazar a diversidade e de refacerse nela. Dese xeito, cuestiónanse as estruturas afectivas aceptadas socialmente facilitando a súa deconstrución para que pasen a estar no centro os coidados e as persoas, e non o capital.
Linguaxe A linguaxe empregada busca crear un universo erótico, facendo uso dun vocabulario sexual, dun campo léxico corpóreo e da exploración anatómica. Así, Diáspora do amor balea pode contribuír a constituír unha lingua erótica para o galego, construíndo un novo corpus lingüístico, dado que a lingua galega culta ten pendente edificar un léxico do erotismo, realmente expresivo ao redor do desexo e o corpo.
Concepto poético e intencionalidade A poesía concíbese como ferramenta para reconstruír o mundo, contribuíndo a unha historiografía feminista e á loita para combater o patriarcado: a poesía ten que incomodar, ten que remover conciencias.
Temáticas Ademais de amor, eixe central, nesta obra abórdanse temáticas como sexo, erotismo, feminismo, lesbianismo, identidades, emigración, lingua ou natureza.
Influencias As poetas galegas de xeracións previas conforman a influencia directa deste poemario, entre elas: Olga Novo, Yolanda Castaño, Ana Romaní, Lupe Gómez, Xiana Arias, Xohana Torres ou María do Cebreiro.
Premios
XII Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas (2017).
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Videopoema de Diáspora do Amor Balea (en Youtube)
Categoría:Obras de poesía en galego Categoría:Literatura LGBT Categoría:Obras literarias de 2018