Bruno García Formoso, nado en Ferrol o 6 de xuño de 1974, é un exjudoka e adestrador galego de fútbol sala, que dende 2024 dirixe a selección nacional de Kuwait. Cunha ampla traxectoria de máis de 25 anos como técnico, adestrou sete clubs da Primeira e a Segunda División de España, así como dous clubs na China e as seleccións nacionais do Perú, Vietnam, Xapón e Kuwait. Dende 2026 preside o Parrulo FS de Ferrol.
Traxectoria
Comezos no judo Durante a súa xuventude practicou fútbol sala e judo, chegando a obter bos resultados neste último. Membro do ximnasio Bitácora de Ferrol, en febreiro de 1990 conseguiu a medalla de bronce no Campionato Galego sub-19 en categoría de menos de 50 kg, e dous meses despois proclamouse en Riazor campión galego sub-17. Ao ano seguinte proclamouse campión galego sub-19 na categoría de 55 kg, despois de derrotar por ippon na final ao coruñés Héctor Naveiras, e en 1992 conseguiu o mesmo título na categoría de menos de 60 kg, despois de vencer todos os combates por ippon. En decembro do mesmo ano conseguiu a medalla de bronce no Campionato de España sub-19 en Valladolid. Tras obter tamén bos resultados nos campionatos galegos absolutos, unha lesión aos 19 anos obrigouno a deixar o judo.
Boandanza e Parrulo A continuación licenciouse en Educación Física e conseguiu praza fixa como profesor nun colexio, traballo que compaxinou durante un tempo coa labor de adestrador de fútbol sala. Así, foi preparador físico e axudante do adestrador do Boandanza Fene, Luis Pereira, co que conseguiu o ascenso á División de Prata no ano 2000, e tamén na selección galega. En 2001 colleu as rendas do Boandanza, substituíndo a Pereira, e dirixiu o club durante dous anos na segunda categoría do fútbol sala español. En 2003 rexeitou varias ofertas, algunhas delas do estranxeiro, para continuar en Ferrolterra, onde fichou polo Parrulo. Adestrou durante un ano o club ferrolán, sen conseguir achegarse aos postos de ascenso.
Grupo Pinar En 2004 decidiu deixar Galicia, así como a súa praza de profesor, para dedicarse por completo á labor de adestrador profesional, e aceptou a oferta do Grupo Pinar Adecor de Córdoba. Na súa primeira campaña no club andaluz, conseguiu clasificar o equipo na terceira posición do seu grupo, meténdose así nos play-offs de ascenso á División de Honra, onde caeu na primeira rolda ante o Bilbo, club que acabou ascendendo. Na tempada 2005/06 rematou na segunda posición do Grupo A, volvendo xogar os play-offs, pero volveu ser eliminado na primeira fase, desta vez ante o FC Barcelona.
Leis Pontevedra e Azkar Lugo En 2006 volveu ao fútbol sala galego como novo adestrador do Leis Pontevedra, e na súa primeira e única campaña conseguiu ascender o club á División de Honra por primeira vez na súa historia. A continuación fichou polo Azkar Lugo, co que debutou na máxima categoría. Con xogadores como Fernandinho ou Marcelo, o conxunto lucense obtivo un histórico quinto posto final, a mellor clasificación do club en toda a súa existencia, e Bruno García foi elixido mellor adestrador da liga. Dirixiu o Azkar tres anos máis na División de Honra ata a súa marcha en 2011, motivada por diferenzas co presidente Manuel Vázquez.
Oxipharma Trala súa saída de Lugo fichou polo Oxipharma de Granada, co que se proclamou campión da renomeada Segunda División, conseguindo así o ascenso a Primeira. Con todo, xusto tralo ascenso a empresa Oxipharma retirou o seu patrocinio do club, o que levou á consecuente desaparición da entidade.
China Trala decepción coa desaparición do Oxipharma, puxo rumbo á China, onde asinou como novo adestrador do Changchun Fengyun, club que viña de crear unha sección de fútbol sala na máxima categoría. Tras conseguir a permanencia na primeira volta, pasou ao Zhejiang Dragon, que estaba a pasar por un mal momento deportivo. Pero trala chegada de Bruno García o equipo mudou a súa traxectoria e cunha colleita de 19 vitorias en 22 partidos acabou proclamándose subcampión de liga, só por detrás do Shenzhen Nanling Tielang.
Perú En 2013 cambiou de novo de continente e púxose á fronte da selección nacional do Perú, converténdose no primeiro seleccionador europeo nun combinado suramericano. Asinou un contrato de tres meses, tempo no que levou o equipo a gañar a medalla de bronce nos Xogos Bolivarianos, o primeiro metal peruano nun deporte de equipo.
Vietnam A pesar de contar cunha oferta de renovación no Perú, decidiu rexeitala e aceptar outra da Federación Vietnamita, regresando así a Asia para dirixir a selección de Vietnam. En 2014 participou na Copa Asiática de Fútbol Sala, máxima competición continental, onde logrou o pase á fase eliminatoria, quedando eliminado nos oitavos de final tras perder ante Irán.
Ese mesmo ano disputou en Malaisia o Campionato da AFF, destinado a seleccións so Sueste asiático, onde conseguiu o primeiro posto do grupo B. Xa en semifinais caeu ante a selección australiana por 3-4 na prórroga e posteriormente conseguiu a medalla de bronce ao derrotar a Indonesia no partido polo terceiro posto. Paralelamente, Bruno García dirixiu o Thai Son Nam, co que se proclamou campión da Copa de Vietnam.
En 2016 disputou a súa segunda Copa Asiática, onde conseguiu unha histórica vitoria nos cuartos de final contra o Xapón, o que lle valeu ao Vietnam o pase ás semifinais e a súa clasificación para a Copa do Mundo dese mesmo ano. Debutou no Mundial de Colombia cunha vitoria ante a Guatemala adestrada polo salmantino Tomás de Dios e clasificouse para a fase eliminatoria, onde Vietnam foi finalmente eliminado en oitavos por Rusia.
Xapón Tralo Mundial deixou Vietnam para aceptar o cargo de adestrador da selección nacional do Xapón. Co combinado nipón disputou a Copa Asiática de 2018 en Taipei, onde acadou a final, perdéndoa por 4-0 contra Irán. En 2021 participou na súa segunda Copa do Mundo e conseguiu clasificar o Xapón para os oitavos de final, onde foron eliminados polo equipo ruso. Deixou o cargo de seleccionador xaponés tralo Mundial e pouco despois foi elixido como o cuarto mellor seleccionador do mundo nos FutsalPlanet Awards.
Betis En 2022, despois dunha década fóra, regresou ao fútbol sala español asinando como novo técnico do Betis, da Primeira División. Na súa primeira tempada acabou a liga na 12ª posición, mentres que non conseguiu rematar a seguinte campaña, ao ser cesado en marzo de 2024 debido aos malos resultados.
Kuwait Trala súa saída do Betis, en 2024 volveu ao fútbol sala asiático, como novo seleccionador de Kuwait.
Presidencia do Parrulo En maio de 2026 converteuse no novo presidente do Parrulo FS de Ferrol, substituíndo no cargo ao histórico Xulio Martínez, que presidía o club dende a súa fundación 48 anos antes.
Palmarés Como judoka Campión de Galicia sub-17 (1): 1990. Campión de Galicia sub-19 (2): 1991, 1992.
Como adestrador de fútbol sala Oxipharma FS Segunda División (1): 2011/12.
Selección do Perú Medalla de bronce dos Xogos Bolivarianos (1): 2013.
Thai Son Nam LS Cup (1): 2015.
Notas
Categoría:Nados en 1974 Categoría:Nados en Ferrol Categoría:Judokas de Galicia Categoría:Adestradores de fútbol sala Categoría:Adestradores de Galicia