José Miguel Figueira Domínguez, nado na Picota (Mazaricos) o 16 de abril de 1974, é un exfutbolista e adestrador de fútbol galego, que dende novembro de 2024 dirixe o Deportivo da Coruña Xuvenil na División de Honra. Xogaba principalmente como centrocampista e tivo unha longa carreira como futbolista, vestindo a camiseta dunha decena de equipos en cinco categorías diferentes, dende a Primeira Autonómica de Galicia ata a Segunda División española.
Traxectoria
Como futbolista
Comezos Naceu o 16 de abril de 1974 na Picota (Mazaricos), sendo fillo de José Miguel Domínguez Malvárez e María Dolores Domínguez Domínguez. Pasou os primeiros anos da súa vida na vila mazaricá, onde seu avó Generoso Domínguez Vara era director dunha oficina de Caixa Galicia, e alí comezou a xogar ao fútbol na rúa. Máis tarde trasladouse a Zas, onde viviu ata os 13 anos, e a pesar de que non tiña a idade mínima, ingresou no equipo xuvenil do Sporting Zas, club do que seu pai fora fundador e presidente. Posteriormente a familia instalouse en Vimianzo, onde seu pai dirixiu tamén unha oficina de Caixa Galicia. Alí xogou no xuvenil do Soneira, de novo sen ficha por mor da súa idade.
Bergantiños Tras un breve paso polo Vista Alegre de Santiago, en 1989 recalou no Bergantiños, grazas aos esforzos de seu pai. Comezou nos xuvenís, con Ramón Piña como adestrador, e na seguinte campaña pasou a adestrar co primeiro equipo, ás ordes de Chus Baleato, chegando a debutar con só 16 anos na Copa Deputación. Finalmente, a mediados da tempada 1991/92 debutou na Terceira División da man de Piña e disputou a promoción de ascenso á Segunda División B. As súas destacadas actuacións co club de Carballo espertaron o interese do FC Barcelona e do Real Madrid e en setembro de 1992, por mediación de Manuel Fernández Trigo, desprazouse á capital española para poñerse a proba co club branco. De regreso en Carballo, militou dúas campañas máis no Bergantiños, co que se proclamou campión do grupo galego de Terceira na 1993/94, disputando unha nova promoción de ascenso.
Fabril O 4 de xullo de 1994, cando estaba a piques de rematar o servizo militar, fichou polo Fabril, tamén da Terceira División, ao que chegou xunto aos seus compañeiros no Bergantiños Lema, Repi e Fran. Na súa primeira campaña no filial do Deportivo da Coruña tivo como técnico a José Manuel Corral e conseguiu o ascenso a Segunda B, contribuíndo cun total de 32 partidos e 5 goles. Xogou como titular indiscutible durante as seguintes tres campañas na categoría de bronce do fútbol español, todas ás ordes de Carlos Ballesta, e disputou dúas promocións de ascenso.
Levante No verán de 1998, ao remate do seu contrato co Fabril, asinou como novo xogador do Levante, tamén da Segunda B. Na súa primeira campaña sumou 24 partidos na fase regular da liga, proclamándose campión do Grupo III, e cinco máis na promoción de ascenso, na que o equipo conseguiu subir á Segunda División. Xogou ademais nove encontros na Copa do Rei, acadando os oitavos de final, nos que o Levante caeu ante o seu máximo rival, o Valencia. Nas seguintes dúas tempadas disputou 52 partidos na categoría de prata, tendo como adestradores a José Balaguer e José Carlos Granero. Marcou un único gol en Segunda, nun partido ante o Tenerife no que conseguiu bater ao histórico gardameta colombo-arxentino Carlos Navarro Montoya.
Castellón Entre 2001 e 2004 militou no Castellón, co que gañou o seu segundo título da Segunda B na tempada 2002/03, sendo unha peza fundamental nos esquemas do técnico José Luis Oltra. Ademais chegou a portar o brazalete de capitán do club orellut.
Girona Comezou a tempada 2004/05 nas filas do Girona, tamén de Segunda B, co que disputou 18 encontros ata decembro, todos como titular.
Lugo En xaneiro de 2005 regresou ao fútbol galego despois de seis anos e medio, asinando como novo centrocampista do Lugo, que militaba na Terceira División e onde se reencontrou co adestrador Carlos Ballesta. No equipo lucense disputou como titular case todos os partidos que restaban da tempada, incluída a promoción de ascenso na que o Lugo foi eliminado na final polo Valladolid B.
Paso por Cataluña No verán de 2005 puxo rumbo de novo a Cataluña, onde xogou en dous clubs da Segunda B nos seguintes tres anos. Fíxoo con pouca fortuna, pois sufriu un descenso con cada un dos clubs (un descenso deportivo co Castelldefels e un descenso administrativo co Figueres).
Montañeros En 2008 fichou polo Montañeros coruñés, onde coincidiu con xogadores como Raúl Carnero, Rubén Rivera, David Añón ou o seu antigo compañeiro Repi. Ás ordes do antigo capitán do Deportivo José Ramón, o conxunto coruñés conseguiu un histórico ascenso á Segunda B, contribuíndo Miguel cun total de 33 partidos, todos agás un como titular. Iniciou a seguinte campaña co Montañeros en Segunda B, pero acabou deixando o club pouco despois para centrarse na tenda deportiva que rexentaba.
Soneira Con todo, non deixou o fútbol, pois esa mesma tempada fichou polo Soneira, no que xa xogara dúas décadas antes. O 9 de maio de 2010 foi o autor do gol máis importante da historia do club, no partido da derradeira xornada que enfrontaba ao seu equipo co Arteixo en Ponte dos Brozos. No tempo de desconto e co partido empatado a cero, Miguel recolleu unha falta lanzada por Mario Toja e cunha cabezada introduciu o balón na portería de Suso, dándolle a vitoria ao Soneira e o consecuente primeiro ascenso da historia do club á Preferente. Militou dúas campañas máis no Soneira, no que se retirou trala final da Copa da Costa que o seu equipo conquistou contra o Castriz en 2011.
Como adestrador
Soneira e Atlético Arteixo O mesmo ano da súa retirada como futbolista iniciou a súa carreira como adestrador, collendo en outubro as rendas do propio Soneira como substituto de Manolito. Para a tempada 2012/13 fichou polo Atlético Arteixo, co que se proclamou dúas campañas despois campión do seu grupo da Primeira Autonómica Galega, conseguindo así o ascenso á Preferente por segunda vez na historia do club. Nas seguintes dúas campañas consolidou o equipo na categoría, chegando a liderar a táboa do grupo norte boa parte da 2015/16, ata que os seus resultados empeoraron no treito final da competición, caendo ata a cuarta praza final.
Bergantiños Con todo, o seu bo traballo no conxunto arteixán valeulle para ser contratado polo Bergantiños, da Terceira División, para a tempada 2016/17. Esa mesma campaña rematou na cuarta praza da categoría, o mellor resultado do club dende a tempada 1993/94, cando o propio Miguel Figueira era xogador do equipo carballés. Mellorou aínda máis o rendemento do equipo nas seguintes dúas campañas, nas que foi dúas veces subcampión do grupo galego de Terceira. En 2018 proclamouse campión da fase galega da Copa Federación, despois de derrotar na final de San Lázaro ao Ribadumia. A pesar das boas actuacións do equipo neses tres anos, incluída unha clasificación á Copa do Rei, os malos resultados na súa cuarta campaña levaron á súa destitución en novembro de 2019, cando foi substituído por Borja Facal.
Atlético Arteixo (2ª etapa) Para a tempada 2020/21 regresou a Ponte dos Brozos para dirixir por segunda vez o Atlético Arteixo, na Preferente Galicia. Tras unha dura campaña marcada pola pandemia de COVID-19, anunciou a súa marcha en xuño de 2021, despois de que non se cumprisen os obxectivos deportivos do club.
Canteira do Deportivo da Coruña A continuación volveu á estrutura do Deportivo da Coruña 23 anos despois da súa saída, asinando como novo adestrador do equipo infantil na Liga Galega. Mediada a súa primeira campaña, subiu ao Xuvenil B para ocupar o oco deixado por Alejandro Antón. Adestrou este equipo durante tres anos, conquistando en dúas ocasións a Liga Nacional Xuvenil, nas tempadas 2022/23 e 2023/24.
A destitución de Imanol Idiakez como adestrador do primeiro equipo do Deportivo en outubro de 2024 provocou unha reacción en cadea nos técnicos dos diferentes conxuntos da entidade. Así, Óscar Gilsanz pasou ao equipo principal, sendo substituído no Fabril por Manuel Pablo, mentres que Miguel Figueira ocupou o lugar do canario no Xuvenil A, líder do Grupo I da División de Honra. Este conseguiu manter a boa traxectoria do seu predecesor e acabou proclamándose campión do seu grupo por diante do Celta de Vigo de Berto Suárez. Clasificouse así para a Copa de Campións, na que se desfixo con facilidade en oitavos de final do Tenerife, nunha eliminatoria que deixou practicamente sentenciada no partido de ida, cun 0-6 na cidade deportiva do club canario. Na final a catro disputada en Ponferrada quedou emparellado en semifinais co Betis, ao que empezou gañando con dous goles de Rubén e José Rey nos tres primeiros minutos de xogo, antes de que o conxunto andaluz remontase o encontro con seis goles para o 2-6 final.
Non puido revalidar o título de campión do Grupo I na tempada 2025/26, na que acabou como segundo por detrás do Celta de Vigo.
Palmarés
Xogador Bergantiños Terceira División (1): 1993/94.
Levante Segunda División B (1): 1998/99.
Castellón Segunda División B (1): 2002/03.
Soneira Copa da Costa (1): 2011.
Adestrador Atlético Arteixo Primeira Galicia (1): 2014/15.
Deportivo da Coruña Xuvenil División de Honra Xuvenil (1): 2024/25.
Notas
Categoría:Nados en Mazaricos Categoría:Nados en 1974 Categoría:Futbolistas de Mazaricos Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Bergantiños FC Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Levante UD Categoría:Xogadores do CD Castellón Categoría:Xogadores do CD Lugo Categoría:Xogadores do Girona FC Categoría:Xogadores da UE Figueres Categoría:Xogadores do Montañeros CF Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia Categoría:Adestradores do Soneira SD Categoría:Adestradores do Bergantiños FC Categoría:Adestradores do Atlético Arteixo