Alejandro Ramos Rodríguez, nado en Arteixo o 11 de abril do 2000, é un futbolista galego que xoga como centrocampista no Bergantiños, da Segunda Federación.
Traxectoria Nacido en Arteixo, formouse como futbolista nas canteiras do Atlético Arteixo, o Montañeros, o Celta de Vigo, o Espanyol, o Valladolid, o Racing de Ferrol e o Lugo.
En 2019 asinou polo Arzúa, co que debutou na Terceira División. Axiña se afianzou na titularidade, disputando 24 partidos ata que a pandemia de COVID-19 paralizou a competición. En agosto de 2020 pasou ao Fisterra, da mesma categoría, co que xogou 33 encontros, todos como titular.
O 9 de xullo de 2021 oficializouse o seu regreso ao Lugo para xogar no seu filial, o Polvorín. Indiscutible nas aliñacións de Álex Ortiz, o 12 de novembro de 2022 debutou co primeiro equipo da man de Hernán Pérez, saíndo como titular nun partido da Copa do Rei ante o Arenas de Getxo no campo de Gobela. Oito días despois disputou o seu primeiro e único partido na Segunda División, substituíndo a El Hacen nos últimos 20 minutos ante o FC Andorra. Ao remate da tempada, tanto o primeiro equipo como a filial descenderon unha categoría cada un.
Para a tempada 2023/24 fichou polo Bergantiños, co que conseguiu o ascenso esa mesma campaña á Segunda Federación.
Notas
Categoría:Nados en Arteixo Categoría:Nados en 2000 Categoría:Futbolistas de Arteixo Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do CSD Arzúa Categoría:Xogadores do Atlético Arteixo Categoría:Xogadores da SD Fisterra Categoría:Xogadores do CD Lugo B Categoría:Xogadores do CD Lugo Categoría:Xogadores do Bergantiños FC