Awer Bul Mabil, nado en Kakuma (Kenya) o 15 de setembro de 1995, é un futbolista que xoga como extremo no Castellón, da Segunda División. Nacido como refuxiado sursudanés en Kenya, é internacional coa selección de Australia.

Traxectoria Naceu o 15 de setembro de 1995 de pais sursudaneses en Kakuma, ao noroeste de Kenya. Viviu coa súa familia no campo de refuxiados de Kakuma ata os 10 anos, cando se mudaron a Australia e se estableceron en Adelaida. Comezou a practicar fútbol aos cinco anos no propio campo de refuxiados, xogando cos pés descalzos e con calcetíns enrolados como balón.

Xa en Australia, asistiu ao St Columba College de Adelaida, graduándose en 2013. Xogou nas canteiras do St Augustines, do Playford City, do SA NTC (2010–2011) e do Salisbury East Junior Soccer Club.

Adelaide United En 2012 debutou co primeiro equipo do Campbelltown City na FFSA National Premier League. As súas boas actuacións valéronlle a súa fichaxe ese mesmo ano polo Adelaide United da A-League.

Debutou co equipo na máxima categoría australiana o 11 de xaneiro de 2013 contra o Perth Glory. Marcou o seu primeiro gol na derrota por 2-1 ante o Wellington Phoenix da xornada 17 da tempada 2013/14, despois de entrar como suplente na segunda metade.

FC Midtjylland En xullo de 2015 foi traspasado por máis dun millón de dólares australianos ao FC Midtjylland da Superliga danesa. Debutou no fútbol europeo o 16 de outubro de 2015, nun partido da Superliga ante o Randers FC. O 22 de outubro de 2015 estreouse na UEFA Europa League ante o Napoli.

En agosto de 2016 foi cedido ao Esbjerg fB na busca de máis minutos, pero acabou vivindo un descenso. Para a tempada 2017/18 saíu cedido ao Paços de Ferreira, e a pesar das súas boas actuacións viviu un segundo descenso consecutivo. En 2018 regresou ao Midtjylland, onde tras facerse coa titularidade, pechou a tempada con catro goles e oito asistencias.

O 30 de setembro de 2020 deu a asistencia para o gol de cabeza de Sory Kaba, na vitoria por 4-1 sobre o Slavia Praga que clasificou ao equipo por primeira vez para a Liga de Campións. Marcou o seu primeiro gol na Liga de Campións o 25 de novembro dese ano, dende o punto de penalti ante o Ajax.

Cesión ao Kasımpaşa En febreiro de 2022, ante a súa reticencia a renovar o seu contrato co Midtjylland, o club cedeuno ao Kasımpaşa de Turquía ata o final da tempada.

Cádiz En maio de 2022 regresou á Península Ibérica como novo xogador do Cádiz, da Primeira División española. Con todo, na súa primeira media tempada co club andaluz xogou só seis partidos, contabilizando pouco máis de 160 minutos de xogo en liga.

En xaneiro de 2023 foi cedido ao Sparta de Praga. Na República Checa disputou un total de 14 partidos, marcando dous goles e dando tres asistencias, contribuíndo así a que o Sparta se proclamase campión de liga.

Grasshoppers En agosto de 2023 fichou polo Grasshopper suízo. Disputou todos os partidos ata o 9 de decembro de 2023, cando se lesionou nos isquiotibiais durante un partido contra o FC Basel, requirindo unha cirurxía que o afastou do fútbol case catro meses. Deste xeito só puido disputar 21 partidos na súa primeira tempada en Suíza, pero aínda así contribuíu con catro goles e catro asistencias.

O 18 de agosto de 2024 contribuíu en oito dos nove goles do seu equipo na vitoria por 9-0 sobre o FC Regensdorf na Copa de Suíza, marcando un triplete e repartindo cinco asistencias. Ademais marcou o único gol do Grasshoppers na derrota por 2-1 no derbi de Zürich o 19 de outubro de 2024. O seu contrato foi rescindido por mutuo acordo o 7 de xaneiro de 2025.

Castellón En febreiro de 2025 regresou a España, asinando un contrato co Castellón, da Segunda División.

Selección nacional En agosto de 2013 foi convocado pola selección sub-19 de Australia para o Torneo COTIF de L'Alcúdia. Cidadán de Sudán do Sur por nacemento, foi autorizado pola FIFA para xogar con Australia en marzo de 2014 despois dun proceso dun ano para obter un certificado de nacemento e obter unha exención das regras de elexibilidade da FIFA debido ao seu status de refuxiado. Representou a Australia no Campionato sub-19 da AFC de 2014, disputando os tres partidos do seu equipo, ante Uzbekistán, Emiratos Árabes Unidos e Indonesia.

O 16 de outubro de 2018 debutou coa selección absoluta de Australia, nun partido amigable contra Kuwait no Al Kuwait Sports Club Stadium, no que debutou tamén o seu amigo da infancia e tamén refuxiado sursudanés Thomas Deng. Mabiel saltou ao terreo de xogo como substituto de Mathew Leckie na segunda metade e no minuto 88 marcou o cuarto e último gol do seu equipo (4-0).

Foi un habitual nos partidos de clasificación para o Mundial de 2022 e no decisivo partido ante o Perú, anotou un dos lanzamentos na quenda de penaltis coa que Australia asegurou o pase ao torneo. Foi tamén un dos futbolistas seleccionados por Graham Arnold para a Copa do Mundo, na que debutou na primeira xornada ante Francia. Xogou tamén o segundo partido, contra Tunisia, antes de que a súa selección caese eliminada nos oitavos de final contra a a Arxentina de Scaloni, vencedora final do torneo.

Notas

Categoría:Nados en 1995 Categoría:Refuxiados Categoría:Nados en Kenya Categoría:Futbolistas de Australia Categoría:Xogadores do FC Midtjylland Categoría:Xogadores do Esbjerg fB Categoría:Xogadores do FC Paços de Ferreira Categoría:Xogadores do Kasımpaşa SK Categoría:Xogadores do Cádiz CF Categoría:Xogadores do AC Sparta Praga Categoría:Xogadores do Grasshopper-Club Zürich Categoría:Xogadores do CD Castellón Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Australia Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 2022 Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 2026