Olimpia Arozena Torres, nada en San Cristóbal de La Laguna o 19 de xullo de 1902 e finada en Valencia en 1971, foi unha profesora española e unha das primeiras mulleres que accederon á Universidade de Valencia. En 1930 converteuse na primeira profesora desta institución. En 2011 a Universidade de Valencia instaurou o premio Género y Docencia en la Educación Superior Olimpia Arozena Torres para incentivar a elaboración de materiais e recursos docentes destinados á formación en igualdade e con perspectiva de xénero que poidan ser utilizados en todas as modalidades da docencia.
Traxectoria Olimpia naceu en San Cristóbal de La Laguna onde cursou estudos medios e obtivo a titulación de Bacharel en 1921. Ao trasladarse a familia a Valencia viuse obrigada a matricularse no curso 1925-1926 na Facultade de Filosofía e Letras, Sección Historia. Obtivo o título de licenciada con Premio Extraordinario en 1929.
A súa irmá Aurora, seguindo os pasos de Olimpia, matriculouse tamén na Universidade de Valencia no curso 1930-1931, na Facultade de Ciencias.
En 1930 Olimpia incorporouse como docente auxiliar na Sección de Historia da Facultade de Filosofía e Letras, a mesma facultade onde estudara. Converteuse así na primeira muller profesora universitaria da Universidade de Valencia.
Ademais, foi membro do Laboratorio de Arqueoloxía da universidade. Realizou a primeira incursión dunha muller neste espazo que décadas máis tarde acollería ás pioneiras da arqueoloxía valenciana: Gabriela Martín Ávila, Milagro Gil-Mascarell e Carmen Aranegui.
Durante a Segunda República Española e a guerra civil tamén participou nos traballos do Seminario de Filoloxía Valenciana que acabou transformándose no Institut d'Estudis Valencians. Olimpia e Antonio Álvarez Antolino, tamén membro do grupo, confeccionaron un ficheiro de vocábulos valencianos.
Tras a guerra civil Olimpia foi depurada e afastada do ensino público, polo que decidiu crear a súa propia academia de ensino no seu domicilio particular. En 1949 doutorouse en Filosofía e Letras coa tese «Nuevas aportaciones a la historia de Valencia».
Na década de 1950 logrou acceder a unha praza pública nun instituto de educación secundaria de Castelló de la Plana.
Xubilouse en 1966 tras dar clases na Sección Delegada feminina «Juan de Garay», do Instituto Masculino de Valencia, procedente da Sección Delegada «Isabel de Villena» do Instituto Feminino da mesma cidade, baixo a dirección de María Ángeles Belda Soler.
Notas
Categoría:Represaliados polo franquismo Categoría:Nados en San Cristóbal de La Laguna Categoría:Profesores da Universidade de Valencia Categoría:Nados en 1902 Categoría:Finados en 1971