Liu Yu (en chinés tradicional: 劉瑜; en chinés simplificado: 刘瑜; en pinyin: Liú Yú), nada o 24 de decembro de 1975, é unha escritora e científica chinesa. É profesora de Ciencia Política na Universidade Tsinghua de Beijing. Defensora do liberalismo chinés, o seu libro Minzhu de xijie (en ), unha introdución ao funcionamento da democracia estadounidense, foi celebrado pola súa creatividade como unha obra fundamental deste movemento ideolóxico.

Traxectoria Liu Yu naceu o 24 de decembro de 1975 en Jiangxi, no condado de Poyang. Licenciouse en Ciencias Políticas na Universidade Renmin da China en 1996, onde tamén obtivo o seu mestrado en 1999. Entre o 2000 e o 2007, viviu nos Estados Unidos, doutorándose en Ciencias Políticas pola Universidade Columbia; así mesmo, foi investigadora posdoutoral no Centro Fairbank de Estudos Chineses da Universidade Harvard. Entre o 2007 e o 2010, foi profesora na Universidade de Cambridge.

No 2000, Liu comezou un blog no que analizaba cuestións sobre política. Tamén empezou a escribir ficción na rede a principios do século XXI, onde publicou por entregas a súa primeira novela, Gudu de xiang yi ke xingqiu (en ); esta obra foi moi popular entre os internautas estadounidenses. Tanto Gudu de xiang yi ke xingqiu como o seu seguinte traballo, Name, ai ne? (en ), foron posteriormente publicadas na China con escaso impacto. En 2004, comezou a escribir comentarios sobre política nos medios chineses baixo o pseudónimo de Zui Gangqin (lit. "Piano borracho"). Liu creou unha reputación polo seu estilo cínico e xuvenil, que tivo moitos adeptos.

En 2009, saíu do prelo Minzhu de xijie, unha escolma de ensaios do seu blog sobre a democracia estadounidense. O libro buscaba presentar os mecanismos cotiáns dunha democracia ao público chinés, explicando os procesos de maneira comprensible a través de historias e anécdotas, no canto de empregar terminoloxía técnica. A obra converteuse nun éxito de vendas, outorgándolle a Liu gran fama no seu país. Neste sentido, pasou a ser unha figura fundamental no liberalismo chinés, repectada polo seu apoio directo á democracia. A súa perspectiva sobre os Estados Unidos foi comparada coa de Voltaire sobre a China, xa que ambos vían en imperios estranxeiros a encarnación duns valores que botaban en falta na súa terra.

En 2010, foi nomeada profesora asociada de Ciencias Políticas na Universidade Tsinghua, unha das máis prestixiosas de Asia. Liu converteuse nunha das principais figuras do liberalismo na República Popular da China polas súas aparicións públicas. Durante a primeira década do século XXI, Liu defendeu unha posición optimista sobre a futura democratización da China, chegando a predicir un xiro radical cara á democracia durante a seguinte década; porén, o seu país viviu un ascenso do autoritarismo. Isto tivo consecuencias para a propia carreira profesional de Liu, xa que se incrementou a represión das voces liberais, dificultando as súas posibilidades laborais.

Publicacións Minzhu de xijie (2009) Guannian de shuiwei ("O nivel da ideoloxía", 2013) Jubian di er tian ("Os grandes cambios do futuro", 2023)

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Nados en 1975 Categoría:Escritores en lingua chinesa Categoría:Científicos da China Categoría:Ciencia política Categoría:Escritores da China