Emma Abbott, nada en Chicago o 9 de decembro de 1850 e finada en Salt Lake City o 5 de xaneiro de 1891, foi unha soprano operística e empresaria estadounidense.

Primeiros anos Emma Abbott naceu en 1850 en Chicago, filla do músico Seth Abbott e da súa muller, Almira (de solteira Palmer). De nena, ela e o seu irmán George estudaron canto, piano, guitarra e violín co pai.

A familia mudouse a Peoria. Con oito anos, Emma fixo a súa primeira aparición nun escenario, cantando nun concerto na oficina do seu pai en Peoria. En 1854, Seth Abbott non puido atopar un número suficiente de estudantes de música e a familia sufriu dificultades económicos. Para axudar na casa, ambos irmáns empezaron a actuar de xeito profesional. Emma tiña nove anos daquela. Fixo o seu debut como guitarrista e cantante en Peoria en 1859, con George no violín, e con 13 anos daba clases de guitarra.

Carreira profesional miniatura|Emma Abbott En 1866 uniuse a unha compañía itinerante coa que deu concertos polo país. Durante esas actuacións coñeceu e trabou amizade con Clara Louise Kellogg. Tras escoitar a Abbott nun concerto en Toledo, Kellogg decidiu reunirse con ela para coñecela. Animouna a que perseguise unha carreira na ópera e deulle unha carta de presentación. En consecuencia, Abbott estudou en Nova York con Achille Errani e alí deu o seu concerto de debut en decembro de 1871.

En 1872 Abbott marchou estudar con Antonio Sangiovanni en Milán. Dnde alí seguiuse a formar con Mathilde Marchesi, Pierre François Wartel e Enrico Delle Sedie en París. Apareceu en varias producións en na capital francesa e foi eloxiada pola súa excelente voz de soprano. Asinou un contrato coa Royal Opera de Londres e en 1876 fixo o seu debut en Covent Garden como Marie en La Fille du régiment. Con todo, o seu contrato foi cancelado pouco despois cando por motivos morais rexeitou cantar Violetta en La Traviata de Verdi. Aquel ano casou en segredo con Eugene Wetherell e regresaron aos Estados Unidos, onde viviu o resto da súa vida.

Abbott English Opera Company O 23 de febreiro de 1877, Abbott fixo o seu debut operístico estadounidense en Nova York, de novo no papel de Marie. En 1878 ela e o seu marido Eugene crearon a Emma Abbott Grand English Opera Company, que actuou por todo o país. Foi a primeira compañía de ópera fundada por unha muller nos Estados Unidos. O seu marido dirixía a área empresarial mentres que ela xestionaba o lado artístico e participaba decote nas producións.

A compañía logrou unha boa reputación entre o público con producións de calidade e tivo bastante éxito. Entre as interpretacións notábeis de Abbott coa empresa destacan Juliette en Roméo et Juliette de Gounod, Virginia en Paul et Virginie, Josephine en H.M.S. Pinafore, o papel protagónico en Martha de Friedrich von Flotow, Amina en La Sonnambula de Bellini e Violetta en La Traviata, un papel co que, aparentemente, xa non discrepaba. Con todo, en vez de cantar Addio del passato, interpretou a morte de Violetta con Nearer, my God, to Thee.

Durante a súa traxectoria tivo o control artístico sobre a súa compañía, que ás veces chegaba aos 60 membros. Malia que o repertorio da compañía incluía obras das literaturas operísticas francesa, italiana e inglesa, sempre actuaron en inglés. Moitas das obras eran versións abreviadas e decote interpolaban cancións. Por esta razón Abbott e a súa compañía non eran do agrado dun sector da crítica, que desaprobaba ditos cambios. Con todo, a compañía era incribelmente popular entre o público e gozaba dun grande éxito financeiro. A propia Abbott chegou a ser coñecida nos Estados Unidos como «a prima donna do pobo».

Pasamento Abbott continuou a actuar até a súa morte repentina por pneumonía en Salt Lake City en 1891, con 40 anos. Está enterrada no Oak Grove Cemetery en Gloucester (Massachusetts) xunto co seu marido.

Notas

Categoría:Cantantes de Nova York Categoría:Cantantes de Illinois Categoría:Finados en 1891 Categoría:Nados en 1850