A papuxa balear (Curruca balearica, antes Sylvia balearica)Ficha en Avibase Consultada 14 de outubro de 2013 é unha especie de ave paseriforme da familia Sylviidae endémica do arquipélago das illas Baleares. Anteriormente considerábase unha subespecie da papuxa sarda (Curruca sarda, antes Sylvia sarda), e aínda que na actualidade xeralmente se consideran especies separadas algúns taxonomistas continúan considerando que as súas diferenzas son insuficientes para consideralas especies diferentes.
Descrición
A papuxa balear mide arredor de 12,5 cm de longo,Andreas Helbig, Gabriel Gargallo, Hadoram Shirihai (2010),Sylvia Warblers: Identification, Taxonomy and Phylogeny of the Genus Sylvia. Helm Identification Guides, p. 291-292 ISBN 9781408135099 incluída a súa longa cola. Os machos en primavera presentan a plumaxe das súas partes superiores de cor gris azulada e a das inferiores de cor crema con lixeiros tons rosados, coa gorxa abrancazada e unha mancha anegrada que se estende desde o loro pola parte frontal da face. As femias, ao contrario, teñen as partes superiores de tons grises pardos e as inferiores de cor crema cincenta, sen apenas rastros escuros na face. Os machos fóra da época reprodutiva adquiren tonalidades máis próximas ás das femias. Os adultos presentan aneis perioculares de cor vermella alaranxada e o iris dos ollos é laranxa. O bico é recto e afiado, coa base alaranxada e a punta anegrada. As patas son alaranxadas. Os xoves teñen unha plumaxe similar á das femias, con aneis perioculares abrancazados e as patas amareladas.
Diferénciase da papuxa sarda por ter a cola máis longa e o corpo lixeiramente máis pequeno e esvelto. Ademais, a plumaxe da papuxa sarda é máis agrisado e ten a gorxa máis escura que a papuxa balear. Os cantos de ambas son tan diferentes que ningunha das dúas responde ás gravacións da outra, e isto é un dos principais argumentos para consideralas especies separadas. A papuxa do mato (Sylvia undata), coa que coincide no nordés de Mallorca, ten unhas proporcións corporais similares ás da papuxa balear, mais diferéncianse doadamente por carecer a balear da coloración viño que ten a papuxa do mato nas partes ventrais.
Distribución
Atópase en todas as illas principais das Baleares agás Menorca, que está ocupada pola papuxa do mato.
O seu hábitat natural é o mato mediterráneo, desde a garriga baixa aos bosques de Juniperus thurifera. Evita os bosques con árbores altas e os campos de cultivo.
Comportamento A papuxa balear é principalmente insectívora. A diferenza da papuxa sarda que migra ao norte de África, a papuxa balear é unha especie sedentaria que non abandona o arquipélago balear en inverno, aínda que os individuos que crían nas zonas máis altas poidan desprazarse a zonas costeiras cando baixan as temperaturas.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
Categoría:Sílvidos