O Sporting Club Casino é un club deportivo da cidade da Coruña. Fundado en 1890, é a sociedade deportiva máis antiga da Coruña.

Historia O Sporting Club Casino foi fundado na Coruña o 16 de marzo de 1890 por uns 60 membros que se reuniran no Teatro Circo por iniciativa de Mauro Rojo e Alfredo Vilar, co obxectivo de emular os clubs internacionais que estaban de moda na época. Cesar Suárez de Centi foi elixido como primeiro presidente, aínda que só uns días despois dimitiu e foi substituído no cargo por Ricardo Caruncho. A sede instalouse no Café Méndez Núñez, un local situado entre a rúa Real e a Avenida da Mariña que era propiedade de José María Rodríguez Pardo.

Dende os seus primeiros anos de vida competiron en carreiras ciclistas, regatas de traiñeiras e competicións de equitación, esgrima, ximnasia ou xadrez. Así mesmo, organizaron outras actividades como representacións teatrais, concertos ou veladas literarias. En 1894 participaron no primeiro partido de fútbol disputado na Coruña, xogando contra membros do British Lawn Tennis Club no Corralón da Gaiteira. Entre os membros do Sporting naquel histórico partido atopábase Juan Long, que máis tarde foi o primeiro capitán do Deportivo da Coruña.

O club adquiriu uns terreos no Camiño Novo, actual rúa de Juan Flórez, onde instalou o coñecido como Leirón. Neste espazo realizáronse durante décadas diferentes actividades como verbenas e sesións de baile, e practicáronse numerosos deportes como tenis, hóckey herba ou pelota vasca. Entre os tenistas do club atopábanse Francisco Lloréns, Enrique Mariñas, José María Guimaraens, Luis Fernández Obanza, Enrique Guyatt, Benito Castejón, Emilio Quesada, Luisa e Maruja Fuentes, Pilar Ozores e Julita Paz. En xadrez destacaron o militar Fermín Gutiérrez de Soto e o futuro alcalde da cidade Domingos Merino. O Leirón desapareceu en 1964 e anos máis tarde, en 1974, o club abriu un amplo complexo deportivo na Zapateira, onde continúa instalado hoxe en día.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Clubs deportivos de Galicia Categoría:Deporte na Coruña