Denis Genreau, nado en París o 21 de maio de 1999, é un futbolista franco-australiano que xoga como centrocampista ofensivo no Melbourne Victory, da A-League de Australia. É internacional coa selección de Australia.

Traxectoria

Infancia Nacido en París, mudouse aos dous anos coa súa familia a Australia, país no que pasaran a súa lúa de mel seus pais, Sophie e Marc Genreau. Criouse en Melbourne, onde seu pai lle inculcou a paixón polo fútbol, sendo o seu primeiro club o Brighton SC.

Melbourne City Aos 16 anos ingresou na canteira do Melbourne City, onde capitaneou o equipo xuvenil. O 27 de decembro de 2016, con 17 anos, debutou co primeiro equipo na A-League, da man do adestrador John van 't Schip. Foi nun empate 3-3 contra o Perth Glory no Estadio Rectangular de Melbourne, onde substituíu a Anthony Caceres no minuto 80.

Marcou o seu primeiro gol como profesional o 29 de agosto de 2017, na vitoria por 3-2 contra o Hakoah Sydney City East nos oitavos de final da Copa de Australia.

Cesión ao PEC Zwolle En xuño de 2018 entrou por primeira vez no fútbol europeo, ao saír cedido ao PEC Zwolle, ao que se incorporara pouco antes o seu adestrador en Melborune, John van 't Schip. Na cidade de Zwolle compaxinou o equipo sub-21 co primeiro equipo, debutando na Eredivisie nunha derrota por 2-3 ante o Heerenveen no MAC³PARK Stadion. Con problemas de lesións dende o principio, disputou só 10 encontros na máxima categoría do país, así como dous na Copa dos Países Baixos. En decembro de 2018 regresou a Melbourne, onde xogou ata o final da tempada. Macarthur FC O 28 de xullo de 2020, tras finalizar o seu contrato co Melbourne, asinou por tres anos co Macarthur FC, adestrado por Ante Milicic.

O 31 de decembro de 2020 foi titular no primeiro partido da historia do Macarthur na A-League, ante o Western Sydney Wanderers. O 10 de febreiro de 2021 marcou o seu primeiro gol na liga australiana, na vitoria por 2-1 contra o Brisbane Roar. Consolidado na titularidade, contribuíu a que o equipo acadase o cuarto posto da liga, pero non puido disputar a fase final debido aos seus compromisos internacionais.

Toulouse En agosto de 2021 fichou polo Toulouse, converténdose na primeira fichaxe australiana da historia do club francés. Debutou co conxunto dirixido por Philippe Montanier na Ligue 2 o 14 de agosto de 2021, nunha vitoria pola mínima contra o SC Bastia, substituíndo a Stijn Spierings.

Durante un partido contra o USL Dunkerque, recibiu un forte golpe no rostro que provocou a torcedura dos seus dentes dianteiros, o que lle dificultou pechar a boca correctamente. Despois de pasar polo dentista usou durante meses un protector bucal. Aínda que comezou a tempada como suplente, acabou facéndose cun posto no once titular e converteuse nunha peza clave nos esquemas de Montanier. Na penúltima xornada de liga contra o Nîmes Olympique, Genreau pasou á historia do Toulouse. Ao descanso, o equipo do Languedoc perdía por 1-0 contra os occitanos, antes de que Ado Onaiwu empatase o encontro na segunda metade. No minuto 79 Genreau colocou o 2-1 definitivo, culminando a remontada e dándolle ao Toulouse o ascenso á Ligue 1.

Durante a tempada 2022/23 sufriu constantes problemas na pube, o que lle impediu xogar con regularidade. Chegou a xogar co equipo filial para recuperar minutos de xogo, ata que Philippe Montanier o volveu subir ao primeiro equipo e o colocou no once titular, ante a ausencia de Brecht Dejaegere. O 30 de abril proclamouse co seu equipo campión da Copa de Francia ante o Nantes, aínda que non chegou a disputar ningún minuto na competición. Disputou un total de 80 partidos oficiais co Toulouse en tres anos e medio, nos que marcou 3 goles e repartiu 4 asistencias.

Deportivo da Coruña O 31 de xaneiro de 2025 anunciouse a súa fichaxe polo Deportivo da Coruña, da Segunda División, co que asinou un contrato por dous anos e medio. Debutou na xornada 26 diante do Almería, substituíndo nos 10 minutos finais a Mario Soriano, e converteuse así no primeiro futbolista australiano e oceánico en disputar un partido oficial co Deportivo nos máis de 118 anos de historia do club galego. Disputou un total de nove partidos ao longo da tempada, sen chegar a adaptarse ao xogo do equipo. Marcou un gol fronte ao Racing de Santander no Sardinero, nun partido no que acabou expulsado.

Ao remate da tempada anunciouse a rescisión do seu contrato, e pouco despois regresou a Australia, onde asinou como novo xogador do Melbourne Victory.

Selección nacional

Categorías inferiores En xaneiro de 2023 recibiu a súa primeira convocatoria coa selección sub-23 de Australia, co que disputou o Campionato sub-23 da AFC en Tailandia. Disputou tres encontros durante o torneo, no que o conxunto australiano logrou o terceiro posto, asegurando así a presenza do equipo nos Xogos Olímpicos de 2020.

Foi convocado tamén para a cita olímpica en Tokyo e xogou de inicio no primeiro partido, no que os australianos deron a sorpresa ao derrotar á Arxentina. Con todo, acabaron a primeira fase na derradeira posición do seu grupo, tras caer ante España e Exipto.

Selección absoluta En maio de 2021 foi convocado por primeira vez pola selección australiana absoluta, coa que debutou o 7 de xuño, na vitoria por 5-1 contra a selección da China Taipei. Converteuse así no primeiro futbolista na historia do Macarthur FC en xogar co equipo nacional australiano.

En xuño de 2023 enfrontouse á Arxentina de Lionel Scaloni, flamante campioa do mundo, nun amigable no Estadio dos Traballadores de Pequín.

Estatísticas ClubTempadaDivisiónLigaCopaOutrosInclúe partidos de Europa League.TotalPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesMelbourne City2016/17A-League40----402017/18Primeira10----10PEC Zwolle2018/19Eredivisie10020--120Melbourne City2019/20A-League6010--70Total club1101000120Macarthur FC2020/21A-League23200--230Toulouse2021/22Ligue 234230--3722022/23Ligue 120000--2002023/24Ligue 19000401302024/25Ligue 18020--100Total club7125040802Deportivo da Coruña2024/25Segunda9100--91Total carreira124580401363

Notas

Categoría:Nados en París Categoría:Nados en 1999 Categoría:Australianos de ascendencia francesa Categoría:Futbolistas de Francia Categoría:Futbolistas de Australia Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Melbourne City FC Categoría:Xogadores do Toulouse FC Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Melbourne Victory FC Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Australia Categoría:Futbolistas olímpicos de Australia Categoría:Futbolistas nos Xogos Olímpicos de 2020