Oleksandr Kostiantynovych BykovetsTamén Alexander Bykowetz. (en ), nado o 29 de decembro de 1924 en Velyka Bahachka (RSS de Ucraína) e finado o 14 de marzo de 2013 en Detroit (Estados Unidos de América), foi un eclesiástico ortodoxo ucraíno, que foi parte da xerarquía de diversas igrexas ortodoxas non canónicas. Traxectoria Oleksandr Bykovets naceu o 29 de decembro de 1924 na vila de Velyka Bahachka, entón parte da RSS de Ucraína. O seu pai, Kostiantyn Bykovets, era sacerdote. Segundo Aliaksandr Valierievič Sliesaraŭ era sacerdote da Igrexa ortodoxa rusa, e posteriormente pasara á Igrexa ortodoxa autocéfala ucraína; porén, segundo Mytrofan Yavdas, fora ordenado xa nesta segunda xurisdición en 1922. Kostiantyn Bykovets foi arrestado en 1937 polo NKVD, e a súa familia non volveu saber del; presumiblemente foi executado.
Estudou na escola de música de Donetsk até 1941, posteriormente fixo cursos pastorais en Poltava; despois da segunda guerra mundial estivo en Alemaña, e estudou no conservatorio de Wiesbaden.
O 11 de maio de 1949 foi ordenado sacerdote da Igrexa ortodoxa autocéfala ucraína - conciliar polo arcebispo Hryhorii Ohiichuk en Pforzheim, e posteriormente emigrou aos Estados Unidos de América, onde se encargou de diversas parroquias: inicialmente entre 1949 e 1951 en Willimantic (Connecticut), posteriormente entre 1951 e 1952 en Jones (Oklahoma), e a partir de 1952 en Detroit. Entre 1952 e 1972 foi tamén secretario-chanceler do concilio da Igrexa ortodoxa autocéfala ucraína - conciliar, e editor da súa publicación.
En 1973 foi un dos promotores dun cisma dentro da súa Igrexa, xunto cos bispos Oleksii Pelypenko e Petro Kolisnyk; malia a separación, o novo grupo seguiu a operar baixo o mesmo nome, mantendo incluso os mesmos nomes das publicacións propias.
O 18 de outubro de 1986 foi elixido bispo; a súa ordenación tivo lugar dous anos máis tarde, o 16 de outubro de 1988 en Adelaida.
En novembro de 1994 pasou a formar parte da Igrexa ortodoxa ucraína do patriarcado de Kíiv, co título de bispo de Uman e Detroit. Dende 1999 recibiu a consideración de arcebispo.
En 2006 celebrou a Divina Liturxia xunto co patriarca Filaret Denysenko na súa visita aos Estados Unidos de América; acompañouno tamén Makarios Carrion.
O 11 de maio de 2008 consagrou como bispo a Sviataslaŭ Lohin para a Igrexa ortodoxa autocéfala belarusa.
En xaneiro de 2010 foi expulsado da Igrexa ortodoxa ucraína do patriarcado de Kíiv. Os motivos que levaron a dita ruptura foi a reivindicación de Bykovets de que a unión co patriarcado de Kíiv se producira en base á autonomía da xurisdición americana que el dirixía; dita autonomía non foi aceptada polo Sínodo do patriarcado de Kíiv, que non aceptaba a existencia dunha igrexa autónoma dentro dela. Posteriormente, en marzo do mesmo ano, formou unha nova xurisdición independente, a Igrexa ortodoxa autocéfala ucraína conciliar do patriarcado de Kíiv. A nova xurisdición materializouse en maio do mesmo ano.
Finou o 14 de marzo de 2013 en Detroit, e está enterrado no concello de Clinton, en Michigan.
Notas
Categoría:Nados en 1924 Categoría:Nados en Velyka Bahachka Categoría:Finados en 2013 Categoría:Bispos ortodoxos dos Estados Unidos de América Categoría:Bispos ortodoxos de Ucraína Categoría:Bispos ortodoxos do século XX Categoría:Bispos ortodoxos do século XXI Categoría:Bispos ortodoxos non canónicos