Castelao (Biografía de un ilustre gallego) é un filme documental arxentino dirixido por Jorge Prelorán e estreado en 1980. Con guión de Antonio Pérez Prado, está centrado na figura do intelectual galego Castelao.

Produción e sinopse A idea do documental partiu do emigrante galego Valentín Fernández, membro do Centro Gallego de Buenos Aires, que pretendía rodar un filme sobre a vida do intelectual, político, escritor, pintor, médico, debuxante e pai do nacionalismo galego Castelao.

Antonio Pérez Prado recomendou ao cineasta Jorge Prelorán como director, a pesar de que este non tiña ningunha relación con Galicia, e o propio Pérez Prado comezou a escribir o guión en colaboración co director na primeira metade da década de 1970. Decidiron que a historia fose contada polo propio Castelao, polo que Pérez Prado construíu o documental con frases tiradas de libros, discursos, artigos, cartas particulares e diarios íntimos que traduciu do galego.

Visualmente utilizáronse para o filme centos de debuxos, materiais de libros, documentos cedidos pola comunidade galega, noticiarios e unha antiga filmación que mostra a Castelao en Buenos Aires nos últimos dez anos da súa vida, así como imaxes tomadas en Galicia por Manuel Ferrol. Para a voz en off elixiron o actor arxentino Luis Medina Castro e da voz de Castelao encargouse Alfredo Baltar.

Con todo, o golpe de Estado de 1976 e a posterior ditadura militar dificultaron o traballo e finalmente Jorge Prelorán acabou exiliándose nos Estados Unidos. As cintas ficaron agochadas baixo terra e cando a represión afrouxou, unha cuñada de Prelorán conseguiu levalas ata os Estados Unidos. Finalmente, o filme presentouse no Centro Gallego de Buenos Aires en 1980. Alí viuno o senador e presidente da Real Academia Galega Domingo García-Sabell, ao que non lle gustaron as críticas do filme a Afonso XIII, e pediu que se eliminasen, o que motivou a ruptura da súa amizade con Antonio Pérez Prado.

O galeguista Isaac Díaz Pardo mercoulle ao Centro Gallego a cinta íntegra, que emitiu a Televisión de Galicia en 1984, coincidindo co traslado dos restos de Castelao a Compostela. Pola contra, en 1992 a TVG emitiu a versión censurada polo Centro Gallego.

Elenco Luis Medina Castro. Voz en off. Alfredo Baltar. Voz de Castelao.

Documental de Antón Reixa En 2007 estreouse o documental Filmando a Castelao, dirixido por Antón Reixa. Neste traballo repásase o proceso de produción do documental arxentino, relatado polos propios Jorge Prelorán e Antonio Pérez Prado.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Ligazóns externas Ficha en cinenacional.com

Categoría:Documentais Categoría:Documentais galegos Categoría:Filmes de 1980 Categoría:Filmes en lingua galega Categoría:Filmes en lingua castelá Categoría:Filmes rodados en Galicia Categoría:Filmes rodados na Arxentina Categoría:Filmes da Arxentina