Alf Collett, nado en Eidsvoll o 8 de agosto de 1844 e finado en Kristiania o 12 de xuño de 1919, foi un xenealoxista e historiador noruegués.
Traxectoria Collett era fillo do xurista Peter Jonas Collett e da escritora Camilla Collett (nacida Jacobine Camilla Wergeland) e veu ao mundo na casa reitorial de Eidsvoll mentres súa nai visitaba a seu pai, o teólogo Nicolai Wergeland. Cando tiña sete anos morreu seu pai e súa nai marchou a vivir a Copenhaguen con Alf e o irmán máis novo Emil. En 1857 a familia voveu a Noruega e Alf entrou a estudar na escola da catedral de Kristiania, onde se graduou en 1865, e en 1867 superou o exame para entrar na administración pública e logrou destino como copista na sección de mariña do departamento de Mariña e Correos, máis tarde ascendeu a axudante (kongelig fullmektig) en 1877 e a xefe de oficina (byråsjef). En 1885 ao se formar o departamento de defensa, a sección de mariña pasou a depender deste, e Collett chegou en 1895 a secretario de oficina xeral (ekspedisjonssekretær) e en 1899 a xefe de oficina xeral (ekspedisjonssjef). Casou con Mathilde Sophie Kallevig de Arendal, neta de Morten Michael Kallevig. A parella non tivo fillos, e Alf deixou en testamento os seus bens a unha manda que xestiona a Selskapet for Oslo Byes Vel para decorar e axardinar espazos públicos.
Actividade académica e cultural En 1903 entrou na Videnskabsselskabet i Christiania. Entre outras institucións tamén foi membro do consello do Museo do Pobo Noruegués, do consello local de Oslo da Sociedade para a Preservación dos Monumentos Históricos de Noruega, do consello do Museo da Cidade de Kristiania e foi tamén membro do comité de nomes de rúas de Kristiania. Foi un dos fundadores da da Samfundet for dansk-norsk Genealogi og Personalhistorie en 1879 e o presidente da sección norueguesa dende 1905. Tiña o grao de cabaleiro de primeira clase da Orde de Santo Olav.
Obras Interesado pola historia, e en especial pola xenealoxía publicou artigos e libros sobre o tema. En 1872 deu ao prelo un libro sobre a súa propia familia, Familien Collett, obra sobre a que seguiu a traballar e en 1883 publicou unha nova versión totalmente revisada e ampliada so o título de En gammel Christiania-Slægt. En 1881 publicou outros dous libros xenealóxicos, Familien Elieson e Raadmand Peder Pedersen Müllers Efterkommere. Tamén de 1881 é a obra Fladeby na que recolle os artigos que publicara en Ny illustreret Tidende sobre a vida nos primeiros anos do século XIX na casa señorial que a familia posuía en Fladeby para pasar o tempo de descanso e que ten un alto valor histórico-cultural. En 1893 saíu Gamle Christiania-Billeder que recolle artigos, ricamente ilustrados, que escribira en 1889 e 1890 para a revista Skilling-Magazin con trazos sobre a historia e a cultura da capital norueguesa. En 1911 publicou unha biografía da súa nai, Camilla Colletts livs historie belyst ved hendes breve og dagbøker.
Títulos Familien Elieson, 1881 Fladeby, 1881 En gammel Christiania-slægt. Optegnelser om familien Collett og Christianias fortid, 1883, nova ed. rev. 1915, reelaboración de Familien Collett (1872) Gamle Christiania-Billeder. J.W. Cappelens Forlag. Kristiania, 1893, nova ed. rev. 1909 Camilla Colletts livs historie. Kra. 1911
Notas
Categoría:Finados en 1919 Categoría:Nados en 1844 Categoría:Nados no condado de Akershus Categoría:Xenealoxistas Categoría:Académicos