Cris Lores, nado en Pontevedra en 1975, é un cineasta, músico e proxeccionista galego.
Traxectoria Cris Lores pronto abandonou os estudos secundarios para traballar na construción. Posteriormente formouse como proxeccionista, feito que influíu na súa concepción do cinema como espectador e como manipulador.
Ten traballado no ámbito do cinema expandido, en colaboración con Belén Veleiro. Nas súas actuacións utilizan varios proxectores e películas domésticas de Super 8, que deteñen ante o foco para provocar a súa destrución. Os resultados abstractos desta técnica pódense apreciar en películas como Alzheimer (2013).
O seu cinema explora dúas vertentes: unha mais narrativa e "acabada", na que se ilustran narracións, ideas ou textos poético-filosóficos, e outra máis experimental e abstracta, "fragmentos, anacos, retrincos, apontamentos plásticos, improvisaçons e experimentaçons técnicas", que constitúen o mellor da súa produción. O seu filme Corpi in movemento gañou o premio de Novos Valores da Deputación de Pontevedra en 2010.
A súa longametraxe De verdade queredes saber o que pensamos? estreouse no Festival Primavera do Cine en 2023.
Como músico tocou a batería no grupo Allgodown, co que sacou en 2002 o disco Trip, e mais no conxunto de música espontánea Urro, xunto con Luís Garrido e Alexandre Losada. A música de Urro ten especial presenza n’A Pedra do Lobo (Alberte Pagán, 2010), así como n’O proceso de Artaud (Ramiro Ledo, 2010) e en Fóra (Pablo Cayuela e Xan Gómez Viñas, 2012).
Proxecto Remolque Cris Lores é o impulsor do Proxecto Remolque, que consiste na recuperación dos vellos trailers en 35 mm abandonados nas cabinas de proxección para darlles unha segunda vida a través de intervencións materiais no propio celuloide. Ten feito obradoiros sobre a manipulación desta metraxe encontrada nos festivais Cineuropa (2017) e Primavera do Cine (2019). O Proxecto Remolque ten, de momento, nove intervencións finalizadas, entre as que destacan as seguintes: PR01 (Olalla Márquez, 2017), A mosca (Alberte Pagán, 2017), Vila Xastre (Cris Lores, 2018), PR06 (2018; unha "película perfecta", sen título nin autor, que se proxecta tal e como foi atopada), e PR04 e PR08 (2018), do pintor de Tomiño Basilio Calzado.Pagán, Alberte (2020). "Illas descoñecidas". en Ledo Andión, Margarita (ed.) (2020), Para unha historia do cinema en lingua galega. De illas e sereas, Editorial Galaxia, pp. 71-101, ISBN 978-84-9151-488-6
Filmografía Big Bang (1996) La memoria del río (2003) Nueve (2007) 888 árbores (2008) Corpi in movemento (2010) Cielulosas (2010) Virando (2010) Viran2 (2010) LimpaParaBrisas (2011) Ventana (2011) PonteQuieta (2011) Xesús, María e Xosé (2011) 8 (2012) Corpi in movimento Due (2012) Corpi in movemento II (2012) Alzheimer (2013) Sombrarrotes (2013) Unos van outros veñen… (2014) NCG II (2014) AR-G!!!!!!!!! (2015) Frames no frame (2017) Alzheimer B (2017) Vila Xastre (2018) Ad libitum (2018) Saltator Referendum (2019) De verdade queredes sabes o que pensamos? (2023)
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Proxecto Remolque en YouTube Cris Lores en Vimeo
Categoría:Nados en 1975 Categoría:Nados en Pontevedra Categoría:Directores de cinema de Galicia Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes