Xurxo González Rodríguez, nado na Guarda en 1973, é un cineasta, crítico e activista audiovisual galego. Na súa faceta como cineasta é coñecido baixo o nome de Xurxo Chirro, alcume que utilizou por primeira vez no filme Cellular Movie (2010).

Traxectoria Como crítico cinematográfico, ten publicado textos nas revistas Tempos Novos, Cahiers du Cinéma-España, Madrygal, Quintana e Ag, e nos xornais Faro de Vigo e A Peneira. Foi asesor e catalogador de arquivos audiovisuais na RTVE-G, e creador de contidos na Agencia Audiovisual Galega (AAG), dirixida por Manolo González. Coordinou as plataformas dixitais Teutubo e Flocos.tv, e foi o impulsor do portal Novo Cinema Galego: O arquivo das novas prácticas cinematográficas na Galiza, que botou a andar en 2015.

Desde o 2010 ao 2013 traballou para a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e foi comisionado do ICAA no bienio 2010-2011. Foi programador do festival Filminho: Festa do Audiovisual Galego e Portugués. Formou parte do colectivo Acto de Primavera, xunto a José Manuel Sande e Martin Pawley, e é por tanto coautor da etiqueta "Novo Cinema Galego". Na actualidade reside nas Illas Canarias.

Baixo o alcume de Xurxo Chirro, é autor dunha longa filmografía, mais é sobre todo coñecido pola súa película Vikingland, que a crítica galega, nunha enquisa da revista Luzes en decembro de 2014, votou como o mellor filme galego desde 1989. Vikingland foi producida por Beli Martínez e está construída a partir de material encontrado, que o cineasta prefire denominar material "revelado". Foi premiada no Festival Play-Doc e en Márgenes; e foi premio da crítica internacional en Lima Independiente.

Para Xurxo Chirro o cinema "é unha ferramenta social que interactúa cun contexto".Donoso, Sara, "Cine, paisaxe, pintura. Unha ollada ao audiovisual galego contemporáneo", en Nogueira 2021, p. 155. Esta faceta máis social e política pódese apreciar nas súas películas 36/75 (2009) e De barrio (2019), sobre a memoria persoal e histórica.

Proxecto Socheo Xurxo González é director do Proxecto Socheo, unha iniciativa nacida en 2011 que ten como obxectivo localizar, estudar, inventariar, salvagardar e dar a coñecer o patrimonio audiovisual da Guarda e do Baixo Miño. Nacido a partir da recuperación das cintas de vídeo de Luis Lomba ("O Haia"), que constitúen a materia prima de Vikingland, o Proxecto Socheo pretende loitar contra o esquecemento e a desmemoria. A produtora Beli Martínez e os IES A Sangriña da Guarda forman parte do seu equipo técnico. En 2014 o Proxecto Socheo recibiiu o Premio de Alfabetización Audiovisual do Ministerio de Educación.

“Socheo” é un vocablo mariñeiro que significa fase final do crecente, anterior á preamar.

Publicacións Xurxo González colaborou na publicación de tres libros. En 2004 foi coautor do libro sobre Manoel de Oliveira publicado pola USC.José María Folgar de la Calle, Xurxo González Rodríguez e Jaime Pena (Coords) (2004); Manoel de Oliveira, Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela. En 2013 foi coautor do libro Cines de Pontevedra: documentación nos arquivos públicos, editado por Ángel Luis Hueso.Ángel Luis Hueso Montón, Xurxo González Rodríguez e Rita Martín Sánchez (2013); Cines de Pontevedra: documentación en arquivos públicos, Ángel Luis Hueso Montón (Ed.), Santiago de Compostela. E en 2017 foi coordinador, xunto con Beli Martínez, de Camiños da imaxe: Joaquín García Portela "Costiña"Xurxo González Rodríguez e Beli Martínez Martínez (Coords.) (2017); Camiños da imaxe. Joaquín García Portela “Costiña”, Deputación de Pontevedra, Pontevedra. para a Deputación de Pontevedra.

Filmografía Argazo (2006) Os señores do vento (2008) 36/75 (2009) 13 pozas (2009) Cellular Movie (2010) Vikingland (2011) Noite (2012) Á luzada (2012) Une histoire seule (2013) Cova alumada (2013) Gran Hotel (2015) Jeanette (2016) De barrio (2019)

Notas

Véxase tamén

Bibliografía Martínez Martínez, Isabel (2015). O cine de non ficción no Novo Cinema Galego (2006-2012): Conceptualización, contextos e singularidades, tese de doutoramento. Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Universidade de Vigo. Redondo Neira, Fernando; González, Xurxo. "As marcas do procesual nos límites da experimentación do Novo Cinema Galego". en Nogueira 2021. Romero Suárez, Brais (2018). “De Vikingland a Ingen Ko Pa Isen: análise dunha correspondencia involuntaria”, II Premios María Luz Morales (Accésit Ensaio Escrito Audiovisual Galego). Villarmea Álvarez, Iván (2016). "Transnational Identities in Galician Documentary Film: Alberte Pagán's Bs. As. and Xurxo Chirro's Vikingland". Oliete-Aldea, Elena; Oria, Beatriz, and Tarancón, Juan A. Global Genres, Local Films. The Transnational Dimension of Spanish Film. Bloomsbury. ISBN 978-1-5013-0298-5 Ledo Andión, Margarita (ed.) (2017), Para unha historia do cinema en lingua galega. Marcas na paisaxe, Editorial Galaxia, ISBN 978-84-9151-172-4 Donoso Calvo, Sara (2018), Cine, paisaje, pintura. Una mirada al audiovisual gallego contemporáneo, tese de doutoramento, Universidade de Santiago de Compostela. Donoso, Sara (2019), Miradas cruzadas. Pintura e paisaxe no audiovisual galego contemporáneo, Intersección, A Coruña, ISBN 978-84-949791-3-2 Ledo Andión, Margarita (ed.) (2019), Para unha historia do cinema en lingua galega. A foresta e as árbores, Editorial Galaxia, ISBN 978-84-9151-335-3 Ledo Andión, Margarita (ed.) (2020), Para unha historia do cinema en lingua galega. De illas e sereas, Editorial Galaxia, ISBN 978-84-9151-488-6 Nogueira, Xosé (ed.) (2021), Para unha historia do cinema en lingua galega. Lume na periferia, Editorial Galaxia, ISBN 978-84-9151-766-5

Ligazóns externas Proxecto Socheo Novo Cinema Galego Chanfreiros en YouTube Xurxo Chirro en Filmaffinity

Categoría:Nados en 1973 Categoría:Nados na Guarda Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Directores de cinema de Galicia Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes