Tianzhu (chinés tradicional e simplificado: 天主; pinyin: Tiānzhǔ; Wade-Giles: T'ian1-chu3), literalmente "Mestre Celestial" ou "Señor dos Ceos", é unha palabra chinesa cuñada polos xesuítas para designar ao deus cristián.Jensen (1997): 73.

Historia A voz tianzhu apareceu por vez primeira na tradución chinesa dos dez mandamentos realizada por Michele Ruggieri (1543-1607). No 1584, Ruggieri e Matteo Ricci (1552-1610) publicaron o primeiro catecismo da China, co título Tianzhu shilu 天主實錄 ("O verdadeiro rexistro do Señor dos Ceos").O'Malley (1999): 365. O propio Ricci escribiu posteriormente outro catecismo, o Tianzhu shiyi 天主實義 ("O auténtico sentido do Señor dos Ceos").

Logo da chamada polémica dos ritos chineses, a palabra tianzhu foi oficialmente adoptada polo papado no 1715, rexeitando alternativas como Tian 天 ("Ceo") ou Shangdi 上帝 ("Emperador Supremo"), que xa tiñan unha tradición de uso na historia da China.Yang (2010): 52.

"Catolicismo" adoita traducirse como tianzhujiao 天主教 ("A relixión do Señor dos Ceos").Davidson (ed.) (2006) Pola súa banda, "católico" é tianzhujiaotu 天主教徒, xa que tu 徒 significa "discípulo" ou "crente". Os mesmos hanja ou caracteres chineses empréganse en coreano para os termos equivalentes.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Davidson, M. (ed.) (2006): Collins Chinese Dictionary. HarperCollins. Jensen, L. M. (1997): Manufacturing Confucianism: Chinese Traditions & Universal Civilization. Duke University Press. . O'Malley, J. W. (1999): The Jesuits: Cultures, Sciences, and the Arts, 1540-1773. University of Toronto Press. . Yang, F. (2010): Chinese Christians in America: Conversion, Assimilation, and Adhesive Identities. Pennsylvania State University Press.

Ligazóns externas

《天主實義》 (texto completo en chinés clásico).

Categoría:Catolicismo na China Categoría:Relixión na China