Txai Suruí, nada en Rondonia no ano 1997, é unha activista ambiental indíxena brasileira da etnia suruí. É a coordinadora do Movemento da Mocidade Indíxena, embaixadora de Z1, un programa de embaixadas de contas dixitais para adolescentes. Foi a primeira muller indíxena en intervir na inauguración dunha conferencia mundial sobre o clima e participou na COP26 en novembro de 2021.

Traxectoria O seu nome de bautismo é Walelasoetxaige Paiter Suruí, que significa muller intelixente, xente de verdade. O nome Txai significa "máis ca un amigo, irmán, a metade de min que existe en ti e a metade de ti que vive en mí", na lingua da tribo india kaxinawá.

Suruí naceu en Rondônia, Brasil. A súa nai, Ivaneide Bandeira Cardozo, é unha estudosa dos pobos indíxenas do Brasil, en particular dos Uru-Eu-Wau-Wau. O seu pai, Almir Suruí, é un activista, antigo candidato ao parlamento e membro do pobo indíxena Paiter do Brasil. Ambos son referentes na loita indíxena pola equidade e foron moi críticos co goberno de Jair Bolsonaro.

Cando tiña seis anos, durante o ritual mapumaí que festexa a creación do mudo, o seu pai dixo dela que sería unha gran líder indíxena. Viviu coa súa familia ata os sete anos na aldea de Cacoal na Terra Indíxena de Sete de Setembro, e dende entón cos seus avós na cidade de Porto Velho, onde comezou a ir a escola. De nena acompañaba aos seus pais nas excursións pola selva e na defensa do seu territorio. Ela e a súa familia viviron un tempo escoltados pola Forza Nacional Brasileira, por culpa das ameazas que recibían dos leñadores da rexión, pola súa labor activista. Tiña entón catorce anos e aprendeu cedo a importancia da defensa do territorio e da cultura dos pobos da selva.

Anos despois, Suruí estudou Dereito na Universidade Federal de Rondônia (Unir) sendo a primeira suruí en entrar no ámbito xurídico. Antes de rematar a súa formación, traballou na parte xurídica da Asociación de Defensa Etnoambiental Kanindé, unha organización social que defende os dereitos dos pobos indíxenas.

Activismo A principios de 2021, fundou o Movemento da Mocidade Indíxena de Rondônia, unha organización con cerca de 1.700 persoas que ela mesna coordina e coa que participa en accións e mobilizacións, exixindo por exemplo a demarcación das terras e a garantía de dereitos para os pobo indíxenas.

Suruí, xunto tres activistas do grupo ecoloxista Engajamundo e dous activistas do grupo internacional Fridays for Future, demandaron en 2021 a funcionarios do goberno brasileiro por cambiar os cálculos oficiais de emisións de carbono para sortear as restricións do Acordo de París.

Máis tarde Suruí foi seleccionada para ser relatora na Conferencia anual de Cambio Climático das Nacións Unidas. No mes de novembro de 2021, na inauguración da Conferencia do Clima da ONU, a COP26, celebrada en Glasgow, Escocia. Foi a única brasileira que interveu e tamén a primeira indíxena en facelo. Discursou en inglés e criticou aos asistentes pola súa falta de atención aos problemas da deforestación.Txai Suruí participou na protesta climática do 19 de novembro en Estocolmo, xunto a activista ambiental sueca Greta Thunberg.

Suruí converteuse rapidamente no branco das mesaxes de odio, sobre todo despois de que Bolsonaro a criticara polo seu discurso na inauguración da COP26.

A comparecencia de Suruí na COP26 elevou significativamente a súa proxección internacional, o que levou ao xornal español El País a chamar a Suruí "a activista ambiental brasileira máis coñecida do mundo".

Tamén é embaixadora de Z1, un programa de embaixadores dunha conta dixital para adolescentes.

En 2022 Suruí traballou como produtora executiva no documental de National Geographic The Territory. A película narra tres anos de conflito entre os pobos indíxenas, e os agricultores e promotores inmobiliarios que intentan utilizar as terras indíxenas para os seus propios fins. O documental foi nomeado a varios premios Primetime Emmy, incluíndo Cinematografía destacada para un programa de non ficción, Dirección destacada para un programa de documental/non ficción e Mérito destacado na realización de documentales.

Nunha entrevista na revista ELLE afirmou que as súas aspiracións eran a igualdade de xénero, un sistema diferente que non vexa todo como números, como diñeiro ou algo lucrativo. Ademais loita por un mundo mellor no que se respecten os dereitos dos pobos indíxenas e da selva, no que a xente poida ser libre e vivir de xeito autónomo e os territorios sexan ceibes tamén.

En 2023, Suruí e a súa nai foron tomadas como reféns, xunto co director de cine británico Heydon Prowse e un equipo de rodaxe, por un grupo de homes armados, pero finalmente foron liberadas.

Pola súa defensa do Amazonas, concedéronlle o Premio ELLE Eco 2022.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Txai Suruí, la joven indígena brasileña que continúa la lucha de sus padres | El Tiempo O discurso de Txai Suruí (subtítulos en español) Película realizada por:Taller Multimedia de Escola Parque. Proxectada na COP 27 de Sharm el-Sheikh, Exipto, nun panel no que participou Txai Surui.

Categoría:Nados en 1997 Categoría:Pobo suruí Categoría:Activistas do Brasil Categoría:Brasileiros de ascendencia indíxena Categoría:Activistas dos dereitos indíxenas