Xosé Antón Parada Fernández, nado en Moaña en 1952 e finado no Touro (Ribeira) o 15 de xullo de 2024, foi un profesor de instituto e tradutor galego especializado na lingua acadia. Verteu ao galego o Código de Hammurabi e outros textos legais babilonios.
Traxectoria Xosé Antón Parada naceu en Moaña. Estudou Filosofía e Teoloxía no Seminario de Compostela, onde entrou en contacto con idiomas coma o acadio ou o hebreo clásico. Tamén se acabou licenciando en Linguas Clásicas pola Universidade de Santiago. Fixo a súa tese de doutoramento para abordar o problema da autoría das obras alquímicas medievais, O tratado ‘De Alchimia’: Unha falsa atribución a Albertus Magnus Ratisbonensis.
Foi profesor de latín e grego e xefe de departamento no IES Pobra do Caramiñal dende o 1990 até a súa xubilación. Como axudante de bibliotecario, interveu na catalogación dos fondos de Ángel Amor Ruibal.
En 1991 comezou a traballar nunha edición en galego do Código de Hammurabi, un dos documentos legais máis antigos do mundo, redactado polo rei Hammurabi. O libro publicouno en 2022 Rinoceronte Editora. Tamén traballou nunha tradución do Poema de Gilgamesh.
Politicamente estivo vencellado ao nacionalismo galego. Foi membro de UPG, ERGA, ANPG e BNPG, concelleiro do BNPG entre 1979 e 1983 en Moaña, e tamén foi concelleiro do BNG en Ribeira durante dúas lexislaturas.
Premios
Premio de Tradución Plácido Castro 2022 (ex aequo con Eva Almazán).
Publicacións
Tradución galega de "ditos proverbiais" asirios (1983). Dorna: expresión poética galega, 6, 14-16. Código de Hammurabi e outras compilacións legais de procedencia babilónica (2022). Rinoceronte Editora.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Unha presada de datos sobre a tradución literaria ao galego (Editorial Hugin e Munin)
Categoría:Tradutores ao galego Categoría:Nados en Moaña Categoría:Nados en 1952 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Finados en 2024 Categoría:Concelleiros de Ribeira Categoría:Concelleiros de Moaña Categoría:Concelleiros de Galicia polo BNG Categoría:Concelleiros de Galicia durante a democracia Categoría:Profesores de educación secundaria