Zhu Yizun (chinés tradicional: 朱彝尊; chinés simplificado: 朱彝尊; pinyin: Zhū Yízūn; Wade-Giles: Chu1 I2-tsun1), nome de cortesía Xichang 錫鬯, nado en Zhejiang no 1629 e finado no 1709, foi un escritor e poeta chinés da dinastía Qing. Durante os seus primeiros anos, foi recoñecido polo seu talento e axudado por Gong Dingzi. Zhu fundou a escola Zhexi da poesía ci 詞.
Traxectoria Zhu Yizun naceu en Zhejiang o 7 de outubro do 1629. Na súa mocidade, loitou contra as tropas manchús que acabarían por fundar a dinastía Qing. Posteriormente, aprobou os exames imperiais e obtivo un posto de editor na Academia Hanlin. No 1692, decidiu retirarse e regresar á súa cidade natal, onde se dedicou á poesía e ao estudo. Faleceu o 14 de novembro do 1709.
Obra Poesía Zhu Yizun estivo influenciado polos poetas da dinastía Song, coma Jiang Kui e Zhang Yan. Entre as súas obras, sobrevive a escolma Jingzhiju qinqu 静志居琴趣, na que se describe o seu amor ilícito pola súa media irmá, Shouchang. Trátase dun libro destacado no desenvolvemento do estilo yan 豔 da poesía ci.
Escribiu 80 dos volumes da colección Pu shuting ji 曝书亭集 ("Escolma do Pavillón dos Libros Expostos"), entre outras. A súa compilación Ci zong 詞綜 ("Síntese do ci") foi moi importante no estudo dos ci.
Ensaio Participou na edición do Mingshi 明史 ("Historia dos Ming"), a historia dinástica oficial dos Ming. Tamén contribuíu ao comentario dos clásicos chineses co seu longo Jinyi kao 經義考. Así mesmo, escribiu o Kongmen dizi kao 孔門弟子考 ("Estudo sobre os discípulos da escola de Confucio"), no que ofrece datos biográficos e información de interese filosófica.
Relación con Wang Shizhen O seu traballo estivo vinculado ao de Wang Shizhen (1634-1711), co que foi comparado con frecuencia. Ambos eran coñecidos coma nan Zhu bei Wang 南朱北王 ("Zhu do sur e Wang do norte"), en referencia ás súas respectivas rexións de orixe.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Zhu Yizun (La literatura china traducida en España)
Categoría:Finados en 1709 Categoría:Nados en 1629 Categoría:Escritores da China Categoría:Escritores en lingua chinesa Categoría:Literatura da dinastía Qing