O CTGF (factor de crecemento do tecido conectivo), tamén coñecido como CCN2 (factor de rede de comunicación celular 2), é unha proteína matricelular da familia CCN das proteínas que se unen á heparina asociadas coa matriz extracelular. O CTGF ten importantes funcións en moitos procesos biolóxicos, como a adhesión celular, migración celular, proliferación celular, anxioxénese, desenvolvemento do esqueleto e reparación de feridas nos tecidos, e está directamente implicado na enfermidade fibrótica e varias formas de cancro.

Estrutura e unión a moléculas Os membros da familia de proteínas CCN (do inglés cellular communication network, rede de comunucación celular), incluíndo o CTGF ou CCN2, caracterízanse estruturalmente por ter catro dominios ricos en cisteína conservados. Estes dominios son, desde o N- ao C-terminal, o dominio de factor de crecemento similar á insulina (IGFBP), o dominio de repeticións de von Willebrand tipo C (vWC), o dominio de repetición de trombospondina tipo 1 (TSR), e un dominio C-terminal (CT) cun motivo de nó de cisteína. O CTGF exerce as súas funcións uníndose a varios receptores da superficie celular de modo dependente de contexto, entre os que están os receptores de integrinas, proteoglicanos do heparán sulfato (HSPGs) da superficie celular, LRPs, e TrkA. Ademais, o CTGF tamén se une a factores de crecemento e proteínas da matriz extracelular. A metade N-terminal do CTGF interacciona co agrecano, o dominio TSR interacciona co VEGF, e o dominio CT interacciona con membros da superfamilia do TGF-β, fibronectina, perlecano, fibulina-1, slit, e mucinas.

Papel no desenvolvemento Os ratos knockout co xene Ctgf inactivado morren ao nacer debido estrés respiratorio como resultado dunha grave condrodisplasia. Os ratos nulos para Ctgf tamén mostran defectos na anxioxénese, cunha alteración da interacción entre as células endoteliais e os pericitos e deficiencia de coláxeno IV na membrana basal endotelial. O CTGF é tamén importante para o desenvolvemento da célula beta pancreática, e é esencial para o desenvolvemento normal dos folículos ováricos e da ovulación.

Importancia clínica O CTGF está asociado coa curación de feridas e virtualmente con todas as patoloxías fibróticas. Pénsase que o CTGF pode cooperar co TGF-β para inducir unha fibrose sostida e para exacerbar a produción da matriz extracelular en asociación don outras condicións indutoras da fibrose. A sobreexpresión do CTGF en fibroblastos promove a fibrose na derma, riles e pulmóns, e a deleción do Ctgf en fibroblastos e células do músculo liso reduce grandemente a fibrose da pel inducida pola bleomicina.

Ademais da fibrose, a expresión aberrante do CTGF está tamén asociada con moitos tipos de tumores malignos, nefropatía diabética e retinopatía, artrite e doenzas cardiovasculares. Varios ensaios clínicos están actualmente en marcha para investigar o valor terapéutico do CTGF na fibrose, nefropatía diabética e cancro pancreático.

O CTGF (CCN2) foi implicado recentemente en trastornos de estado de ánimo, especialmente no período posparto; estes efectos poden ser mediados polos seus efectos sobre a mielinización.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Ctgf/hcs24 CAESAR CYR61 (CCN1)

Ligazóns externas

Categoría:Factores de crecemento Categoría:Proteínas CCN