alt=Motoori Norinaga (1730-1801), un dos principais eruditos do kokugaku|miniatura|Motoori Norinaga (1730-1801), un dos principais eruditos do kokugaku

O Kokugaku (xaponés: 国学; literalmente, "estudos nacionais") foi un movemento intelectual, filosófico e filolóxico xaponés orixinado durante o período Edo. Os eruditos do kokugaku enfocáronse no estudo dos clásicos nipóns, fronte ás correntes dominantes centradas no chinés, o confucianismo ou o budismo. Os catro principais pensadores do kokugaku foron Kamo no Mabuchi, Motoori Norinaga, Kada no Azumamaro e Hirata Atsutane.

Historia A escola kokugaku ten as súas orixes nos séculos XVII e XVIII, cando se coñecía como kogaku 古学 ("estudos antigos"), wagaku 和学 ("estudos xaponeses") ou inishie manabi 古学び ("estudos da antigüidade"), o termo privilexiado pola escola de Motoori Norinaga. Segundo este último, o nacemento da kokugaku pode rastrexarse na obra do monxe budista Keichū.

Este movemento fundamentábase na investigación sobre a época dourada nipoa, especialmente os textos do shintō e a literatura antiga. As súas análises sobre a poesía anterior ao Muromachi intentaban determinar as características do espírito nacional xaponés, que para Norinaga se resumía no sentimento de mono no aware.

O termo kokugaku, cuñado para diferenciarse do kangaku 漢学 ("estudos chineses"), foi popularizado por Hirata Atsutane no século XIX. Tratábase dunha resposta ao sinocéntrico neoconfucianismo, predominante durante o período Edo, a pesar de que empregaban moitos dos métodos propios destas escolas. Os eruditos do kokugaku criticaron aos pensadores confucianos, cuxas ideas consideraban represivas e moralizantes.

O pensamento do kokugaku influíu sobre a filosofía do sonnō jōi. Esta ideoloxía estivo na base dos movementos que conduciron á caída do shogunato Tokugawa no 1868 e á posterior restauración Meiji. Tamén tivo un grande impacto no desenvolvemento do chamado shintō de estado.

Pensamento O kokugaku buscaba liberar a cultura xaponesa das influencias foráneas, especialmente as chinesas, intentando atopar o que consideraban a pureza natural do carácter nipón. Neste sentido, consideraban que o corazón chinés era diferente do xaponés. Xa que logo, centráronse na investigación filolóxica dos antigos textos nativos, sobre todo os da relixión nativa do shintō.

Principais pensadores Keichū (1640-1701) Kamo no Mabuchi (1697-1769) Kada no Azumamaro (1669-1736) Motoori Norinaga (1730-1801) Hirata Atustane (1776-1843)

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Kokugaku(Glossary of Shinto Names and Terms)

Categoría:Filosofía xaponesa Categoría:Lingüística Categoría:Xintoísmo