Os asturianos son un grupo etnolingüístico romance orixinario da comunidade autónoma de Asturias, no noroeste da Península Ibérica.

Cultura e sociedade Herdanza Os asturianos descenden directamente dos ástures, que eran habitantes celtas do noroeste da Península Ibérica antes da conquista romana que deu lugar á súa latinización. A comezos da Idade Media, a súa lingua celta caera en desuso e foi substituída por unha lingua derivada do latín que aínda se fala hoxe en día chamada asturiano. A súa lingua orixinal pódese atopar en topónimos de toda Asturias, incluíndo o propio nome de Asturias, que se cre que deriva da raíz celta stour que quere dicir 'río'. Outros aspectos da cultura asturiana non foron latinizados nin hispanizados, como a música, a mitoloxía e as festas que seguen sendo celtas.

Relixión A afiliación relixiosa dos asturianos é predominantemente a católica romana. A fe católica foi historicamente importante para os asturianos, xa que se cre que a batalla de Covadonga e a fundación dun Reino de Asturias foron obra de Paio de Asturias, quen rezou a unha estatua da Virxe María nunha cova antes da súa vitoria na batalla. Crendo que María axudou milagrosamente aos asturianos na batalla, creouse un santuario na súa honra en Covadonga.

Antes da súa cristianización, os asturianos seguían unha relixión celta politeísta. Moitos elementos desta fe perviviron en forma de criaturas mitolóxicas asturianas e lendas folclóricas contadas na actualidade.

Linguas

Ao longo da historia, os asturianos foron suxeitos a múltiples substitucións lingüísticas. Orixinalmente falaban unha lingua celta-Q, semellante á lingua galaica do pobo veciño dos galaicos. Porén, por mor da conquista romana, a lingua foi substituída polo latín, e despois pola moderna lingua asturiana, que é unha lingua románica. Dado que quedan poucos rexistros da lingua celta orixinal, non se pode revivir e extinguiuse.

A lingua asturiana, noutrora amplamente falada polos asturianos, está en declive dende comezos do século XX, aínda que arredor do 40% dos asturianos aínda falan a lingua (o 10% como lingua materna). No presente, segue a producirse o cambio de idioma cara ao castelán. Aínda que non está recoñecida como lingua oficial en España, atópase protexida pola lexislación do Estatuto Autonómico, e seguen a realizarse esforzos para preservar a lingua. Na zona occidental de Asturias fálase tamén o galego de Asturias.Bauske 1995

Emigración En marzo de 2019, informouse de que había 133.854 asturianos vivindo en 65 países. América Os asturianos estiveron implicados no desenvolvemento do Novo Mundo e os seus descendentes na actual Latinoamérica, especialmente na Arxentina e Cuba, así como outros países onde os asturianos se desprazaron durante o dominio do Imperio Español. A Revolución Industrial chegou a Asturias despois de 1830 co descubrimento e explotación sistemática dos recursos de carbón e ferro. Ao mesmo tempo, houbo unha importante migración cara a América (é dicir, México, Cuba e Porto Rico); os que triunfaron no exterior volvían a miúdo á súa terra natal moito máis ricos. Estes empresarios eran coñecidos colectivamente como 'indianos', por ter visitado e feito fortuna nas Indias Occidentais e máis aló. A herdanza destas familias adiñeiradas aínda se pode ver en Asturias hoxe en día: moitas vilas "modernistas" de gran tamaño están espalladas pola rexión, así como institucións culturais como escolas de balde e bibliotecas públicas. Comunidades asturianas, clubs sociais, equipos deportivos, bancos financeiros e grupos vocais afeccionados aínda se atopan en México e a Arxentina, así como en América do Sur.

A finais do século XIX e comezos do XX, decenas de miles de asturianos trasladáronse aos Estados Unidos en masa, principalmente ás industrias agrícolas de FloridaHistory of the Centro Asturiano de Tampa Building and Social Club e California, e as fundicións de cinc de Virxinia Occidental. Tamén estiveron implicados no traballo en bases industriais das cidades fabriles do Medio Oeste dos Estados Unidos. Unha característica dos asturianos onde vaian é o seu apego á terra de nacemento. Así se reflicte nos 82 Centros AsturianosFICA – Federación Internacional de Centros Asturianos nos América. Gloria Estefan, Eva Longoria, Vicente Fox, Lauren Jauregui, Miguel Díaz-Canel ou Pimpinela son algunhas das personalidaes con devanceiros asturianos. Martín de Argüelles foi o primeiro europeo que naceu nos actuais Estados Unidos.

No ano 2019, había 103.655 asturianos vivindo nas Américas.

Europa No caso de Europa, a maior comunidade asturiana atópase en Bélxica, con 8.208 membros. Francia, con 4.913, Alemaña, con 3.994, e Suíza, con 3.786, tamén son países tradicionais de emigración asturiana.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Nacionalismo asturiano

Categoría:Grupos étnicos de España Categoría:Grupos étnicos de Europa