Os problemas de saúde mental son o principal problema de morbilidade do sistema penal. A asociación estadounidense de psicoloxía reporta que case un 50% de reos teñen ou tiveron problemas de saúde mental, e entre un 10 e un 25% teñen algún tipo de trastorno mental severo; sendo máis grande a porcentaxe nas mulleres e nas minorías étnicas. Ademais, o encarceramento pode crear ou agravar os problemas de saúde mental. Segundo a Secretaría Xeral de Institucións Penais en España aproximadamente o 25% da poboación reclusa ten algún tipo de trastorno mental, que aumenta até aproximadamente un 49% se se inclúe a drogodependencia. A porcentaxe de reos con trastorno mental está entre tres e catro veces por encima do que se atopa na poboación civil; e é frecuentemente secundaria ó abuso de sustancias. Segundo outro estudo italiano, o 20% dos reos presentaban á vez un trastorno psiquiátrico e abuso de sustancias. En Inglaterra, segundo un estudo de 1998, o 20% dos homes e o 40% das mulleres encarceradas recibiran algún tipo de asistencia por problemas mentais ou emocionais no ano anterior ó seu ingreso na cadea, excluíndo o abuso de sustancias.

O encarceramento está altamente relacionado cos trastornos de saúde mental, e esta prevalencia desproporcionada de casos de saúde mental nas cárceres débese a diversas razóns. En liñas, xerais estas son: A idea errada de que as persoas con saúde mental son perigosas, a intolerancia de certas sociedades cara ás condutas diferentes ou difíciles de xestionar; e sobre todo, a incapacidade para aplicar tratamentos, coidados efectivos e a falta de acceso a servizos de atención á saúde mental. Moitos destes trastornos atópanse presentes antes do encarceramento, podendo ser acentuados durante este. Doutra banda, en moitos outros casos, o propio encarceramento e as condicións de tensións que se derivan deste provocan o desenvolvemento de trastornos mentais novos, nalgúns casos específicos da carceración como son as psicoses carcerarias, o aumento da violencia (agresións e suicidios) ou de problemas sexuais; e nos casos máis graves tamén debidos ás torturas ou á violación dos dereitos humanos.

Nalgúns países as persoas con trastorno mental ou con problemas de abuso de sustancias son encarceradas por delitos menores debido á falta dun sistema xeral de saúde no que ser tratados; en moitos casos agravando a situación. Dáse especialmente nos casos de abuso de sustancias, trastornos psicóticos, depresión maior, trastorno bipolar, trastorno obsesivo-compulsivo, trastorno por tensión postraumática, e un número de casos en aumento de enfermidades relacionadas coa terceira idade como a demencia.

Argumentouse que o feito de que haxa unha maior porcentaxe de persoas con enfermidades mentais na cadea que na poboación xeral sexa debido a que a poboación carceraria é máis nova e está formada nun maior número por persoas de minorías étnicas, dous dos factores socio-demográficos que correlacionan máis cos trastornos mentais, pero, tendo en conta a corrección estatística destes dous factores, a diferenza segue sendo significativa, sendo entre dúas e tres veces máis alta a prevalencia dos trastornos mentais en prisión.

O medio penal O cárcere é unha institución formada ademais de por un espazo arquitectónico, por unha estrutura social á que o preso deberá adaptarse, coas consecuencias que iso carrexa. Esta estrutura social ten á súa vez estruturas sociais formais (como as normas e as leis) e informais (como as relacións de poder ou as relacións persoais); principalmente estruturadas a través dos dous grandes subgrupos que a compoñen, a administración penal e os reclusos.

Erving Goffman acuña o concepto de institucións totais na súa obra Internados para describir o establecemento penais, nos que o control, o sometemento á autoridade e a dependencia son as principais características ás que o preso deberá adaptarse. Os reclusos son illados da sociedade, dos espazos familiares, de lecer e de traballo durante un tempo determinado, e deben seguir unha rutina diaria sometida á autoridade, reducindo a súa axencia, e limitando o acceso aos recursos propios.Michel Foucault polo seu lado, no seu ensaio Vixiar e castigar, usa o concepto de institucións disciplinarias para describir aqueles centros nos que; mediante a disciplina e o castigo, preténdese homoxeneizar e corrixir todas aquelas condutas disfuncionais ou antisociais.

Debido a estas características intrínsecas dos establecementos penais a situación de encarceramento é unha experiencia que busca a tensión psicolóxica do recluso e supón, en liñas xerais, unha experiencia traumática para a persoa encarcerada e as súas familias, sobre todo nos casos que levan máis tempo en prisión e nos de prisión provisional. O encarceramento require do recluso un esforzo adaptativo constante que, como consecuencia, xéralle unha serie de distorsións afectivas, emocionais, cognitivas e perceptivas. A falla de espazos de intimidade, o illamento, ou os estresores ambientais como a falla de hixiene, ou o frío e a calor, ou a masificación provocan un maior ou menor desgaste psicolóxico, afectan ó estado de saúde física e mental; e aumentan a aparición de comportamentos desadaptados.

Características específicas da poboación recluída A poboación presidiaria considérase colectivo de risco de exclusión social, tanto pola súa condición de reclusión como polas condicións previas a esta. A maior parte veñen de contornas difíciles, con contextos familiares marxinais e niveis socioeconómicos baixos e cunha porcentaxe de abusos previos moi alto; sobre todo de abusos sexuais e malos tratos infantís. O nivel educativo adoita ser baixo e, segundo o país, cunha porcentaxe de analfabetismo bastante elevado.

Doutra banda destacan certas características en canto ó perfil psicolóxico.

Dáse unha porcentaxe moi elevada de exposición a eventos traumáticos nas historias de vida, tanto de accidentes como de situacións de violencia ou de abusos sexuais e violacións. Un estudo sueco de 2007 atopou que o 76% dos reclusos enquisados experimentara polo menos un evento traumático na súa vida. A porcentaxe de persoas que presentan trastorno por tensión postraumática en prisión considérase que está entre o 10 e o 30%. Existe unha presenza frecuente de abuso de drogas e alcol, chegando a presentar criterios de abuso ou drogodependencia en aproximadamente a metade da poboación presa antes e durante a súa estancia en prisión. Este consumo a miúdo atópase ligado a cadros de depresión, ansiedade, ou trastorno mental; e están correlacionados coas vivencias traumáticas e as condutas violentas. A prevalencia de trastornos mentais na poboación recluída é significativamente máis alta que na poboación xeral; sendo máis comúns o trastorno psicótico e a depresión maior, presentes nun de cada sete presos, e os trastornos de personalidade. Tamén é preciso mencionar o elevado risco de condutas suicidas.

Consecuencias para a saúde Os presos con trastorno mental teñen o dobre de posibilidades de recibir castigos por algún tipo de infracción, o que empeora aínda máis a súa situación mental. A maior probabilidade de recibir un castigo débese, en parte, a que os síntomas das persoas con trastorno son considerados como faltas de disciplina polos traballadores das institucións carcerarias que non posúen a formación necesaria en materia de saúde mental, polo que se multiplican os castigos disciplinarios, a dureza destes e mesmo a lonxitude da pena de prisión.

Prisionalización O fenómeno da prisionalización, tamén traducido en ocasións como prisionización, foi descrito por primeira vez por Donald Clemmer no seu libro The prison community, e refírese ao “conxunto de adaptacións biolóxicas, psíquicas e sociais do individuo en prisión ao esquema normativo da comunidade de reclusos”. Este proceso adaptativo caracterízase pola asimilación dos hábitos do recluso á comunidade carceraria, tanto das normas da propia prisión como das regras informais da comunidade de reclusos, diminuíndo o repertorio de condutas individuais. O grao de prisionización depende de moitos factores como as características da cárcere, a masificación, a salubridade, a duración da condena ou o contacto co exterior. Tamén poden influír as características da personalidade. Outro termo equivalente usado en socioloxía é o de institucionalización.

Este proceso de adaptación ao encarceramento leva consecuencias psicolóxicas como a despersonalización, a externalización do locus de control, a desvalorización da propia imaxe e diminución da autoestima, e unha visión máis negativa do mundo; así como tamén un aumento de respostas biolóxicas desadaptativas da conduta, como o aumento do instinto de ataque, as dificultades para conciliar o sono e os problemas de privación sexual.

Illamento O confinamento é un dos principais problemas no cárcere. Os reclusos en cadeas locais e os centros de prisión preventiva tenden a recibir peor trato e a vivir en peores condicións xa que son centros que reciben menos financiamento, polo que adoitan ter problemas de espazo e de persoal, e a pasar máis horas encerrados nas súas celas. Neste tipo de prisións os reclusos poden chegar a permanecer entre 20 e 23 horas ao día nas súas celas, segundo un informe estatal de prisións de Inglaterra. No ano 2019 o 30% dos reclusos reportaron pasar menos de 2 horas ao día fóra da cela. Isto fai que as persoas con problemas psiquiátricos preexistentes empeoren a súa situación e outros que son vulnerables a desenrolar problemas de saúde mental se descompensen nestas condicións. Ademais as persoas con trastornos psicóticos tenden a ser confinadas nas súas celas por períodos máis longos. Os problemas relacionados co confinamento fanse especialmente patentes coa medida disciplinaria do confinamento solitario, e mesmo nos presos sen historia de trastorno mental o confinamento solitario aumenta significativamente a probabilidade de condutas autolesivas.

Tratamento psiquiátrico En moitas ocasións, a prisión é o primeiro lugar onde as persoas con risco a sufrir problemas de saúde mental, teñen contacto co sistema de saúde, (como en situacións de trastorno mental ou drogodependencia), e estes espazos poden tomar un papel importante tanto para tratar a mesma adicción, como outros problemas de saúde mental presentes, ou mesmo para educar en asuntos de hixiene como as enfermidades de transmisión sexual. A pesar disto, debido á saturación dos sistemas de saúde, á súa ineficiencia, ou mesmo á súa inexistencia, en numerosas ocasións a situación da persoa con trastorno mental en prisión adoita empeorar.

Por exemplo en Inglaterra, aínda que o sistema de saúde nas prisións está xestionado polo Instituto Nacional de Saúde público, e a pesar de que legalmente un interno cunha urxencia psiquiátrica ten dereito á atención psiquiátrica nun prazo de 14 días, adoitan ter que esperar ata un ano a ser trasladados a un hospital psiquiátrico.

Outro dos problemas principais que xera o encarceramento de persoas con necesidades de tratamento psiquiátrico por trastornos graves, como poden ser a psicose ou a esquizofrenia, é que son ingresados no módulo de enfermaría durante gran parte do tempo da súa condena. Isto fai que non poidan participar nas actividades comúns do centro nin nas indicadas para realizar unha intervención psicosocial terapéutica, o que pode xerar unha cronicidade dos síntomas da enfermidade, así como institucionalización (submisión ao réxime de vida do cárcere); o que á súa vez pode levar á persoa a unha dependencia crónica do sistema psiquiátrico unha vez cumprida a súa pena. As recomendacións principais de numerosas institucións como a Unión Europea, as Nacións Unidas ou a OMS son derivar ás persoas con trastorno mental do sistema penal ao sistema xeral de saúde, e a formación do persoal penal en temas de saúde mental.

Suicidio