Peter O'Neill, nado o 13 de febreiro de 1965, é un político de Papúa-Nova Guinea. Foi primeiro ministro papúa entre o 2 de agosto de 2011, se ben obtivo o posto «en funcións» até o 3 de agosto de 2012, ante a disputa xudicial de Michael Somare, e o 26 de maio de 2019, data na que deixou o cargo. Foi o líder do Partido do Congreso Nacional do Pobo (People's National Congress Party), sendo deputado pola circunscrición de Ialibu-Pangia.

Traxectoria política Foi escolleito deputado no ano 2002, ocupando logo varios postos ministeriais do goberno de Somare até 2004. En 2004 pasou a liderar a oposición mais tres anos despois volveu ao goberno de Samore como ministro do Servizo Público. En 2011 Somare deixou o cargo por enfermidade, aínda que O'Neill seguiu ocupando un ministerio no goberno interino de Sam Abal.

Elección como primeiro ministro e disputa legal En agosto de 2011 uniuse á oposición para botar do goberno a Abal. O 2 de agosto o parlamento elixiuno novo primeiro ministro con 70 votos a favor contra 24 en contra nunha votación realizada sorpresivamente pola oposición. Tras esta elección, Abal anunciou que tomaría medidas legais, ao considerar que a renuncia de Somare non era efectiva, e trataríase pois só dunha ausencia na que non habería dereito legal para convocar unha votación para escoller primeiro ministro.

A Corte Suprema considerou ilegal o 25 de abril de 2012 a elección de O'Neill e ordenou a volta de Somare ao cargo. O'Neill tentou lograr o apoio e confirmación do seu posto por parte do gobernador Michael Ogio, mais a policía impediulle a entrada á residencia do gobernador. En todo caso, o presidente do parlamento, Jeffrey Nape, rexeitou cumprir a decisión da Corte Suprema, declarando que O'Neill era o lexítimo líder do país. A crise política non se resolvería até a celebración das eleccións de 2012, nas que se elixiu un novo arco parlamentario. O 3 de agosto de 2012 O'Neill foi ratificado no seu cargo co voto a favor de 94 deputados a favor, e mesmo recibiu o apoio de Somare para desbloquear a situación política do país.

Goberno Entre as primeiras medidas que tomou, en agosto de 2011, destaca a destitución de Glen Blake como director da empresa pública Independence Public Business Corporation por conduta pouco exemplar, co obxectivo de restaurar a confianza na empresa por tela deixado actuar os anteriores gobernos cun gran "veo de secretismo". Tamén no mesmo agosto anunciou a instauración dun novo día festivo no país, o día do Arrepentimento, no que un "grupo de igrexas" celebran cerimonias por todo o país. En xullo de 2013 asinou un importante acordo co goberno australiano de Kevin Rudd, no que se comprometía a acoller en campos especiais até tomar unha decisión sobre o seu asilo todos os inmigrantes que intentasen chegar polo mar a Australia, a cambio de certos investimentos para pagar eses campos especiais, así como doutros investimentos en sanidade e educación. Segundo o acordo, os demandantes de asilo que cheguen por mar e sexan aceptados non pasarían a Australia, se non que serían recolocados en Papúa-Nova Guinea.

En 2014 desmantelou un grupo policial contra a corrupción que o acusou de malversación de fondos, nomeando unha nova cúpula policial que deixou o caso en suspensión. Aínda así, co escándalo, o seu partido foi o máis votado nas eleccións de 2017, sendo elixido de novo primeiro ministro polo Parlamento con 60 votos a favor e 46 en contra.

O 26 de maio de 2019 renunciou ao cargo, sendo sucedido por James Marape.

Notas

Categoría:Nados en 1965 Categoría:Políticos de Papúa-Nova Guinea Categoría:Primeiros ministros de Papúa-Nova Guinea Categoría:Nados en Papúa-Nova Guinea