Latgale, tamén coñecida polo nome latinizado de Lategalia, Latgalia ou Letgalia (en idioma latgaliá: Latgola) é unha das catro rexións históricas e culturais de Letonia que recoñece a Constitución letoa. Mais hoxe en día non exerce funcións administrativas, soamente funcións estatísticas e de recollida pública de datos. É a rexión máis oriental ao norte do río Daugava. O río sepáraa de Zemgale e esta limitada ao norte por Vidzeme. Ten unha superficie de 14.600 km², que representa o 22% de Letonia.

Historia Latgale, bautizada así polas tribos bálticas latgaliás, foi parte da Inflantia Polaca, Inflantia que é a variación do nome polaco dado a Livonia, coñecida máis oficialmente como Voivodato da Livonia. Posteriormente no Imperio Ruso foi designada como a Gobernatura de Vitebsk.

Mentres que a maioría da poboación letoa é maioritariamente de relixión protestante (luterana) en Latgale predomina a fe católica, seguida da ortodoxa, por influencias polacas e rusas. Esta tradición tiña influencia incluso no patrón de propiedade da terra, a rexión era menos minifundista que as rexións veciñas e aquí a servidume aboliuse moito máis tarde que no resto da actual Letonia. Os campesiños non adoitaban vivir en granxas familiares, como era costume nas terras ao oeste e nas rexións bálticas veciñas, senón en vilas arrodeadas por leiras comunais, divididas por sectores, ao igual que os campesiños en Rusia. Tamén obsérvanse cruces e pequenos santuarios nos camiños, ao estilo católico polaco ou lituano, e influencias eslávicas nos cemiterios, coma cruces teitadas.

Na devandita rexión existe unha gran poboación de etnia rusa, especialmente na cidade de Daugavpils, onde ata a minoría polaca é tan abundante como os cidadáns letóns, a cidade máis poboada da rexión. Krāslava, e Ludza son outras cidades grandes da rexión, cunha importante minoría belarusa. Durante a Gobernatura de Vitebsk a poboación xudía era moi significativa, pero moitos foron vítimas do Holocausto ou emigraron.

Esta rexión é unha das máis pobres e rurais da Unión Europea e ao contrario que o resto de Letonia a maioría da poboación votou contra a adhesión á Unión Europea no referendo organizado para a toma da decisión.

A lingua latgaliá é un idioma cunha tradición literaria diferenciada do letón, tamén considerada a "forma histórica" do letón é comprensíbel polos letóns nun 70%. Durante o censo de 2011, aproximadamente 165.000 persoas declararon coñecemento do latgaliá. A lingua é empregada acotío na rexión e polos seus habitantes cando asentan noutras partes do país, mais a lingua perde falantes anualmente e está considerada en perigo. A lingua rexional non se ensina nas escolas.

Xeografía

Demografía

A data de 2 de decembro de 2023 tiña 255,627 habitantes. Os datos estatísticos por distritos son:

Augšdaugavas 25,927 Balvu 19,015 Daugavpils 80,627 Krāslavas 21,459 Līvānu 10,636 Ludzas 21,777 Preiļu 16,759 Rēzekne 26,839 Rēzeknes 32,588

Notas

Categoría:Rexións de Letonia