Hugo Bueno López, nado en Gondomar o 18 de setembro de 2002, é un futbolista galego que xoga como lateral esquerdo no Wolverhampton Wanderers, do EFL Championship. É irmán xemelgo de Guille Bueno, xogador do Borussia Dortmund II.
Traxectoria Comezou a xogar ao fútbol xunto ao seu irmán xemelgo Guille no Gondomar do seu concello natal. Axiña comezou a destacar e en idade alevín foi seleccionado para representar á selección viguesa sub-12 no Campionato Galego de Seleccións. En idade cadete pasou xunto a Guille á canteira do Areosa, no que xogaron nos seguintes anos coa excepción dun intervalo no ED Val Miñor. Durante a tempada 2018/19 compaxinou o equipo xuvenil do Areosa, da Liga Nacional, co xuvenil do Comesaña, na Liga Galega.
En 2019 deixou Galicia e ingresou na canteira do Wolverhampton Wanderers inglés. Separouse así por primeira vez de seu irmán, que continuou un ano máis no Areosa antes de fichar polo Deportivo da Coruña Xuvenil. En Wolverhampton, Hugo xogou nos equipos sub-18 e sub-23 do club durante tres anos, coincidindo cos tamén galegos Jonny Otto e Erik Bugarín.
O 15 de outubro de 2022, debutou co primeiro equipo na Premier League, substituíndo ao franco-alxeriano Rayan Aït-Nouri no tempo de desconto da vitoria por 1-0 sobre o Nottingham Forest no Molineux. Saíu de titular na seguinte xornada e continuou na titularidade durante varias xornadas. Finalizou a súa primeira campaña na Premier con 21 partidos disputados, aos que sumou un na FA Cup e outro na EFL Cup. Na tempada 2023/24 xogou outros 21 partidos de liga e catro máis nas competicións de copa.
Para a tempada 2024/25 saíu cedido ao Feyenoord, da Eredivisie dos Países Baixos. No club neerlandés competiu polo posto con Gijs Smal e Quilindschy Hartman e comezou a ser un habitual na titularidade a partir de outubro. O 18 de febreiro de 2025 contou con protagonismo na Liga de Campións, cando un centro seu en San Siro foi rematado a gol por Julián Carranza, significando a eliminación do Milan e a clasificación do Feyenoord a oitavos de final despois de 50 anos sen conseguilo. Finalmente, o equipo caeu eliminado na seguinte rolda ante o Inter de Milán de Simone Inzaghi. Pechou o seu paso polo Feyenoord cun total de 30 partidos e catro asistencias.
Na tempada 2025/26 regresou aos Wolves, cos que disputou un total de 38 partidos ao longo da tempada, 28 deles como titular, e marcou o seu primeiro gol na Premier nun partido contra o Arsenal. Con todo, non puido evitar o descenso do equipo ao EFL Championship, despois de rematar como pechacancelas.
Selección española O 26 de febreiro de 2020, debutou coa selección española sub-18, na vitoria por 2-1 contra Dinamarca. En setembro de 2023 recibiu a súa primeira convocatoria coa selección sub-21, debutando con esta nun partido ante Escocia no Nuevo Estadio de la Victoria de Xaén. En 2025 disputou en Eslovaquia a Eurocopa sub-21, na que xogou tres partidos, antes de caer nos cuartos de final contra Inglaterra.
Selección galega Foi convocado pola selección galega para o partido contra Panamá disputado no Estadio de Balaídos o 31 de maio de 2024, que finalizou con derrota (0–2).
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en LaPreferente .
Categoría:Nados en 2002 Categoría:Nados en Gondomar Categoría:Futbolistas de Gondomar Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Wolverhampton Wanderers FC Categoría:Xogadores do Feyenoord Rotterdam Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Galicia Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-21