miniatura|Fonte da Ribeira do Berbés, Vigo. Hauser y Menet, 1925.|300px O Berbés, eclesiasticamente San Francisco do Berbés ou San Francisco de Asís de Vigo, é un barrio urbano da cidade de Vigo, no concello de Vigo, na comarca homónima.

Historia É un dos barrios históricos de Vigo. Foi un dos primeiros núcleos do poboamento medieval de Vigo. No século XII documéntase aquí o porto de San Xián. Cando se fortificou a vila, quedou extramuros. A finais do século XV a poboación que se asentaba nel era escasa. Dende entón vai medrando e estendéndose ao longo do litoral. No século XVII acada o outro extremo da praia, xustamente onde se atopaba o convento de San Francisco.

Dado que estaba fóra das murallas, a súa defensa realizábase mediante dous baluartes, o do Berbés (na porta da Ribeira) e mais o de San Xián ou das Redes.

Tamén era chamado A Ribeira. A súa historia está vinculada á pesca, xa que se ergueu ás beiras da ría de Vigo. Componse de rúas estreitas e empinadas. A súa fachada marítima, conformada por soportais, é un dos seus emblemas. Antigamente servía como lugar auxiliar ás tarefas dos mariñeiros, das atadeiras e das peixeiras. Ergueuse tamén nas súas inmediacións o mercado da Laxe.

Nas primeiras décadas do século XX constrúense ensanches e espigóns.

En 1921 creouse a parroquia eclesiástica de San Francisco do Berbés, situada na actual rúa de Santa Marta. Tamén integra a capela do convento de San Francisco e mais a igrexa de San Clemente María Hofbauer. Véxase tamén

Barrios da cidade de Vigo

Parroquias de Vigo

Categoría:Xeografía de Vigo Categoría:Parroquias eclesiásticas de Galicia