Os Acordos de Abraham son a denominación empregada para referirse ao proceso de normalización diplomática, auspiciado polos Estados Unidos, entre países de maioría islámica e Israel a partir do ano 2020. Orixinalmente, os Acordos de Abraham eran unha declaración conxunta entre o Estado de Israel, os Emiratos Árabes Unidos, e os Estados Unidos, feita o 13 de agosto de 2020. Mais logo tamén se empregou para referirse aos acordos para manter relacións diplomáticas formais entre Israel e Emiratos Árabes Unidos e Bahrain, e por extensión a outros como Marrocos e Sudán.miniatura|Mapa dos países asinantes dos Acordos de Abraham en setembro de 2020: Israel (cor azul), Bahrain (cor laranxa) e os Emiratos Árabes Unidos (cor granate). Os Acordos de Abraham supuxeron a primeira normalización diplomática entre un país árabe e Israel dende 1994, cando o fixera Xordania. Os tratados orixinais foron asinados o 15 de setembro de 2020 nos xardíns da Casa Branca en Washington, D.C., polo ministro de exteriores emiratí Abdullah bin Zayed bin Sultan Al Nahyan, o seu homólogo de Bahrain Abdullatif bin Rashid Al Zayani, o primeiro ministro de Israel Benjamin Netanyahu, e o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump. Os negociadores foron Jared Kushner e Avi Berkowitz, conselleiros do presidente dos Estados Unidos.

A intitulación oficial do acordo entre Emiratos Árabes Unidos e Israel é Acordos de paz de Abraham: tratado de paz, relacións diplomáticas e normalización plena entre os Emiratos Árabes Unidos e o Estado de Israel. Mentres que o pacto entre Bahrain e Israel denomínase Acordos Abraham: Declaración de paz, cooperación e relacións amigables e diplomáticas e foi anunciado polos Estados Unidos o 11 de setembro de 2020.

A referencia a Abraham buscouse para destacar a orixe común das crenzas do xudaísmo e do islam, ambas as dúas relixións, abrahámicas e monoteístas, recoñecen como patriarca a Abraham e baséanse na louvanza ao seu Deus.

Posteriormente, outros países musulmáns sumáronse aos Acordos de Abraham recoñecendo ao Estado de Israel e abrindo relacións diplomáticas con el. Deste xeito, Marrocos normalizou as súas relacións con Israel en decembro de 2020 logo de que os Estados Unidos recoñeceran a súa soberanía sobre o Sáhara Occidental; tamén Sudán, a partir de xaneiro de 2021, adheriuse á declaración tras serlle retirada a cualificación de "estado patrocinador do terrorismo" e de recibir axuda financeira dos Estados Unidos.

Antecedentes As relacións entre Israel e os países árabes de Oriente Próximo foron complexas dende antes do nacemento do Estado de Israel en 1948: en decembro de 1945 a Liga Árabe aprobou un boicot á comunidade xudía establecida no mandato de Palestina para limitar a inmigración, posteriormente, en 1947, a maioría de países musulmáns rexeitaron o Plan das Nacións Unidas para a partición de Palestina que daría na creación de dous estados (un xudeu e outro árabe) no territorio do mandato británico, e, en 1948, a Liga Árabe estendeu o boicot ao recentemente establecido o Estado de Israel. Ademais, cómpre indicar que nas décadas seguintes a ocupación israelí de Palestina e as guerras cos seus veciños favoreceron que a maioría dos países árabe non recoñecesen a Israel. Grazas á mediación dos Estados Unidos, esta posición foi abandonada por Exipto en 1979 e por Xordania en 1994.

Tanto Bahrain como os Emiratos Árabes Unidos independizáronse en 1971, é dicir, con posterioridade ás medidas anteriormente referidas, aínda que ambos os dous estados sumáronse ás iniciativas de boicot. Mais os dous países comezaron a manter certas relacións informais con Israel logo dos Acordos de Oslo de 1993. En Bahrain existe unha pequena comunidade xudía en Al-Qatif, que está integrada na sociedade que a acolle, contando mesmo con representación política. Entre Emiratos Árabes Unidos e Israel houbo momentos de maior tensión, como cando en 2010, as autoridades emiratís responsabilizaron ao Mossad da morte dun líder de Hamás en Dubai.

Doutra parte, dende comezos do século XXI, as monarquías sunnitas do golfo Pérsico perciben como unha ameaza crecente a Irán, especialmente tras o seu plan nuclear. Estes temores coinciden cos de Israel, o que favoreceu achegamentos patrocinados polos Estados Unidos.

Negociacións O 28 de xaneiro de 2020, o goberno de Donald Trump presentou un proposta de paz para Israel e Palestina na Casa Branca. Segundo este plan, o 30% de Cisxordania ficaría baixo o control administrativo e militar israelí, polo que o goberno de Benjamin Netanyahu valorou a posibilidade de anexionar territorio cisxordano. Esta posibilidade foi rebatida polo embaixador emiratí nos Estados Unidos, Yousef Al-Otaiba, nun artigo de prensa o 12 de xuño de 2020 publicado polo xornal de Tel-Aviv, Yedioth Ahronoth. Segundo a súa opinión de Al-Otaiba a anexión de territorio cisxordano por Israel comprometería a seguridade, paz e relacións de Oriente Próximo. A Casa Branca tamén tivo reservas sobre a posible anexión de territorios por parte de Israel, e como alternativa Avi Berkowitz a propuxo lograr a normalización de relacións entre Israel e os Emiratos Árabes Unidos. miniatura|Os ministros de Exteriores de Bahrain e Emiratos Árabes Unidos asinan os Acordos de Abraham canda Benjamin Netanyahu e Donald Trump. En xullo de 2020, as negociacións entre EUA e os Estados Unidos comezaron, favorecidas polo interese mutuo fronte Irán e valorando as preocupacións emiratís. Finalmente, o acordo de recoñecemento entre Israel e Emiratos Árabes Unidos acadouse o 13 de agosto de 2020.

Poucas horas despois, autoridades de Bahrain comunicaron aos Estados Unidos a súa vontade de chegar a un acordo similar. As negociacións estiveron encabezadas polos asesores do presidente Donald Trump, Jared Kushner e Avi Berkowitz. O acordo pechouse o 11 de setembro de 2020 logo dunha chamada telefónica entre Donald Trump, Benjamin Netanyahu e Hamad bin Isa Al Khalifa, rei de Bahrain.

A sinatura dos Acordos de Abraham tiveron lugar o 15 de setembro de 2020 nos xardíns da Casa Branca coa presenza dos ministros de exteriores dos Emiratos Árabes Unidos e de Bahrain, o primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, e o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump.

Cando se fixo a sinatura, o presidente Donald Trump afirmou que outras cinco nacións poderían unirse aos acordos cedo, incluíndo Arabia Saudita, mais para os analistas analistas os candidatos máis cribles a curto prazo eran Sudán e Omán. Tamén con optimismo, en setembro do 2020, o embaixador dos Estados Unidos ante a ONU, Kelly Craft, dixo que un país novo recoñecería Israel "ao día seguinte ou dous." O día 23 de outubro do 2020, Israel e Sudán anunciaron a normalización das relacións, sendo así Sudán o terceiro país árabe en sumarse a iniciativa dos Acordos de Abraham en dous meses. Ademais, o 10 de decembro de 2020, o presidente Trump anunciou que Israel e o Reino de Marrocos acordaran estabelecer relacións diplomáticas plenas. Como contrapartida, os Estados Unidos recoñeceron a soberanía marroquí sobre o Sáhara Occidental.

Documentos miniatura|324x324px|Declaración dos Acordos de Abraham|esquerda Os documentos relacionados cos Acordos de Abraham son os seguintes: TipoNome oficialDataPaíses asinantesTexto DeclaraciónDeclaración dos Acordos de Abraham15 de setembro de 2020Estados Unidos, Israel, Emiratos árabes Unidos, BahrainAcordo entre Israel e os Emiratos Árabes Unidos Acordos de paz de Abraham: tratado de paz, relacións diplomáticas e normalización plena entre os Emiratos Árabes Unidos e o Estado de Israel15 de setembro de 2020Israel, Emiratos árabes Unidos, Estados Unidos (testemuña)Acordo entre Israel e BahrainAcordos Abraham: Declaración de paz, cooperación e relacións amigables e diplomáticas 15 de setembro de 2020Bahrain, Israel, Estados Unidos (testemuña)

Consecuencias

Bahrain miniatura|Troco de agasallos entre Isaac Herzog e o rei de Bahrain na súa visita de decembro de 2022. Poucas semanas despois do acordo, varios ministros de Bahrain viaxaron a Israel en 2020 para manter unha reunión trilateral con autoridades hebreas e dos Estados Unidos. Logo da rúbrica dos Acordos de Abraham, o Reino de Bahrain nomeou a Khaled Yousif Al-Jalahma como o seu primeiro embaixador en Israel o 30 de marzo do ano 2021. Ademais, Bahrain acolleu as visitas oficiais de altas autoridades de Israel nos anos seguintes: a do ministro de exteriores Yair Lapid en 2021, a do primeiro ministro Naftali Bennett e a do presidente do Estado, Isaac Herzog, en 2022.

Emiratos Árabes Unidos Grazas aos Acordos de Abraham, en outubro de 2020, un grupo de ministros emiratís visitaron Israel por primeira vez, aínda que contou coa protesta das autoridades palestinas, Emiratos Árabes Unidos solicitou a apertura dunha embaixada en Tel-Aviv, algo que pasaría en xullo de 2021. Pola súa banda, Israel estableceu unha embaixada en Abu Zabi e un consulado xeral en Dubai, inaugurados polo ministro de Relacións Exteriores, Yair Lapid, en xuño de 2021. Ademais, o primeiro ministro hebreo, Naftali Bennett, fixo en decembro de 2021 unha viaxe oficial a Emiratos Árabes Unidos, cualificada de histórica pola prensa.

En 2022, Israel e Emiratos Árabes Unidos acadaron un acordo de libre comercio que albiscaba unha redución ou a eliminación das tarifas aduaneiras do 96% dos produtos comerciais entre ambos os dous países. Ademais, segundo as previsión, contábase con superar os 11 mil millóns de dólares en volume de actividades mercantís entre ambos os dous estados en 5 anos. O acordo entrou en vigor en marzo de 2023.

Estados Unidos Baixo a presidencia de Joe Biden, o 2 de febreiro de 2021, o voceiro de Departamento de Estado, Ned Prize, trasladou que "os Estados Unidos continuarán a instar a outros países a normalizar relacións con Israel", pero precisando que a normalización non "é un substituto para a paz entre Israel e Palestina".

Ademais, o 26 marzo do ano 2021, un grupo de 18 senadores dos Estados Unidos, presentaron unha moción para instar ao Departamento de Estado a desenvolver unha estratexia axeitada “para fortalecer e expandir o Abraham Acordos e outros acordos de normalización relacionados con Israel.”

Segundo o xornal dixital Axios o goberno de Joe Biden quere continuar coa normalización diplomática aberta no período de Trump buscando novos pactos, pero fronte á denominación Acordos de Abraham, prefire referirse a isto como "proceso de normalización". Esta visión tamén foi sinalada polo semanario The Jewish Press, vencellado á comunidade xudía ortodoxa moderna de Brooklyn, atendendo ás declaracións públicas do voceiro do Departamento de Estado.

Marrocos miniatura|Recepción de Mohamed VI de Marrocos á delegación conxunta dos Estados Unidos e Israel en decembro de 2020. En decembro do 2020, Israel e Marrocos fixeron unha declaración conxunta para establecer un acordo de normalización das súas relacións. Asemade, os Estados Unidos recoñeceron a reclamación de Marrocos sobre Sáhara Occidental. Estas declaracións foron empregadas por Alxeria para xustificar a ruptura unilateral das relacións con Marrocos en 2021.