María Teresa Pérez Guerra, coñecida como Tara, nada na Coruña o 23 de agosto de 1950, é unha excantante galega. Pioneira en Galicia do rhythm and blues e o soul, acadou fama a comezos da década de 1970, cunha breve carreira que incluíu a publicación dun disco e varios sinxelos.

Traxectoria Artista precoz, aos 11 anos gañou un concurso radiofónico dunha emisora local da Coruña. Estudou na súa cidade natal Decoración e Cerámica, antes de trasladarse a Barcelona e posteriormente a Madrid. En xuño de 1970 publicou a través de Polydor o seu primeiro dobre sinxelo (Happy/El Amor de Una Mujer), que constou de dúas versións de temas de William Bell e dos irmáns Barry e Maurice Gibb (membros dos Bee Gees). Ese mesmo ano saíu á luz o seu primeiro e único álbum, titulado En Directo Desde J&J, un disco próximo ao rock e ao soul e que foi gravado na discoteca madrileña J&J. O traballo, que incluíu interpretacións de temas como "Son of a preacher man” de Dusty Springfield, “Think” de Aretha Franklin ou "My man" de Billie Holiday, lanzouna inmediatamente á fama, facéndose unha habitual de Televisión Española. Antes de que rematase o ano publicou un novo sinxelo (Somebody/Lonely People), formado por dous temas compostos por Teddy Bautista.

En febreiro de 1971 presentouse ao concurso de preselección para o Festival de Eurovisión, participando co tema "Palabras" de Juan Pardo. A continuación puxo fin a súa carreira musical, á que só regresou brevemente en 1974 coa publicación dun novo sinxelo con dous temas (“Sálvame" e "Algo o alguien como yo”). En 1993 Polydor lanzou un disco que recollía tódalas súas gravacións anteriores, así como unha versión do "Never, never leave me" de Mary Wells e un tema inédito: "Mis pensamientos".

Discografía Álbums En Directo Desde J&J (1970). Sinxelos Happy / El Amor de Una Mujer (1970). Somebody / Lonely People (1970). Sálvame / Algo o Alguien Como yo (1974).

Notas

Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1950 Categoría:Cantantes de Galicia Categoría:Cantantes en lingua inglesa Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes