Pura Maortua Lombera, de casada Pura Ucelay, nada en Limpias (Cantabria) o 10 de abril de 1883 e finada en Madrid o 3 de decembro de 1972, foi unha directora teatral española.
Traxectoria
Primeiros anos Naceu nunha familia acomodada, filla de Purificación Lombera, natural de Limpias, e de Ramón Maortua, natural de Elorrio (Biscaia), dedicado ás industrias de graxas e xabóns. Viviu en Cantabria durante a mocidade, mais adoitaba pasar tempadas en Madrid cun tío seu, José Gómez Ocaña, catedrático de fisiología da Universidade Central. El introduciuna no mundo cultural madrileño e acompañouna nas súas viaxes por España, Francia e Italia.
Tras casar con Enrique Ucelay Sanz, instalouse definitivamente en Madrid.
Lyceum Club Feminino Foi socia fundadora do Lyceum Club Feminino, inaugurado en novembro de 1926 na Casa das Sete Chemineas, onde ela se encargou da decoración. A prensa fíxose eco da inauguración. Eusebio de Gorbea, nun artigo no xornal La libertad, describíaa como unha das fundadoras máis prestixiosas. O artigo concluía cunhas preguntas contestadas por varias delas. As respostas de Maortua publicáronse o 24 de decembro dese ano:«O nacemento do Lyceum Club créoo debido á necesidade que sentía a muller española de conquistar os seus foros e a consideración que lle corresponde, como un ser humano de análoga capacidade, dereitos e obrigacións que o home.»Amais, considerábao un grande avance para a cultura, tanto para o home como para a muller.
La Cívica Xunto a María Lejárraga e María Rodrigo fundou a Asociación Femenina de Educación Cívica, coñecida popularmente como La Cívica. A fundación foi anunciada por Lejárraga en agosto de 1931 desde a tribuna do Ateneo e con panfletos e anuncios nos xornais. Comezaron as actividades en marzo de 1932 nuns locais da Escola Superior de Maxisterio de Madrid, e en xuño mudáronse a unha sede propia.
Era una asociación dirixida á clase media. Amais de fornecer un espazo de reunión e unha plataforma de acción social, ocupábase da formación cultural. Entre quen impartiron cursos figuraban Clara Campoamor, María de Maeztu e Fernando de los Ríos. De La Cívica tamén xurdiu o Club Anfistora. Nun principio íase chamar Club Teatral de Cultura, mais por suxestión de Federico García Lorca tomou ese nome.
Club Anfistora No outono de 1932 pediulle permiso a García Lorca para representar A zapateira prodixiosa. Lorca accedeu coa condición de que a reposición da farsa incluíse a estrea dunha obra súa censurada. Para iso, Maortua debía conseguir algunha das copias requisadas. O 5 de abril de 1933 estreou no Teatro Español Amor de don Perlimplín con Belisa en su jardín, de 1928, prohibida pola ditadura de Primo de Rivera polo seu contido erótico. Durante a representación, Gregorio Marañón chegou a levantarse da súa butaca, escandalizado polo erotismo e a debilidade varonil de Perlimplín. Colaboraron na montaxe o debuxante Santiago Ontañón e o escenógrafo Fontanals, e Maortua creou o vestiario.
En xaneiro de 1935 estreou unha versión de Peribáñez y el comendador de Ocaña. Dirixida xunto con Lorca con motivo do aniversario da morte de Lope de Vega, foi un grande éxito. Malia superaren en calidade ás compañías profesionais que concorrían ao premio da mellor representación concedido polo Concello de Madrid, non puideron recibilo polas protestas de devanditas compañías. En troques, recibiron a axuda necesaria para realizaren unha nova representación.
En 1935 obtivo permiso de Valle Inclán para levar a escena o esperpento Los cuernos de don Friolera. A estrea estaba previsto para principios de 1936. Porén, esta truncouse ao morrer o autor, ante a petición da viúva Josefina Blanco, quen coñecía a Maortua do Lyceum. Valle deixara nas súas últimas vontades a prohibición expresa de facer manifestación algunha da súa morte, pois temía que se usase con fins políticos. Os actores rebeláronse e marcharon do Anfístora. Estrearon a obra coa compañía teatral Nueva Escena, con Rafael Alberti e María Teresa León na dirección desta.
En maio de 1936 realizou o primeiro intento dunha posta en escena de Así que pasen cinco años colaborando co autor, Lorca, mais o seu asasinato fíxoo imposible. Segundo Ian Gibson, Lorca propúxolle atrasar a estrea até despois de Doña Rosita la soltera. O granadino consideraba que isto granxearíalle o favor do público, xa que el mesmo era consciente da complexidade da obra. Consérvase o guion mecanografado que Maortua usou nos ensaios, con correccións de puño e letra de Lorca.
Tras a guerra civil Despois da guerra colaborou con Arturo Ruiz Castillo no vestiario dalgunha das súas películas. Dirixiu Deseo bajo los olmos no Teatro Nacional de Cámara y Ensayo. Nos últimos anos da súa vida padeceu unha doenza que lle impedía ler. Morreu o 3 de decembro de 1972 aos 89 anos.
Descendencia e legado Do seu matrimonio con Enrique Ucelay Sanz tivo catro fillas. Unha delas, Matilde Ucelay, foi a primeira muller de España licenciada en Arquitectura e gañadora do Premio Nacional en 2004. Margarita Ucelay, filóloga, seguiu o labor que a súa nai iniciara sobre a obra de Lorca, durante a súa vida académica nos EUA.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
Reportaxe en Crónica pola fundación de La Cívica, 19-06-1932 (en castelán) Recensión en La Libertad da inauguración dos locais de La Cívica, 05-06-1932 (en castelán) Recensión do éxito de Peribáñez y el comendador de Ocaña en Ahora, 27-01-1935 (en castelán)
Categoría:Directores de teatro de España Categoría:Nados en 1883 Categoría:Nados en Cantabria Categoría:Finados en 1972