Onychocerus albitarsis é unha especie de escaravello cerambícido das selvas amazónicas e bosques atlánticos do Brasil, Bolivia, Paraguai e sur do Perú. É salientable por ser o único escaravello que pode realizar unha picada velenosa (en lugar de esparexer chorros de toxinas como os escaravellos bombardeiros ou segregar toxinas polo corpo como os meloidos) e o único artrópodo coñecido que pica coas súas antenas. Os extremos das antenas son un ferrete que evolucionou lembrando a cola dun escorpión e está conectado a unha glándula velenosa. Da presenza deste ferrete xa se informara en 1884, pero daquela pensábase que a dor que producían era causada só polo afiadas que eran as antenas, como xa se coñecían casos noutros escaravellos, pero non estaba implicado ningún veleno. Non se confirmou ata 2005 que este animal é velenoso cando un biólogo foi picado coas antenas do animal e comparou a sensación como a dun ferrete de abella, estudándoo seguidamente en detalle. No primeiro doutros dous casos nos que se confirmou que a identidade do insecto implicado era este escaravello, unha muller experimentou unha dor significativa directamente despois do incidente e un arroibamento e proído no sitio da picada que lle durou unha semana. No outro caso un home sufriu unha dor moderada xusto despois de ser picado e o arroibamento só durou unha hora. As outras especies do xénero Onychocerus non parecen ser velenosas, xa que carecen de estruturas dentro das antenas asociadas ao aparato do veleno que se encontra en Onychocerus albitarsis.
Onychocerus albitarsis mide uns 2 cm de longo e ten un padrón con manchas variable de cor marrón amarelada, branca e negra. Sábese pouco do seu comportamento, pero é fitófago.
Notas
Categoría:Cucujiformia Categoría:Animais descritos en 1859