Liudmila Vladimirovna Rudenko (, ) nada en Lubny (RSS de Ucraína) o 27 de xullo de 1904 e finada en Leningrado (RSFS de Rusia) o 4 de marzo de 1986, foi unha xadrecista soviética e a segunda muller en proclamarse campioa mundial de xadrez, desde 1950 até 1953. A FIDE outorgoulle os títulos de Mestre Internacional (a primeira muller en recibir este título) e Mestra Internacional Feminina en 1950 e Gran Mestra Feminina en 1976. Rudenko tamén foi campioa feminina da URSS en 1952.

Traxectoria Rudenko naceu en Lubny, na rexión de Poltava (actual Ucraína). Con 10 anos foi instruída no xadrez polo seu pai, malia que, ao principio, tiña máis interese na natación. Rematada a escola secundaria, marchou a Odesa estudar economía.

Rudenko converteuse na campioa de natación de Odesa nos 400 metros braza. En 1925 foi subcampioa de Ucraína nesa modalidade. Iniciou unha carreira como planificadora económica para a Unión Soviética, e o xadrez converteuse nunha afección para ela.

Xadrez Rudenko comezou a xogar en torneos en 1925, tras mudarse a Moscova. En 1928 gañou o campionato feminino desa cidade. Posteriormente mudouse a Leningrado onde coñeceu o científico Lev Davidovich Goldstein, con quen casou. En 1931 tiveron un fillo. En 1929 empezou a adestrar en Leningrado con Peter Romanovski, e gañou tres veces o campionato feminino da cidade.

Na segunda guerra mundial, Rudenko organizou un tren para evacuar nenos tralo Sitio de Leningrado. Describiu este feito como o logro máis importante da súa vida.

A primeira campioa feminina mundial, Vera Menchik, morreu en Londres en 1944 durante un bombardeo. Despois da guerra, no inverno de 1949-1950, a FIDE organizou un torneo en Moscova para nomear a nova campioa feminina. Competiron dezaseis mulleres de doce países, e as catro xogadoras soviéticas obtiveron os catro primeiros postos. Rudenko, quen tiña entón 45 anos, gañou o torneo, con nove vitorias, unha derrota, e cinco táboas. Mantivo o título de Campioa Feminina Mundial até 1953, cando o perdeu contra Elisaveta Bykova. A súa puntuación era 6–8 (cinco vitorias, sete derrotas e dúas táboas).

Despois da guerra, os adestradores de Rudenko foron Alexander Tolush e Grigori Levenfish. En 1950 obtivo o título de Mestre Internacional e en 1976 o de Gran Mestra Feminina.

Legado En 2015 Rudenko foi incluída no Salón Mundial da Fama de Xadrez. Foi homenaxeada cun Doodle de Google o 27 de xullo de 2018, o 114º aniversario do seu nacemento.

Notas

Categoría:Xadrecistas do século XX Categoría:Finados en 1986 Categoría:Nados en 1904 Categoría:Nados na rexión de Poltava Categoría:Xadrecistas da Unión Soviética