O Pazo de Mugartegui, ou Pazo dos Condes de Fefiñáns en Pontevedra, é un pazo barroco que data do século XVIII. Actualmente alberga a sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas.
Localización Está situado na Praza da Pedreira, no corazón do casco antigo de Pontevedra, moi preto da ponte medieval do Burgo. A gran cantidade de pedras que se acumularon fronte ao pazo de Mugartegui para construír tanto o pazo como a igrexa de San Bartolomeu e o Colexio da Compañía de Xesús fixo que este espazo recibise o nome de Praza da Pedreira.
Historia O pazo foi construído para José Manuel Valladares e Figueroa, Conde de Fefiñáns, sobre as ruínas dunha casa do século XVII. Foi realizado polo mestre canteiro Pedro Antonio Ferreiro, que terminou a construción en 1771, excepto o frontón do escudo finalizado en 1773. O edificio pertencía entón á familia Fernández de Mugartegui, emparentada cos Valladares, de quen toma o seu nome actual.
Durante o século XIX, o pazo converteuse nun centro educativo, xa que albergaba a Escola Normal Masculina. No século XX dividiuse en varias vivendas e, a partir de 1955, foi sede da Academia de Estudos Jovellanos.
Hoxe en día pertence ao Concello de Pontevedra, que o comprou o 20 de novembro de 1998. O arquitecto Jesús Aser Fole foi o encargado de reformalo. Desde 2003 atópase alí a sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, cun museo do viño na planta baixa, mentres que as súas salas son utilizadas polo Concello para actos protocolarios, culturais e sociais. Inaugurouse para estas novas funcións o 24 de marzo de 2001. miniatura|210x210px|Escudo de armas do Pazo coroado por un reloxo de sol de pedra
Descrición O pazo ten unha fachada cun arco de entrada, un balcón central con varanda curva e un gablete. A planta baixa ten soportais que daban acceso ás antigas cortes e adegas e ás habitacións da servidume, con sete arcos de medio punto sostidos por pequenas columnas de orde toscana. Por encima destes arcos, o segundo andar ten sete portas francesas. Diante da porta central do primeiro piso hai un pequeno balcón con varanda de ferro.
O corpo central está enmarcado por pilastras coroadas con pináculos. Na parte superior, hai un frontispicio no frontón semicircular partido cun escudo rococó coroado por un helmo, e sobre el, un reloxo de sol e un sol de pedra cuxos raios emanan dun rostro de fazulas riseiras. O escudo mostra as armas das liñaxes de Figueroa, Arango, Quirós e Omaña.
Na fachada traseira pódese ver a terraza que no seu día se abriu como miradoiro sobre o Lérez.
Cultura O salón principal do pazo é utilizado polo Concello de Pontevedra para actividades culturais e para a celebración de vodas. Ademais, desde o seu balcón, un personaxe famoso dá cada ano o pregón para inaugurar as festas de agosto da Virxe Peregrina de Pontevedra.
Galería de fotos
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos Igrexa de San Bartolomeu de Pontevedra
Ligazóns externas Pazo de Mugartegui na web Visit-Pontevedra Pazo de Mugartegui na web de Terras de Pontevedra Pazo de Mugartegui na web de Turismo Rias Baixas
Categoría:Arquitectura barroca en Galicia Mugartegui