Dals-Ed é un municipio sueco (kommun) do condado de Västra Götaland. Anteriormente pertencía ao desaparecido condado de Älvsborg. A súa capital é Ed, o que o converte nun dos 42 concellos que ten como capital a unha antiga localidade municipal. Dals-Ed é o concello do condado de Västra Götaland con menos poboación, tendo 4 606 habitantes en decembro do ano 2024.
O concello está en gran parte cuberto por bosques. A área caracterízase por unha paisaxe de val de fractura con lagos como un dos lagos máis profundos de Suecia, o Stora Le. O centro da actividade económica do municipio é a vila de Ed, que tamén é un coñecido destino turístico.
Historia administrativa A área do municipio correspondese coa das parroquias de Dals-Ed, Gesäter, Håbol, Nössemark, Rölanda e Töftedal. Nesta fundáronse concellos rurais co mesmo nome coa reforma municipal de 1862.
O 8 de abril de 1927 estableceuse a localidade municipal de Ed no concello rural de Dals-Ed.
Coa reforma municipal de 1952 naceu o gran concello de Dals-Ed a partir dos anteriores municipios de Dals-Ed, Gesäter, Håbol, Nössemark, Rölanda e Töftedal. A localidade municipal de Ed dissolveuse o 31 de decembro de 1957.
O concello de Dals-Ed fundouse coa refoma municipal de 1971 a través da reorganización do concello rural de Dals-Ed.
O municipio pertenceu dende a súa fundación ata o 1 de maio de 1999 ao partido xudicial de Åmål, e dende entón pertence ao de Vänersborg.
Xeografía O concello está no noroeste do landskap de Dalsland e limita ao norte co municipio de Årjäng no condado de Värmland, ao leste co de Bengtsfors, ao sur co de Färgelanda, ao suroeste co de Munkedal e ao oeste co de Tanum, estes últimos no condado de Västra Götaland. Ao oeste lamén limita cos concellos de Halden e Aremark en Noruega.
Topografía e hidrografía Gran parte do concello está formado por bosque e caracterízase por unha paisaxe de val de fractura onde o leito rochoso está formado por gneis. Un lago de val de fractura cunha dirección norte-sur é o Stora Le, onde a profundidade chega case aos 100 metros. O Stora Le ten tamén moitos relictos árticos, organismos que quedaron illados no lago despois de que se derretise o xeo. Un exemplo é o Myoxocephalus quadricornis, un peixe da familia Cottidae.
Outro exemplo de curso de auga do concello é o río Örekilsälven, que segue unha dirección de falla norte-nordeste-sur-suroeste. En Gesäter, os ríos Örekilsälven e Töftedalsån flúen xuntos. No val cheo de barro formáronse fermosos barrancos.
Hai varias zonas no municipio que teñen un gran valor natural. O complexo Dals-Ed é unha gran zona de deltas de ríos glaciares e cristas de morena que forman parte da rexión fronteriza central de Suecia e se formaron durante a última etapa fría da idade de xeo hai uns 10 500 anos.
Conservación da natureza Entre Stora Le e a fronteira con Noruega atópase o parque nacional de Tresticklan que está formado por unha paisaxe de val de fractura con extensos bosques naturais, case totalmente inalterados pola silvicultura moderna. No ano 2023 había, ademais do parque nacional, 13 reservas naturais no concello de Dals-Ed.
Divisións administrativas Ata o ano 2016 para cuestións de informes de poboación o concello estaba dividido nunha única área, a congregación de Dals-Ed. A partir de 2016 o municipio está dividido no seu lugar en seis distritos, que se corresponden coas antigas parroquias: Dals-Ed, Gesäter, Håbol, Nössemark, Rölanda e Töftedal.
Localidades No municipio hai tan só unha localidade, Ed, que no ano 2023 tiña unha poboación de 2 901 habitantes.
Economía e infraestruturas
Economía local O centro da actividade económica do concello é a localidade de Ed, que se atopa entre os lagos Stora Le e Lilla Le, e a carón da liña de ferrocarril Gotemburgo-Oslo. Ed tamén é unha coñecida localidade turística. A principios da década de 2020 dentro do sector industrial do municipio destacaban as empresas Polyuretan Technology Sweden (detalles interiores para a industria do automóbil) e Pyrotek Scandinavia AB (produtos químicos). Outra empresa importante era Sykes Sweden AB (servizos empresariais). O propio concello era responsable de boa parte dos postos de traballo.
Infrarestruturas Dende o oeste cara o nordés o concello está cruzado pola estrada comarcal 164, e de oeste a sueste pola comarcal 166. En dirección norte-sur o muncipio está atravesado pola liña de ferrocarril Norge/Vänerbanan que é servido polo tren de longa distancia de Vy entre Oslo e Gotemburgo con parada en Ed. Historia Grandes partes de Dals-Ed foron moldeadas polo inlandsis. O concello estaba xa poboado durante a Idade de Ferro. Como asentamento fronteirizo, foi durante séculos un importante lugar para o comercio, o transporte e os intereses políticos. Carlos XII, o rei guerreiro sueco, marchou dende Dals-Ed cara fortaleza de Fredriksten en Halden, onde morrería.
Notas
Categoría:Concellos de Suecia Categoría:Condado de Västra Götaland