miniatura|300px|Airbus A320-200 de Aeroflot Aeroflot - Liñas Aéreas Rusas (en ruso Аэрофло́т - Росси́йские авиали́нии), ou Aeroflot (Аэрофло́т), é a liña aérea nacional de Rusia e a maior das existentes no país. No seu día foi tamén a compañía máis importante da Unión Soviética e a maior do mundo. A súa base é o Aeroporto Internacional Sheremetyevo en Moscova. A aeroliña opera en 97 destinos internacionais de 48 países.
Aeroflot é unha das aeroliñas máis antigas do mundo, creándose no ano 1923. En 1956 converteuse na primeira en operar regularmente con reactores, usando o Tupolev Tu-104. Recentemente embarcouse nun programa de modernización da súa frota e de reestruturación das súas rutas. A aeroliña uniuse a SkyTeam Alliance en abril do ano 2006, unión que foi suspendida en 2022.
Historia Orixes A creación dunha rede de transporte aéreo foi unha das prioridades que se marcaron os bolxeviques despois da revolución de 1917. Así, en xaneiro de 1921, Lenin estableceu as regras básicas que regulaban o transporte no espazo aéreo soviético e instituíu unha comisión que planificara a aviación civil na Unión Soviética.
miniatura|Il'ya Muromets A primeira comisión daría pé á creación da Glavvozdukhoflot (xefatura de administración da frota aérea civil) en Orel, Kursk e Khárkiv o 1 de maio de 1921, que dispoñía de catro cuadrimotores de bombardeo Il'ya Muromets apresuradamente reformados. Estes avións tamén serían usados, aínda que só temporalmente, pola primeira aeroliña soviética, Aviakultura, que efectuaba servizos entre Moscova e Nizhnii Novgorod durante a feira comercial anual desta última cidade.
Pero Lenin decatouse de que o país non estaba preparado para seguir en solitario ese camiño, tras perder moitos pilotos, deseñadores e enxeñeiros durante a primeira guerra mundial e a Revolución rusa. Moitos permaneceron leais ao tsar e foron executados ou encadeados, mentres outros, coma Igor Sikorsky, o creador do Il'ya Muromets, desertaron cara occidente. Lenin entón pensou en que sería precisa axuda do exterior, pero tras o seu apoio á Rusia Branca a cooperación con Gran Bretaña, Polonia, Estados Unidos e Francia parecía imposible, así que estableceron relacións con Alemaña.
O tratado de Versalles prohibira a Alemaña o mantemento dunha forza aérea, a construción de avións militares e o adestramento de pilotos. Estas restricións estendéronse á aviación civil polo ultimato de Londres de maio de 1921. Ao ser imposible burlar este tratado na Europa occidental, debido á férrea vixilancia de Gran Bretaña e Francia, tívose que buscar outra solución.
As conversas con Alemaña comezaron a dar os seus froitos o 11 de novembro de 1921 coa creación da aeroliña Deutsch Russische Luftverkehrs AG, máis coñecida como Deruluft. Asinouse tamén un acordo secreto polo que Junkers construiría e dirixiría unha factoría en Fili, nos suburbios de Moscova, mentres que tamén establecería unha escola de voo en Lipetsk, ao sueste da capital.
O primeiro avión de Deruluft, un Fokker F.III, chegou ao aeroporto moscovita de Jodynka o 30 de abril de 1922, e os servizos regulares comezaron o 1 de maio, con dous voos semanais entre Moscova e Königsberg, no leste de Prusia, levando inicialmente só correo. O servizo tiña que facer escalas para recargar nas cidades de Smolensk e Velikiye Luki.
O 9 de febreiro de 1923, data oficial da formación da aviación civil da URSS, estableceuse unha oficina de supervisión centralizada da aviación civil, o Comité Superior das Aeroliñas e o Consello para a Aviación Civil. Mentres tanto, Lev Trotski, comisario de guerra, iniciou unha campaña para mentalizar ao pobo soviético sobre as vantaxes da aviación. A campaña comezou o 6 de marzo de 1923 cun editorial en Pravda anunciando a creación dunha "Sociedade de Amigos da Frota Aérea". O 15 de xullo inaugurouse a primeira ruta regular na URSS, entre Moscova e Nizhnii Novgorod.
A frecuencia dos voos de Deruluft incrementouse a catro por semana no verán de 1923 e o 1 de xullo de 1924 estableceuse un servizo diario. Para entón xa viaxaban pasaxeiros nese servizo, nunha incomoda viaxe que duraba dez horas e media. En 1925 a aeroliña alemá Deutscher Aero Lloyd iniciou un servizo regular entre Berlín e Königsberg, o que permitía os voos entre as dúas capitais (Moscova e Berlín). Ao ano seguinte renovouse o acordo coa Deruluft e foron substituídos os anticuados Fokker por Dornier Merkur e Junkers F 13, que en 1928 establecerían un novo servizo entre Leningrado, Riga e Königsberg.
Primeiras aeroliñas Mentres os servizos externos estaban en mans de Duroluft, os servizos internos iniciáronse en 1923 coa creación de tres aeroliñas rusas. A primeira foi Dobrolet, formada o 17 de marzo, que comezaría os seus voos regulares entre Moscova e Nizhnii Novgorod no mes de xullo. A súa frota estaba composta por un de Havilland DH.34, un Vickers Vimy Commercial e uns cantos de Havilland D.H. 9A. A compañía medrou rapidamente e estableceu unha rede de rutas en Criema, Tashkent e as repúblicas soviéticas de Asia Central. En 1928 Dobrolet realizaba servizos que unían Moscova con Siberia e Mongolia, usando sobre todo Dornier Merkur. Tivo incluso a súa propia fábrica, onde construía pezas de reposto, e ata chegou a fabricar cinco Junkers F 13.
As outras dúas aeroliñas nacionais foron Ukrovozdukhput, equipada con Dornier Comet, que tiña a súa base en Khárkiv, Ucraína, e a terceira chamábase Zakavia, baseada en Tbilisi.
Aínda que Dobrolet continuou usando sobre todo avións estranxeiros, Ukrovozdukhput comezou a usar avións de deseño soviético, especialmente produtos do antigo piloto tsarista Kalinin. O primeiro avión deste deseñador en entrar en servizo foi o K-2, do que tamén se produciu unha versión ambulancia denominada K-3. Co seguinte modelo, o K-4, Kalinin conseguiría que a compañía deixase de usar os Dornier en 1928. Este modelo podía levar comodamente a catro pasaxeiros coa súa correspondente equipaxe e máis correo. Construíronse 21 exemplares e tamén tivo versións de ambulancia e exploración.
En 1925 fusionáronse Ukrovozdukhput e Zakavia, e en 1930 uníronse á Dobrolet para formar a organización estatal Transaviatsiya.
Nace Aeroflot En 1930 reorganizouse a aviación civil coa abolición do Consello Para a Aviación Civil, que foi substituído por unha nova organización, a Grazhdanskiy Wozdushnyy Flot (Frota Aérea Civil). O 25 de marzo de 1932 adoptouse oficialmente o nome de Aeroflot para a Frota Aérea Civil soviética, nome que comezou a aparecer nos seus avións.
miniatura|225px|Tupolev ANT-9 Aeroflot responsabilizouse nun principio do transporte de pasaxeiros e carga, e creáronse divisións para a aviación de uso agrícola (Aeropyl) e para as rutas do Ártico (Aviaarktika). Deruluft continuou facendo os servizos ao estranxeiro.
Nun principio Aeroflot mantivo unha frota de avións foráneos, sobre todo alemáns, pero a medida que Tupolev e Kalinin comezaron a construír modelos mellorados isto comezou a cambiar. En 1927 o éxito dos avións de Kalinin usados por Ukrovozdukhput fixo que se demandase un avión soviético de maior envergadura que puidese usar Deruluft nos seus voos internacionais. Tupolev, que tiña experiencia na construción de bombardeiros pesados, foi considerado o fabricante máis axeitado e convocado polo Kremlin para discutir o asunto. En decembro de 1927 a Frota Aérea Civil fixo un pedido para ese tipo de avión que debería construírse a grande escala.
O prototipo do Tupolev ANT-9 completouse rapidamente e mostrouse na Praza Vermella o 28 de abril de 1929 para que fose exhibido na festa do 1 de maio. O avión, chamado Krylya Sovietov (ás soviéticas), fixo o seu primeiro voo pouco despois, o 7 de maio. No mes de xullo, con 8 pasaxeiros a bordo, fixo un voo de proba viaxando por Travemunde, Berlín, París, Roma, Marsella, Londres e Varsovia, con resultados moi satisfactorios.
O rototipo e os 12 primeiros exemplares foron trimotores impulsados por motores Bristol e máis tarde por Wright Cyclone. En 1933 dous deles foron entregados a Deruluft. Os restantes 70 foron bimotores e a maioría pasou a mans de Aeroflot.
Novos avións soviéticos A mediados dos anos 30 introduciuse unha nova xeración de avións pesados soviéticos que acabaron substituíndo aos deseños alemáns por modelos propios. Kalinin deseñou a K-5, que podía levar a 8 pasaxeiros coa súa equipaxe e correo a unha velocidade de 150 km/h e cun alcance de 800 Km. Entrou en servizo en gran número con Aeroflot. Un derivado deste foi o K-6, usado para o transporte urxente, especialmente matrices de xornais, podíase así imprimir en areas apartadas e lugar de ser os xornais transportados xa impresos.
O Centro de Experimentación de Construción Aeronáutica desenvolveu tamén varios modelos. O Stal 2 levaba catro pasaxeiros e foron construídos 111 ata 1935. O Stal 3 foi unha versión aumentada, cunha estrutura simplificada e máis lixeira que podía levar 6 pasaxeiros. Entregáronse 79 exemplares entre 1935 e 1936 e seguiu sendo unha peza importante de Aeroflot ata o comezo da segunda guerra mundial, cando moitos pasaron a ser avións de enlace.
Nos anos 30 Aeroflot recibiu algúns bombardeiros sobrantes da forza aérea soviética. Foron avións TB-1, TB-3 e ANT-7 que foron usados como cargueiros ou avións utilitarios.
En 1934 a Compañía de Investigación Técnica e Científica para a Aviación organizou unha competición e apareceron tres novos transportes bimotores. Estes foron deixados un pouco de lado e elixiuse fabricar baixo licenza o Douglas DC-3, o mellor transporte da época.
O primeiro destes modelos foi o Stal 7, deseñado polo enxeñeiro italiano Bartini, un comunista que se exiliou á Unión Soviética cando Mussolini chegou ao poder en Italia. O estilizado avión prometía unha velocidade, alcance e carga útil excelentes e planeouse un voo para unha marca ao redor do mundo. O avión estrelouse ao engalar, e despois de reparado serviría de base para o bombardeiro de alta velocidade Yermolayev DB-240.
O segundo era o ZIG-1, que a pesar de que o seu prototipo fose sabotado, chegou a producirse e a entrar en servizo. Foi deseñado por un enxeñeiro francés chamado Laville. A súa aerodinámica dáballe a este avión, con capacidade para 12 pasaxeiros, unhas prestacións mellores que a de moitos cazas da época e chegáronse a fabricar oito exemplares.
Pero o máis prometedor foi o Tupolev ANT-35, que voou por primeira vez o 20 de agosto de 1936. Deseñado a partir do bombardeiro SB-2 fabricáronse dous prototipos e 11 exemplares de serie. A produción do ANT-35 foi abandonada en favor do DC-3. O ANT-35 operaron inicialmente na ruta Moscova-Riga-Estocolmo e seguiron voando durante a segunda guerra mundial, cando se lle uniron unha versión civil do bombardeiro SB-2 empregado para o transporte rápido de carga.
O 1 de xaneiro de 1937 rematou o acordo orixinal entre Alemaña e a Unión Soviética, que fora renovado en 1926. Deruluft durante os meses anteriores non dispoñía de avións propios e empregou aparatos cedidos pola Aeroflot e a Lufthansa. Finalmente deixou de operar o 1 de abril dese ano. Nesa data Aeroflot asumiu todas as súas rutas menos a de Moscova-Königsberg-Berlín, que foi suspendida ata a sinatura do Pacto Ribbentrop-Molotov en 1940.
Invasión alemá O 22 de xuño de 1941 comezaba a Operación Barbarroxa, a invasión da Unión Soviética polas tropas de Hitler. O día despois da invasión Aeroflot pasou a estar baixo control militar e comezou a apoiar ao Exército Roxo.
Debido ao avance da Wehrmacht e á perda de territorio todos os voos civís suspendéronse cara ás zonas ocupadas e ás cidades do oeste da liña que unía Leningrado, Moscova e Rostov. En 1941 as operacións de Aeroflot reducíronse un 25% debido a isto. miniatura|225px|Lisunov Li-2