Gorka Santamaría Nos, nado en Bilbao o 3 de xullo de 1995, é un futbolista español que xoga de dianteiro no Unionistas de Salamanca, da Primeira Federación. É irmán dos tamén futbolistas Josu e Ander Santamaría, sendo xemelgo deste último.
Traxectoria Ingresou aos 10 anos na canteira do Athletic Club e foi subindo polas diferentes categorías inferiores do club. Na tempada 2012/13 debutou na Terceira División co Basconia, segundo filial do Athletic, e na seguinte campaña foi o máximo goleador do grupo IV da categoría, con 20 tantos. Para a tempada 2014/15 subiu ao primeiro filial, o Bilbao Athletic, da Segunda División B, onde militou durante dúas tempadas, tendo como adestrador ao "Cuco" Ziganda. Na primeira delas marcou 18 goles, sendo o máximo goleador do equipo xunto a Sabin Merino, e logrou o ascenso á Segunda División. Na tempada 2015/16 marcou 7 goles en 34 partidos da categoría de prata, pero o equipo acabou descendendo. Na tempada 2016/17 saíu cedido ao Cádiz, onde dispuxo só de 481 minutos, nos que marcou dous goles.
En 2017 rematou o seu contrato co Athletic e asinou co Recreativo de Huelva, de Segunda B. Disputou un total de 31 partidos co club andaluz, nos que marcou 5 goles. Para a tempada 2018/19 fichou polo Sporting de Gijón B, co que marcou 10 goles en 35 partidos.
En xullo de 2019, fichou polo Badajoz, club no que militou durante os seguintes tres anos. Durante ese período disputou un total de 92 partidos e marcou 31 goles, contribuíndo a que o equipo se proclamase campión do seu grupo da Segunda B en 2021, aínda que non conseguiu o ascenso a Segunda. Na tempada 2021/22 os seus 15 goles colocárono como o terceiro máximo goleador do Grupo I da Primeira División RFEF, só por detrás de Quiles e Héctor Hernández.
En xuño de 2022 foi anunciado como novo xogador do Deportivo da Coruña, tamén da Primeira RFEF. Con todo,no club galego non conseguiu achegarse aos seus números na campaña pasada e non conseguiu ningún gol nos 14 partidos que disputou, dos que só saíu como titular en tres. O último día de 2022 o club anunciou o despido do xogador.
O 12 de xaneiro de 2023 fíxose público o seu regreso ao Badajoz. Disputou 19 partidos co club estremeño ata o final da tempada, anotando 4 goles, sen poder salvar o equipo do descenso. En xuño anunciouse a súa fichaxe polo Nàstic de Tarragona. Apenas contou con oportunidades no equipo de Daniel Vidal, disputando 27 encontros, case todos saíndo dende o banco de suplentes, e disputou sen éxito a promoción de ascenso a Segunda. Marcou un só gol, na final da promoción ante o Málaga.
En xullo de 2024 fichou polo Unionistas de Salamanca, da mesma categoría.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Datos do xogador no sitio web do Athletic Club .
Categoría:Nados en 1995 Categoría:Nados en Bilbao Categoría:Futbolistas do País Vasco Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do CD Baskonia Categoría:Xogadores do Bilbao Athletic Categoría:Xogadores do Cádiz CF Categoría:Xogadores do Recreativo de Huelva Categoría:Xogadores do Sporting de Gijón B Categoría:Xogadores do CD Badajoz Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Gimnàstic de Tarragona Categoría:Xogadores do Unionistas de Salamanca