O Pilatus PC-6 Porter é un avión utilitario monomotor STOL deseñado pola compañía suíza Pilatus Aircraft. O PC-6 voou por vez primeira no ano 1959 e foi producido por Pilatus Flugzeugwerke en Stans, Suíza. Foi construído tanto con motores de pistóns como con turbohélices e fabricouse baixo licenza durante un tempo nos Estados Unidos por Fairchild Hiller. Tras unhas 600 entregas en seis décadas Pilatus anunciou o fin da produción en 2017. Porén, en 2020 a compañía fabricou un derradeiro lote de cinco PC-6 para Indonesia, sendo o último deles entregado en 2021.
Desenvolvemento O 4 de maio de 1959 o primeiro prototipo, impulsado por un motor de pistóns de 340 cabalos, realizou o seu voo de estrea.Taylor 1965, pp. 126-127 A principios de maio de 1961 o primeiro Turbo Porter, impulsado por un motor turbohélice Turbomeca Astazou II, realizou o seu primeiro voo.Fricker 1962, p. 38 En comparación coa anterior encarnación con motor de pistóns, o Turbo Porter tiña unha maior capacidade e velocidade máxima, ademais de beneficiarse das funcións de manexo automático do motor. Eses beneficios producíronse a expensas dun maior custo de compra inicial e un maior consumo de combustible. Tanto a versión de pistóns como de turbina do PC-6 fixéronse rapidamente coñecidas polas súas capacidades STOL, precisando tan só unha curta carreira de engalaxe antes de alzar o voo.Fricker 1962, p. 102
Os primeiros modelos do PC-6 con turbinas estaban equipados co motor Astazou II pero houbo queixas sobre a fiabilidade dese motor. Outra das primeiras plantas de potencia dispoñibles para o PC-6 foi o Garrett Air Research TPE 331. Algúns operadores como Air America elixiron modernizar os seus PC-6 co motor TPE 331 en lugar do Astazou II. En maio de 1996 o primeiro PC-6 en ser equipado co motor Pratt & Whitney Canada PT6A realizou o seu voo de estrea.Moll 1993, p. 65
Para compensar o aumento dos custos de persoal e fabricación en Suíza, Pilatus distribuiu o traballo de fabricación do PC-6 entre distintos países; en 1993 a empresa checa Letov Kbely comezou a participar na fabricación do tipo. En 2013 Pilatus formou unha empresa conxunta con Beijing Tian Xing Jian Yu Science Co., Ltd. para fabricar localmente o PC-6 e o máis novo Pilatus PC-12 en Chongqing, China; inicialmente esta instalación realizou traballos de submontaxe da fuselaxe, e posteriormente doutros elementos como as ás e as superficies móbiles, que eran transportados ás instalacións de montaxe final de Pilatus en Stans, Suíza. A produción global do PC-6 finalmente sería trasladada ás instalacións de Chongqing. O 11 de decembro de 2014 completouse a primeira fuselaxe do PC-6 montada na China. En 2014, a meirande parte dos PC-6s entregados ese ano foron a clientes chineses. En abril de 2016, había uns 20 PC-6 en servizo no mercado chinés; o tipo utilizouse a miúdo para substituír o Antonov An-2, sendo segundo algúns informes máis barato de operar.
O Porter tamén foi fabricado baixo licenza por Fairchild Hiller nos Estados Unidos. Completáronse uns 100 destes avións producidos baixo licenza, sendo mercados principalmente por operadores civís nos Estados Unidos.Moll 1993, p. 64 Varios PC-6 fabricados por Fairchild Hiller tamén foron mercados polos militares durante a guerra de Vietnam. Estes recibiron a designación AU-23A Peacemaker servindo para a USAF. O Peacemaker estaba equipado cun canón de 20 mm XM-197 Gatling de disparo lateral, catro píos nas ás e unha estación central na fuselaxe para munición externa. Porén, o AU-23A demostrou ser problemático en servizo. Todos eles foron devoltos aos Estados Unidos e almacenados despois de tan só un ano de operación. En 1979 un par de UV-20 foron asignados ao destacamento de aviación da Berlin Brigade en Alemaña pola súa idoneidade para operar dentro do espazo aéreo moi restrinxido; estaban preparados para transportar calquera carga, ata once pasaxeiros, ou tres padiolas con catro auxiliares médicos.Johnson e Jones 2013, pp. 433
No ano 2017 Pilatus anunciou que deixaría de fabricar o PC-6. A compañía aceptaría pedidos ata 2018 e contaba con pechar a liña de montaxe en 2019, pero debido á pandemia de COVID-19 o avión seguiu en produción ata 2022. Nos 63 anos de produción fabricáronse un total de 604 aparellos.
Notas
Bibliografía
Fricker, John. "Pilot Report: Pilatus". Flying, Vol. 70, No. 4. April 1962. ISSN 0015-4806. pp. 38, 100–103.
Johnson, E.R. and Lloyd S. Jones. American Military Transport Aircraft Since 1925. McFarland, 2013. .
Moll, Nigel. "Ugly is Only Skin-Deep." Flying, Vol. 120, No. 2. February 1993. ISSN 0015-4806. pp. 62–68.
Taylor, John W. R. Janes's All The World's Aircraft 1965–66. London: Sampson Low, Marston & Company, 1965.
Categoría:Aeronaves co primeiro voo en 1959 Categoría:Aeronaves de Pilatus