Juan Carlos Ablanedo Iglesias, coñecido como Ablanedo II, nado en Mieres o 2 de setembro de 1963, é un exfutbolista español. Gardameta histórico do Sporting de Gijón, xogou 458 partidos oficiais co equipo asturiano ao longo de 17 tempadas, sendo o quinto futbolista con máis partidos disputados na historia do club, e gañou tres veces o Trofeo Zamora. Foi internacional coa selección española, coa que participou en dúas Copas do Mundo, en 1986 e 1990, se ben en ambas foi suplente de Zubizarreta.
É sobriño do antigo gardameta Adauto Iglesias e irmán do tamén exfutbolista do Sporting José Luis Ablanedo, coñecido como Ablanedo I, que xogaba como defensa central e co que compartiu equipo durante case toda a súa carreira.
Traxectoria
Comezos Sobriño do gardameta Adauto Iglesias, ingresou con dez anos na Escola de Fútbol de Mareo e, tras pasar polos equipos infantil e xuvenil do Real Sporting de Gijón, chegou ao filial do club, o Sporting Atlético, en 1980. Suplente na súa primeira tempada na Terceira División, fíxose coa titularidade na seguinte, xa en Segunda División B e ocupou a portería do equipo ata 1984, disputando un total de 100 partidos. Gañou a Copa da Liga de Segunda B na tempada 1982/83.
Sporting de Gijón Debutou co primeiro equipo na Primeira División o 2 de xaneiro de 1983 no Molinón, despois de que o porteiro José Aurelio Rivero fose expulsado nun partido ante o Espanyol. Na tempada 1983/84 volveu defender a portería do Sporting nos partidos correspondentes ás dúas últimas xornadas de competición, ante o Betis e o CD Málaga, así como durante a Copa da Liga.
De cara á campaña campaña 1984/85 incorporouse definitivamente ao primeiro equipo do Sporting, e foi titular durante os seguintes anos, excepto nalgúns períodos nos que sufriu lesións, entre elas unha rotura do menisco e do ligamento cruzado anterior do xeonllo dereito.
Na súa primeira campaña como xogador do primeiro equipo, disputou 33 encontros e encaixou 22 goles, cifra que lle serviu para conseguir o seu primeiro Trofeo Zamora ao porteiro menos goleado da liga. Na tempada 1985-86 repetiu o mesmo éxito tras recibir 27 goles nos 34 partidos de liga que disputou. Ademais, o 18 de setembro de 1985 debutou na Copa da UEFA na eliminatoria de 1/32 de final que enfrontou ao equipo asturiano contra o FC Köln.
Tras completar o servizo militar no verán de 1989, regresou ao equipo titular na sétima xornada da tempada 1989–90 nun partido disputado no estadio da Romareda ante o Real Zaragoza. Ao final desa mesma campaña conseguiu o seu terceiro Trofeo Zamora con 25 goles encaixados en 31 encontros. En abril de 1991 sufriu unha nova rotura do ligamento cruzado, esta vez no xeonllo esquerdo, polo que estivo sete meses de baixa. A súa recuperación coincidiu co bo estado de forma do seu compañeiro Emilio Isierte, que chegou a establecer a marca de maior número de minutos sen encaixar un gol na historia do club (697), polo que Ablanedo non participou en ningún partido de liga na tempada 1991/92.
Recuperou a titularidade na campaña 1992/93, aínda que unha fractura de mandíbula producida durante un partido de Copa do Rei contra o Rayo Vallecano, provocou a súa ausencia entre xaneiro e marzo de 1993. No curso 1993/94 ampliou o seu historial de lesións cunha luxación no ombreiro dereito que o obrigou a ser operado para arranxar a posición da súa clavícula, polo que non puido competir durante un período de cinco meses. A pesar de participar con regularidade nas tres tempadas seguintes, foi relegado á suplencia polo técnico Novoa trala xornada 21 da campaña 1997/98 nun intento de reverter a marcha do equipo, que aínda non sumara ningunha vitoria na competición. O seu último partido en Primeira División tivo lugar o 15 de marzo de 1998 nun derbi no Molinón ante o Oviedo.
Despois do descenso do Sporting a Segunda División, decidiu seguir un ano máis no club, aínda que só xogou dous partidos da tempada 1998-99. Ao remate da mesma puxo fin a súa carreira deportiva, despois de 15 tempadas no club asturiano e 458 partidos oficiais, o que o converte no quinto futbolistas con máis partidos na historia do club.
Selección española Foi internacional coas categorías xuvenil e sub-21 da selección española e gañou a Eurocopa sub-21 de 1986, tras vencer na final a Italia. Nesta detivo dous dos tres lanzamentos italianos desde o punto de penalti, na quenda que decidiu o campión do torneo.
Xogou ademais catro partidos coa selección absoluta, coa que debutou o 24 de setembro de 1986 durante un partido contra Grecia no Molinón. Ademais foi convocado para participar nas Copas do Mundo de México 1986 e Italia 1990, aínda que non xogou ningún partido en ningunha delas, pois o gardameta titular era Zubizarreta.
Palmarés Sporting Atlético Copa da Liga de Segunda B (1): 1982/83. Terceira División (1): 1980/81.
Individual Trofeo Zamora (3): 1984/85, 1985/86, 1989/90. El Molinón de Plata (6): 1984/85, 1989/90, 1990/91, 1994/95, 1995/96, 1996/97.
Notas
Categoría:Nados en Mieres Categoría:Nados en 1963 Categoría:Futbolistas de Asturias Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Xogadores do Sporting de Gijón B Categoría:Xogadores do Sporting de Gijón Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-21 Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España Categoría:Gañadores do Trofeo Zamora Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1986 Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1990